Solapas principales

Bertamiráns acolle a V Carreira de Orientación Concello de Ames

Jueves, 02 de abril de 2026

A Carreira de Orientación Concello de Ames celebrará a súa quinta edición o vindeiro domingo 26 de abril polas localizacións urbanas de Bertamiráns a partir das 11.00 horas. A carreira consistirá en visitar no menor tempo posible todas as balizas establecidas na orde que indica o mapa. Haberá tres categorías en función da idade e con diferente distancia a percorrer: xestiñas, xestas e xesteiras.

O departamento de Deportes, en colaboración con Xesta Natureza, organiza un ano máis a Carreira de Orientación do Concello de Ames, unha proba que celebra xa súa quinta edición e que conta a día de hoxe cunha gran acollida entre a veciñanza. As persoas interesadas en participar poden realizar a inscrición a través da seguinte ligazón

A orientación é un deporte, coa súa orixe nos países nórdicos, que consiste en percorrer e descifrar, no menor tempo posible e coa axuda dun compás e un mapa, unha serie de puntos (chamados balizas) establecidos nunha orde determinada. 

V Carreira de Orientación 
A carreira que se celebrará o vindeiro domingo 26 de abril ten como obxectivo visitar no menor tempo posible todas as balizas que aparecen no mapa da proba, que se entregará ao comezo da mesma. 

A inscrición para participar pódese facer de xeito individual ou en grupo (ata 6 participantes por equipo). As persoas que queiran participar de forma individual, deberán realizar a inscrición por separado. Deste xeito, poderase escoller algunha das seguintes categorías de participación: 

    • Xestiñas: categoría dirixida para nenos/as, sinxela física e tecnicamente cun percorrido menor aos 3 quilómetros. 
    • Xestas: categoría para persoas adultas, cun nivel físico e técnico medio e cun percorrido inferior aos 4 quilómetros. 
    • Xesteiras: categoría dirixida para persoas con medios ou altos coñecementos na orientación, cun nivel físico e técnico alto e cun percorrido superior aos 5 quilómetros en total. 

As saídas comezarán ás 11.00 horas e realizaranse por categorías, é dicir, todas as persoas dunha mesma categoría sairán ao mesmo tempo. Por outra banda, desde a organización da proba, facilitarase unha tarxeta electrónica para poder ir rexistrando o paso por cada unha das balizas. O percorrido deberá completarse na orde establecida desde a saída ata a meta. 

Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 644 567 614, escribir un correo electrónico a info@xestanatureza.com ou visitar a páxina web www.xestanatureza.com.

Bertamiráns acolle a V Carreira de Orientación Concello de Ames

Multimedia

  • Bertamiráns acolle a V Carreira de Orientación Concello de Ames