Solapas principales

A Banda da Loba pecha con éxito o programa especial do mes das Letras Galegas en Ames

Viernes, 28 de mayo de 2021

Burbullas familiares, recollida de identificacións para control posterior, máscaras e respecto absoluto a todas as medidas de seguridade que marca a loita contra a Covid-19. Preto de 300 persoas asistiron onte na praza de Chavián de Bertamiráns ao concerto da Banda da Loba co que se pechaban en Ames as actividades do mes das Letras Galegas. Entre o público, moitas familias e unha gran cantidade de mozos e de mozas. O concerto durou máis dunha hora. Unha boa parte dos temas que interpretou a banda rendía homenaxe a Xela Arias.

“Creo que non puidemos ter un mellor colofón para as actividades do mes das letras que a presenza en Ames da Banda da Loba interpretando, entre outros temas as músicas que crearon baseándose nos poemas de Xela Arias. Foi unha alegría ver como os veciños e as veciñas responderon  á chamada da música en directo e como  o fixeron respectando todas as normas”, manifesta a concelleira de Cultura, Natividade González que afirma ademais que “a cultura é segura e a cultura é saúde”.

A Banda da Loba completou a programación do mes das Letras Galegas en Ames. Un mes no que abondaron as presentacións de libros, os obradoiros e as exposición. A intención desde o momento no que se deseñou a programación era rematar con música e o concerto de onte respondeu á perfección ese obxectivo: rock e folk galego sustentado nas verbas de Xela Arias, a poeta homenaxeada este ano.

Concerto da Banda da Loba

Multimedia

  • Concerto da Banda da Loba
  • Concerto da Banda da Loba
  • Concerto da Banda da Loba
  • Concerto da Banda da Loba