Solapas principales

Balance dos primeiros 100 días de goberno en solitario en Ames

Lunes, 02 de octubre de 2023

O Goberno municipal conformado en solitario polo PSdeG vén de cumprir 100 días de traballo dende o pleno de investidura celebrado o pasado 17 de xuño. Durante estes primeiros meses de mandato o goberno xestionou novas áreas, sacou adiante importantes puntos no Pleno e estableceu pontes de comunicación con distintas administracións.

Acordos, axudas e xuntanzas de traballo
Durante estes primeiros 100 días á fronte do concello o Goberno municipal reuniuse con distintas administracións para tratar temas de gran importancia para o concello. En primeiro lugar chegáronse a varios acordos coa Xunta de Galicia para abordar temas como a limpeza das faixas secundarias, a necesaria intervención do CEIP de Barouta ou a reparación da presa de A Ponte Maceira. Tamén se iniciaron contactos co ente autonómico para a construción dun novo polígono industrial en Bertamiráns e un enlace do Novo Milladoiro coa AG-56.

Durante estes 100 días produciuse tamén o anuncio dun fito histórico para Ames, a licitación por 5,1 millóns de euros da humanización da travesía do Milladoiro. O alcalde non se quixo esquecer ese día do traballo de todos os membros de Corporacións pasadas e plataformas veciñais, sen as cales iso non houbese sido posible.

En canto a asuntos de interese compartidos con concellos limítrofes fixéronse tres xuntanzas de traballo coas alcaldesas e alcalde de Santiago, Teo e Val do Dubra, nas que se trataron temas como a construción dun parque comarcal de bombeiros (para o que Ames se encontra en disposición de buscar unha parcela se fose necesario), a reactivación da Mancomunidade de Santiago e unha reforma do transporte metropolitano que mellore a cobertura dos buses e súas frecuencias, entre outras cuestións.

Cultura, Turismo, Axenda Urbana e Comunicación
Ames contou na época estival cunha programación cultural moi extensa, que se manterá durante o outono e o inverno. Despois dos Seráns de Ames, este ano celebrados tanto en Tapia como Bugallido o Concello de Ames presentou as propostas que compoñen a programación infantil con Apego de Ames para os meses de setembro, outubro, novembro e decembro de 2023, que inclúen dende xogos, contos, obradoiros, espectáculos musicais e teatrais e foliadas e ata maxia ou cinema.

A participación en diversos programas de normalización lingüística foi unha prioridade para o departamento como se pode ver con Youtubeiras, Galitiktokers ou outra edición máis dos Premios Lingua e Empresa, que este ano contou coa estrea do selo REGA, recoñecemento que se lle dará a todos os establecementos promotores do uso do galego no ámbito empresarial.

Durante este verán púxose en marcha dende o Concello de Ames unha oficina de turismo da que se beneficiaron un total de 255 persoas dende o 15 de xullo ata o 15 de setembro. Dede a Concellaría estase a traballar para ampliar o período de funcionamento de dita oficina de cara a campaña estival do ano próximo.

En canto a Axenda Urbana foi aprobado en Xunta de Goberno o expediente de contratación do servizo de asistencia técnica para a redacción da Axenda Urbana 2030, así o deseño e implantación do sistema de seguimento e avaliación e o plan de comunicación. O orzamento base de licitación do proxecto é de 59.999,44 euros. Deste xeito, procederase, tras completar unha primeira fase de diagnóstico de situación, a levar a cabo as seguintes fases do proceso para a elaboración de dita axenda.

Servizos Económicos, Deportes e Promoción da Saúde
Actualmente o departamento de Servizos económicos está a traballar xunto con Intervención e os responsables de cada área nos orzamentos municipais do ano 2024, que previsiblemente serán moi negociados e dialogados. Destaca a recente aprobación da Conta Xeral do ano 2022 por unanimidade do pleno o pasado xoves, 28 de setembro cun resultado orzamentario axustado de 838.056,53 euros e un remanente de tesourería de 8.042.107,22 euros, acadando unhas cifras de execución máximas no tocante aos gastos de 30.668.622,43 euros de obrigas recoñecidas, na que destaca unha cifra de execución de investimentos (capítulo 6) do Concello por importe de 5.664.899,25 euros e unhas cifras de ingresos que acadaron os 29.535.742,64 euros.

En canto ás actividades do verán pódese destacar a asistencia e os abonados, pois neste ano as piscinas municipais descubertas de Ames contaron cun número aproximado de 4.000 abonados e abonadas.

En canto á valoración das actividades deportivas e  promoción da saúde que se levaron a cabo no verán tiveron unha gran acollida por parte dos veciños de Ames. No referente ás actividades das Escolas Deportivas hai sobre 1500 solicitudes e lista de agarda en varias actividades. Este ano incorporáronse novas actividades ás escolas e tivéronse en conta as propostas das ANPAS para garantir uns horarios compatibles coa conciliación. Tamén se retoman as actividades de Promoción da Saúde que tan ben veñen funcionando.

Urbanismo, Administración Xeral e Mobilidade
Continúan o avance das obras da améndoa central, que en breve estarán rematadas. Esta obra realizada con fondos FEDER e enmarcada dentro da EDUSI Impulsa Ames é un dos proxectos máis ambiciosos realizados no Concello ata a actualidade e fará de Bertamiráns unha vila moito máis humanizada e vivible.

En próximos días anunciaranse actuacións de rexeneración urbana no Milladoiro mediante actuacións de re-urbanización e re-definición das prazas de Manuel Murguía, Santander e Correos, e humanización do entorno das rúas Estivada de Castelao e rúa das Camelias, integrando á praza da Madalena, o parque de Estivada de Castelao e os espazos lindeiros ás mesmas. Estas actuacións no núcleo do Milladoiro sumaranse á recentemente licitada obra da N-550, travesía do Milladoiro, por 5,1 millóns de euros.

En canto ao novo polígono industrial de Bertamiráns e o novo acceso ao polígono do Novo Milladoiro xa se produciron os primeiros contactos coa Xunta de Galicia para que os proxectos se poidan levar a cabo e proporcionar así un novo espazo industrial de 60.000 metros cadrados, que xa demandan varias empresas, e tamén establecer unhas boas conexións do actual polígono do Novo Milladoiro coa AG-56.

Na actualidade continúa o proceso de estabilización de persoal polo que regularizarán un total de 118 prazas en distintos departamentos do Concello nun total de sete procesos de promoción interna, feito que nunca sucedera no Concello de Ames.

Promoción Económica, Emprendemento e Atención e Participación Veciñal
Esta Concellaría desenvolveu importantes programas para a dinamización do comercio local de Ames como pode ser o xa tradicional “Canta con Ames” e a “Volta ao cole co comercio”, contando coa colaboración de XEA e outras asociacións de empresarios do Milladoiro.

En canto a formación e inclusión laboral o Concello de Ames a través de promoción económica está a realizar unha forte aposta para formar e integrar no mercado laboral á veciñanza de Ames que máis dificultades poida ter á hora de acceder a el.

Mediante obradoiros como o recentemente rematado Renova V, en colaboración co concello de Brión e subvencionado pola Xunta de Galicia, o programa integrado que conta con distintos cursos de formación e unha taxa de empregabilidade dun 46% (sen rematar) e o Ames Emprega e Integra con (ata o momento) 550 participantes, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, amosa o compromiso que ten coa veciñanza á hora de proporcionar formación e xerar emprego.

O departamento de Promoción Económica está tamén a traballar nas tarxetas bono comercio para o mes de decembro con motivo de incentivar as compras nos comercios locais na época do Nadal e compensar ao sector polas posibles perdas ocasionadas por motivo das obras de humanización.

Obras e Servizos Básicos
Este departamento atópase inmerso na xestión dos proxectos dos plans Ames Progresa e POS, ao mesmo tempo que se está a reorganizar as brigadas municipais. Esta reorganización responde á adxudicación do novo contrato de mantemento de parques e xardíns por un total aproximado de 1.531.000 euros por 4 anos e á vontade de que as brigadas municipais se poidan ocupar máis das zonas rurais e da limpeza de beirarrúas.

Por medio da xestión dos anteriormente mencionados plans Ames Progresa e POS estanse a realizar actuacións de eficiencia enerxética no polígono industrial Novo  Milladoiro e no rural de Ames, así como obras de asfaltado, seguridade viaria e humanizacións por todo o municipio.

Benestar Social, Igualdade e Voluntariado
Este departamento levou a cabo durante a época estival actuacións como o campamento sénior, unha iniciativa que cada ano conta cunha mellor acollida, a colaboración con SOGAPS para que as familias amesás acollan a nenos e nenas saharauís e despregou mecanismos como a “Caravana morada” durante as festas de Ames, un instrumento que busca actuar fronte á violencia machista e acercar servizos integrais ás vítimas. Este punto establécese durante eventos de ocio, e serve para denunciar agresións machistas e para acompañar e atender ás vítimas. Tamén se emprega como lugar informativo para saber como actuar fronte a este tipo de violencia. O Delas Fest, festival de arte urbana con perspectiva de xénero deixou a súa pegada no Concello de Ames mediante obradoiros, charlas e murais.

Ademais, xa foi presentada unha nova edición do Sanauga, na actualidade o departamento está inmerso no traballo das actividades do 25N, o programa Amessan, o convenio que reportará 68 vivendas sociais ao Concello de Ames e a elaboración dun programa de Soidade Cero para combater a soidade e para o que se levará a cabo unha campaña dende o departamento de Voluntariado.

Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio
Este departamento xestionou  mediante unha reunión con Medio Rural e Defensa do Monte o cumprimento do convenio de limpeza de franxas secundarias e vías que levaba tres anos sen cumprirse. En breve comezan coa limpeza subsidiaria, 30 hectáreas de limpezas de montes e 30 quilómetros de vías forestais.

Neste tempo tamén se estivo a preparar o proxecto de reforma dos parques caninos, que contará cun presuposto de 30 mil euros para o acondicionamento dos dous parques que existen na actualidade no Concello de Ames, o de Bertamiráns e o de Milladoiro. O departamento tamén se compromete a realizar actuacións periódicas para a mellora continua destes espazos.

En canto ás hortas urbanas decidiuse por criterios técnicos o establecemento dunha nova horta no Agro do Muíño a cal se vai adicar unha dotación duns 30 mil euros.

O traballo de xestión das colonias felinas centrouse na actualización e na xestión do protocolo de actuación. Bertamiráns será o primeiro núcleo no que se coloquen Iglús para resgardar e alimentar aos animais para pasar posteriormente a súa esterilización. Tamén se sinalizarán as zonas nas que estas colonias se establezan. Paralelamente estase a traballar nun novo regulamento de xestión ética dos animais onde se atenderá a criterios técnicos na toma de decisións relativas a esta materia.

En canto ao patrimonio estase a actualizar o inventario municipal por segunda vez este ano. Incluíuse unha parcela localizada en Trasmonte, outra onde está o parque de bombeiros en Pousada e 12 locais do Centro Multiusos de Aldea Nova, que pasa a ser na súa totalidade propiedade do Concello de Ames, co consecuente beneficio á hora de poder desfrutar dun novo espazo municipal.

En breve serán presentadas as actividade da aula da Natureza como poden ser saídas para a recolección de cogomelos, unha xornada adicada á castaña e obradoiros de conservas e roteiros teatralizados en colaboración coas Concellarías de Promoción da Saúde e Turismo.

Por último, estase a xestionar unha xuntanza con Patrimonio para desbloquear a actual situación do Monte San Marcos, no cal se pretenden facer actuacións.

Planificación e Xestión Educativa e Mocidade
O traballo principal deste departamento dende a constitución do Goberno municipal foi o de establecer canles de comunicación coas direccións, asociacións, ANPAS e toda organización que forme parte da comunidade educativa.

No Consello Escolar Municipal  tratáronse as melloras de mantemento dos centros educativos realizadas durante este verán, aproveitando o período de vacacións, cunhas cifras que ascenden a preto de 50.000 euros en reparacións e a planificación do actual curso escolar. Algunhas melloras continúan levándose a cabo a través do Plan Ames Progresa, grazas ao cal saíron adiante obras como pintar a fachada da Escola Infantil Galiña Azul de Bertamiráns, dotar a Escola Unitaria de Covas de xogos para o exterior, o inminente peche da pista polideportiva do CEIP A Maía ou as obras de climatización do CEIP Agro do Muíño.

Actualmente os comedores contan con preto de  1.500 rapaces e rapazas e, como estaba previsto, comezouse a traballar nun novo regulamento que será consensuado coa comunidade educativa e cos grupos políticos da Corporación municipal para que o sistema de comedores escolares sexa un sistema de calidade no que prime a conciliación. Esta asunto foi comunicado xa no Consello Escolar Municipal e nos vindeiros meses  será tratado en profundidade para poder aplicar no vindeiro curso escolar 2024-2025 este novo regulamento.

As reunións cos diferentes equipos directivos de cara á planificación deste curso en canto a programación foron continuas. Ditas reunións cos membros da comunidade educativa continuarán levándose a cabo nos vindeiros meses e por ende catro anos de mandato. Este diálogo regular é necesario á par que importante xa que permite coñecer e aportar solucións a problemáticas que se presentan nos centros.

De cara ao mes de outubro terá lugar o certame Galetitokers co obxectivo de estimular a creatividade entre a mocidade, incentivar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e dar visibilidade á comunidade galega na rede social TikTok. Tamén se está a traballar para ofrecerlle aos xóvenes do concello unha ampla oferta de actividades como cursos, saídas ou días de lecer con programacións musicais de cara aos próximos meses. Por outra banda, esta área tamén está a executar melloras no local de A Factoría, situado en Biduído, dotando as salas de ensaio dun maior número de instrumentos e equipos que melloren as producións da mocidade, así como acondicionar o exterior, en especial a fachada.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames finalizará en breve la humanización de su capital y reurbanizará plazas en Milladoiro"

La Voz de Galicia: "Blas García destaca los «puentes» con otras administraciones en los primeros 100 días de gobierno"

Ames Go: "O goberno de Ames fai balance dos primeiros cen días"

Imaxe do pleno de investidura celebrado o pasado 17 de xuño