Solapas principales

Avanzan as obras de creación dun sendeiro escolar en Bertamiráns

Jueves, 05 de enero de 2023

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, achegouse, esta mañá, á Avenida da Peregrina co fin de avaliar a evolución das obras de creación dun carreiro escolar. O proxecto, adxudicado á empresa Excavaciones y Transportes Ivanca SL, ten un orzamento de máis de 190.000 euros e está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O alcalde estivo acompañado pola concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, ademais de persoal municipal.

O Goberno municipal visitou hoxe as obras de creación de sendeiros escolares que se están a executar na Avenida da Peregrina. Unhas obras que teñen como obxectivo crear un carreiro escolar seguro dentro do entorno urbano; mellorando así a seguridade peonil na vila de Bertamiráns. A actuación recollida na EDUSI Impulsa Ames tamén inclúe a construción dun carreiro escolar no centro urbano do Milladoiro.

As obras de creación do sendeiro escolar de Bertamiráns comezaron o pasado mes de novembro. Os traballos iniciáronse na parte alta da Avenida da Peregrina, xunto ao pavillón de Bertamiráns e transcorren a un bo ritmo de execución. As obras comezaron no pavillón en dirección Bertamiráns ata a altura do Camiño do Bosquiño; arestora proseguen dende o pavillón en dirección Negreira ata o IES de Ames. Unha vez finalizada esta primeira fase, os traballos proseguirán dende o Camiño do Bosquiño ata a intersección coa Avenida da Maía. O alcalde de Ames  e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, e persoal municipal visitaron, esta mañá, as obras para coñecer de primeira man a evolución dos traballos realizados. O proxecto de creación de sendeiros en Bertamiráns ten un orzamento de 192.679,66 euros. Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou que as obras están a seguir os prazos programados “Comprobamos o avance das obras do sendeiro de Bertamiráns, que a pesares do mal tempo destas semanas a empresa traballou a un ritmo importante; e que tal e como se pode comprobar xa a seguridade no acceso aos centros educativos de Bertamiráns van a mellorarse notablemente, algo polo que este Goberno leva traballando desde a súa chegada”.

Entre os resultados que se pretenden alcanzar con esta actuación cómpre salientar o impulso e mellora da mobilidade sostible, a mellora da conexión entre as zonas escolares e os centros urbanos e maila mellora da accesibilidade. Tamén se pretende reducir o uso do vehículo particular, contribuír á igualdade de oportunidades, mellorar o medio urbano na súa dimensión ambiental, paisaxística e urbanística, co consecuente impacto no benestar da poboación, a promoción da cohesión social e territorial e a competitividade, e maila mellora do estado do chan urbano, recuperándoo para usos públicos amables co medio natural.

Carreiro escolar de Bertamiráns
A senda escolar do núcleo de Bertamiráns esta deseñada para o acceso ao CEIP da Maía e ao IES de Ames, en Bertamiráns. Disporá dun ancho aproximado de tres metros, aínda que nalgúns tramos dito ancho terá que reducirse a dous metros e medio. Será un carreiro completamente accesible.

O sendeiro parte do cruzamento da avenida da Maía coa propia avenida da Peregrina. No inicio executarase con pavimento diferencial da beirarrúa existente que se implementará na actual sección da avenida da Peregrina modificando anchos de plataforma e adaptándoa ás necesidades expostas e coordinándoo con outros proxectos en marcha como son o da améndoa central e o da renovación da iluminación pública do núcleo urbano de Bertamiráns.

Beneficios para os rapaces e rapazas
Trátase dunha ruta de trazado sinxelo e seguro. Unsendeiro que favorece que os nenos e nenas vaian aos seus centros educativos a pé ou en bicicleta, pero o seu uso e aproveitamento vai moito máis alá do eido educativo. O obxectivo é que os rapaces reconquisten as rúas, que recuperen as vilas, que poidan volver gozar dun espazo público humanizado, e para iso é imprescindible que poidan moverse con seguridade e autonomía.

Isto é fundamental para o seu desenvolvemento persoal e a tranquilidade das familias. E ao mesmo tempo contribúe enormemente á súa confianza, autoestima e independencia. E non só ten efectos beneficiosos no eido emocional e psicolóxico. Con esta medida, a mellora na saúde dos menores é integral, axudando á prevención da obesidade nestas idades; a diminuír o risco de enfermidades cardiovasculares; e contribúe a aumentar a masa muscular e a mellorar a saúde da columna vertebral.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Avanza la obra del sendero escolar de Bertamiráns y el lunes arranca la 'almedra central'"

El Correo Gallego: "Comienza en la praza da Maía la obra de la 'améndoa amesá'"

Avanzan as obras de creación dun sendeiro escolar en Bertamiráns

Multimedia

  • Avanzan as obras de creación dun sendeiro escolar en Bertamiráns
  • Avanzan as obras de creación dun sendeiro escolar en Bertamiráns
  • Avanzan as obras de creación dun sendeiro escolar en Bertamiráns
  • Avanzan as obras de creación dun sendeiro escolar en Bertamiráns
  • Avanzan as obras de creación dun sendeiro escolar en Bertamiráns
  • Avanzan as obras de creación dun sendeiro escolar en Bertamiráns