Solapas principales

Aumentan a 12 os campus e campamentos que ofertan este verán os clubs e entidades deportivas de Ames

Miércoles, 25 de mayo de 2022

Ames acollerá ao longo deste verán 12 campus e campamentos deportivos, organizados por clubs e entidades deportivas locais coa colaboración do Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, e da Deputación da Coruña. Deste xeito, a rapazada amesá poderá escoller entre propostas de fútbol, patinaxe, fútbol sala, atletismo, voleibol ou baloncesto, con propostas para idades dos 4 aos 18 anos, de xuño a setembro. A oferta aumenta con respecto aos 7 campus organizados en 2021, cunhas iniciativas que contribúen á conciliación e á aprendizaxe dos valores do deporte.

A Concellaría de Deportes do Concello de Ames e a Deputación da Coruña colaboran un ano máis na organización dunha serie de campus e campamentos deportivos no período estival, co fin de promocionar a práctica do deporte e ofrecer máis opcións de conciliación ás familias amesás, nun período marcado polas vacacións escolares da rapazada. En total ofertaranse 12 actividades, con franxas de idade diversas e con opcións en seis deportes, o fútbol, a patinaxe, o fútbol sala, o atletismo, o voleibol e o baloncesto.

Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu a presentación deste conxunto de propostas para verán, que aumenta en número con respecto a 2021, no que o Concello de Ames colaborou cuns 7 campamentos deportivos. Acudiron ao acto o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís, e o técnico de Deportes, Alberto Viaño, acompañados de varias das persoas organizadoras dos campus, como Diego Montero, do FC Meigas; Jessi Pazos, do Club de patinaxe Omega; José Luís Penas, do Club Básquet Ames; David García, do Club Ames Atletismo; Javier Rábano, pai de Nuria Rábano; Joao Fernández, do Club Atletismo MillaRaio; Adrián Alvite, do FC Bertamiráns, e Marcos Heleno, do Campus David Pazos.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, abriu a quenda de intervencións agradecendo o traballo dos clubs deportivos de Ames, e valorou o aumento da oferta con respecto a anos anteriores. “Nestes dous últimos anos despois da pandemia a oferta era de sete campus, este ano subimos a doce. Espero que teñan boa acollida, cubrimos moitas datas e diferentes deportes. Buscamos que os rapaces e rapazas non só practiquen deporte, senón que tamén aprendan todos eses valores coma o compañeirismo, a amizade, a igualdade e o respecto”.

No mesmo senso se pronunciou o técnico de Deportes, Alberto Viaño. “Con estes doce campus abarcamos moitas modalidades importantes que se practican no noso concello, e tamén ocupamos a nivel temporal parte do tempo de lecer dos nenos e nenas no seu período de vacacións. Estes son os obxectivos que buscamos acadar con estes campus, dos que creo que contamos cunha oferta moi completa”.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, sumouse aos agradecementos e gabou o papel do deporte á hora de dar a coñecer o concello. “O deporte é saúde, é lecer, axuda a conciliar e tamén a promocionar o noso concello, saídes aí fóra e levades o nome de Ames, e iso é importante a nivel individual e colectivo. É un orgullo cando saídes e conseguides calquera éxito, por pequeno que sexa. O Concello de Ames leva tempo apostando polo deporte, tanto polo de base, que é chave, como organizando eventos de máis categoría, tanto a nivel galego como a nivel nacional, como o campionato de voleibol que comeza hoxe, a saída da volta O Gran Camiño ou o paso da Volta Ciclista a España por Bertamiráns”.

Ademais, García indicou que o Concello está a traballar en mellorar as instalacións deportivas actuais, que “non medraron de maneira acompasada” á poboación de Ames. “Estamos por unha banda pechando algúns convenios ou intentando mellorar ou reformar algunha das instalacións existentes”, entre as que citou a cuberta das pistas deportivas do Milladoiro, os campos de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, ou a creación dunhas instalacións de atletismo no antigo campo de fútbol de Biduído. Ademais, recordou que este ano “empezamos a traballar en dúas infraestruturas moi importantes, o complexo deportivo do Milladoiro, no que estamos traballando no prego, e tamén iniciamos os primeiros pasos para crear un novo pavillón polideportivo á altura do noso concello”.

Campamentos de fútbol

Nesta serie de campamentos de verán, o fútbol é o deporte cun maior número de propostas, uns catro campus que se desenvolverán dende as últimas semanas de xuño e durante todo o mes de xullo, con opcións para a rapazada dos 5 aos 16 anos. O primeiro deles será o XI Campus de Fútbol do Bertamiráns FC, que terá lugar os días 23, 24, 28, 29 e 30 de xuño e o 1 de xullo, de 9:00 a 14:30 horas. Orientado para nenas e nenos dos 5 aos 14 anos, desenvolverase no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. Para máis información e para inscribirse, pódese acceder á páxina web do Bertamiráns FC.

Asemade comezará o I Campus pola igualdade no deporte Nuria Rábano, xogadora de fútbol amesá que actualmente xoga na Real Sociedad, na Liga Iberdrola. Neste caso, o campamento será do 27 de xuño ao 2 de xullo, no campo de fútbol municipal do Milladoiro. Pensado para a rapazada dos 6 aos 16 anos, pódese pedir máis información ou inscribirse contactando ao enderezo electrónico campuspolaigualdade@galicia.com.

Por outra banda, do 4 ao 8 de xullo o RC Deportivo da Coruña organiza o seu campus de verán para nenas e nenos dos 6 aos 14 anos. Será no campo de fútbol municipal de Bertamiráns, de 9:00 a 14:30 horas. Para obter máis información ou inscribirse, pódese entrar na páxina web do RC Deportivo, ou contactar ao enderezo deporcampus@rcdeportivo.es.

Tamén a partir do 4 de xullo, e ata o día 29, de luns a venres, terá lugar o Campus de Fútbol do Milladoiro SD. Orientado a rapaces e rapazas con idades dos 6 aos 16 anos, desenvolverase no campo de fútbol municipal do Milladoiro, de 10:00 a 14:00 horas, con servizo de conciliación a partir das 8:00 horas. Para inscribirse ou solicitar máis información, pódese acceder á páxina web do Milladoiro SD.

Campamentos de patinaxe

Pola súa parte, os dous clubs de patinaxe de Ames manteñen un ano máis a súa oferta para os meses de verán. O campamento de verán de patinaxe do CPA Omega arrincará o 1 de xullo e estenderase ata o 29, das 8:30 ás 14:30 horas. Poderán participar nenas e nenos entre 4 e 16 anos, nunha actividade que terá lugar na pista cuberta do IES e no pavillón do Milladoiro. Para máis información e inscricións, pódese escribir ao enderezo info@cpaomega.es.

Ademais, en dúas quendas desenvolverase o campamento de verán de patinaxe do CP Sarela, do 18 ao 29 de xullo e do 1 ao 12 de agosto. A proposta, pensada para rapazada entre 5 e 17 anos, terá lugar de 8:15 a 14:30 horas, no pavillón polideportivo municipal de Bertamiráns. Para inscribirse ou obter máis detalles, pódese contactar por correo electrónico a clubdepatinaxesarela@hotmail.com.

Campamentos de fútbol sala

Ao igual que coa patinaxe, haberá tamén dous campus de verán de fútbol sala. Do 27 de xuño ao 2 de xullo celebrarase o I Campus David Pazos, xogador amesán do Burela FS da Primeira División Nacional de fútbol sala. A iniciativa desenvolverase no pavillón polideportivo municipal do Milladoiro, de 9:30 a 14:00 horas, e poderán anotarse nenas e nenos entre 6 e 14 anos. Para inscribirse ou solicitar máis información, pódese escribir ao enderezo campusdavidpazos@gmail.com.

Por outra parte, volve un ano máis o Campus de Verán Santi Valladares, do FC Meigas e das EFS Trasgos. Orientado á a rapazada dos 4 aos 14 anos, o campamento terá lugar no pavillón polideportivo municipal de Bertamiráns, do 1 ao 15 de xullo, e de 9:00 a 14:30 horas. Para obter máis información ou inscribirse, pódese consultar a páxina web do FC Meigas.

Campamentos de atletismo

O outro deporte que aparecerá por partida dobre no verán amesán será o atletismo, con dúas iniciativas para a rapazada nada entre os anos 2009 e 2015 dos dous clubs de atletismo locais. En primeiro lugar desenvolverase o Campus do Ames Atletismo, que ocupará en dúas quendas a área deportiva de Bertamiráns. A primeira será o 23, 24, 27, 28, 29, 30 de xuño e 1 de xullo, mentres que a segunda será en setembro, os días 1, 2, 3, 5, 6, 7 e 8, sempre de 9:00 a 14:00 horas. Para máis información e inscricións, pódese escribir ao enderezo amesatletismo@gmail.com.

Pola súa banda, a área deportiva do Milladoiro acollerá o VIII Campus de Atletismo do MillaRaio, que terá lugar do 1 ao 9 de setembro, de luns a venres e de 9:00 a 14:00 horas. Toda a información e o proceso de inscrición estarán dispoñibles proximamente na páxina web do Club Atletismo MillaRaio.

Campus de voleibol

Outra das propostas deportivas para o verán terá que ver co voleibol. O CV Bruxas organiza do 20 ao 24 de xuño o International JDB Volleyball Campus, unha iniciativa que se desenvolverá polas mañás no pavillón de Roxos (Santiago), de 10:30 a 12:30 horas, e de tarde no pavillón polideportivo municipal de Bertamiráns, de 21:00 a 23:00 horas. Para anotarse ou obter máis información do campus, orientado a mozos e mozas entre 12 e 18 anos, pódese escribir ao enderezo proyectjdb@gmail.com.

Campus de baloncesto

Por último, a oferta de campamentos deportivos inclúe o V Campus de verán do Básquet Ames, que achegará o baloncesto ás nenas e nenos nados entre 2008 e 2016. Será do 4 ao 8 de xullo e do 11 ao 15 de xullo, de 9:00 a 17:00 horas, no pavillón polideportivo municipal do Milladoiro. Para inscribirse ou solicitar máis información, pódese acceder á páxina web do Básquet Ames.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames oferta este verano once campus deportivos, uno de igualdad"

El Correo Gallego: "Aumentan de 7 a 12 los campus de deporte para la juventud en verano"

Aumentan a 12 os campus e campamentos que ofertan este verán os clubs e entidades deportivas de Ames

Multimedia

  • Aumentan a 12 os campus e campamentos que ofertan este verán os clubs e entidades deportivas de Ames
  • Aumentan a 12 os campus e campamentos que ofertan este verán os clubs e entidades deportivas de Ames
  • Aumentan a 12 os campus e campamentos que ofertan este verán os clubs e entidades deportivas de Ames
  • Aumentan a 12 os campus e campamentos que ofertan este verán os clubs e entidades deportivas de Ames
  • Aumentan a 12 os campus e campamentos que ofertan este verán os clubs e entidades deportivas de Ames
  • Aumentan a 12 os campus e campamentos que ofertan este verán os clubs e entidades deportivas de Ames