Solapas principales

A Aula CeMIT volve á presencialidade, que acompañará á formación telemática en cinco cursos para adultos nos meses de novembro e decembro

Viernes, 05 de noviembre de 2021

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames retoma por primeira vez dende o comezo da pandemia a presencialidade, con dous cursos de iniciación ás novas tecnoloxías para adultos nos meses de novembro e decembro. A actividade volve tamén á aula aberta, que estará dispoñible de luns a venres, dende as 9:30 ata as 13:00 horas. Tanto este espazo coma os cursos terán un aforo máximo de 8 persoas, para os que cómpre reservar praza chamando ao 682 373 753, ou ben enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal. Ademais, continúan as propostas de formación en liña a través da canle de YouTube do centro, con tres cursos telemáticos en horario de tarde.

A veciñanza de Ames pode anotarse nos dous cursos cos que a Aula CeMIT volve ao formato presencial: “Iniciación á informática” do 9 ao 25 de novembro, e “Iniciación a internet”, do 30 de novembro ao 16 de decembro. Os dous itinerarios terán lugar os martes e os xoves, de 10:30 a 12:00 horas, no espazo situado no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns, con hixiene de mans á entrada, máscara obrigatoria e spray hixienizante para os equipos, e coas prazas limitadas a 8 persoas por curso. Ademais, retorna o acceso á aula aberta, de luns a venres e de 9:30 a 13:00, coas mesmas medidas de seguridade e aforo que os cursos en modalidade presencial, co fin de consultar dúbidas e usar de maneira libre os equipos informáticos.

Continúa a oferta de formación telemática en novembro

En horario de tarde, de 17:30 a 19:00 horas, o persoal da Aula CeMIT continuará ofrecendo cursos en modalidade a distancia, co gallo de continuar coas propostas realizadas nos últimos meses por mor da pandemia do coronavirus. Empregando a canle de YouTube do centro, a veciñanza terá que asistir ás sesións formativas a través de diferentes vídeos en directo, a través dos seus ordenadores, móbiles ou tabletas. Os tres cursos son “Traballando na nube”, do 8 ao 18 de novembro; “O correo electrónico: web e móbil”, do luns 22 ao 26 de novembro, e “Compras seguras a través de Internet”, o 29 e o 30 de novembro. Cada luns pola mañá, antes do comezo de cada curso, a Aula CeMIT enviará correos electrónicos coa información necesaria para acceder a estas sesións formativas, así como un breve titorial para descargar e instalar o software de ofimática LibreOffice.

Iniciación a informática

Iniciación á informática” será o primeiro curso en formato presencial da Aula CeMIT de Ames dende o comezo da pandemia. Trátase dunha formación de nivel básico introdutorio, na que se aprenderán conceptos como o manexo do rato e teclado, acender e apagar os equipos, xestión do Sistema Operativo para crear documentos, traballar con eles e, sobre todo, gañar confianza no emprego de novas tecnoloxías. Terá lugar de 9 a 25 de novembro, os martes e xoves, de 10:30 a 12:00 horas.

Iniciación a Internet

Iniciación a internet” é unha continuación ideal do curso de iniciación á informática, aínda que tamén se adapta para aqueles e aquelas usuarias que xa teñan unha leve noción de como empregar un ordenador. A formación buscará que o alumnado entenda como funciona a web: o manexo dun navegador web, a interface das páxinas, servizos de interese e introdución ó uso dun ordenador para seguir calquera dos cursos telemáticos do centro dende a casa. Será do 30 de novembro ao 16 de decembro, tamén de 10:30 a 12:00 horas cada martes e xoves.

Tres cursos máis na canle de YouTube do centro

Traballando na nube”, do 8 ao 18 de novembro, é un curso de nivel medio, onde as participantes descubrirán as vantaxes deste formato. Empregando o ecosistema de Google como base práctica aprenderase a compartir documentos, traballar colaborativamente no mesmo documento, manexarnos con aplicacións de xestión e organización e unha introdución básica ás ferramentas de Google Drive ou Microsoft Office.

O correo electrónico: web e móbil”, do luns 22 ao 26 de novembro, explicará como sacarlle o máximo partido aos nosos correos electrónicos. Dende como ler correos dende web e móbil, ata profundar en cuestións coma as da súa organización mediante filtros, funcións novas como a programación de envío en Gmail ou pospoñer a lectura de correos recibidos, así como todas as opcións de configuración dispoñibles.

Por último, os días 29 e 30 de novembro terá lugar “Compras seguras a través de Internet”, no que aproveitando a proximidade do Nadal, ensinarase como realizar e moverse polo proceso de compra en liña de maneira segura.

Todos os cursos en liña se desenvolverán en horario de tarde, de 17:30 a 19:00 horas, a través de vídeos en directo que estarán dispoñibles na canle de YouTube da Aula CeMIT de Ames.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Volve a presencialidade á aula CeMIT da capital"

A Aula CeMIT volve á presencialidade, que acompañará á formación telemática en cinco cursos para adultos nos meses de novembro e decembro

Multimedia

  • A Aula CeMIT volve á presencialidade, que acompañará á formación telemática en cinco cursos para adultos nos meses de novembro e decembro