Solapas principales

A Aula CeMIT propón once novos cursos para o último trimestre do ano

Sábado, 01 de octubre de 2022

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames continúa a súa proposta formativa para todos os públicos en outono, cun total de once cursos que inclúen temas como a ofimática, a Administración electrónica ou o traballo na nube. Mentres, a aula aberta seguirá dispoñible para toda a veciñanza de luns a venres de 9:30 a 13:00, e manterase a atención telefónica e por correo, os luns, mércores e venres dende as 16:00 ata as 18:30 horas.

A Aula CeMIT continúa a súa actividade formativa neste 2022, un ano no que se retomou a presencialidade e se realizaron reformas para mellorar o espazo, situado no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns. Durante os meses de outubro, novembro e decembro, a aula continuará acompañando a súa oferta de obradoiros e talleres co acceso á aula aberta, de luns a venres de 9:30 a 13:00 horas, sempre que o espazo non estea ocupado por un curso presencial. Ademais, manterase a atención telefónica e por teléfono os luns, mércores e venres, das 16:00 ás 18:30 horas.

Oito cursos presenciais para todos os públicos

Ao longo do último trimestre, a Aula CeMIT vai desenvolver oito cursos presenciais, catro dirixidos ao público adulto e outros catro para o público infantil. Todos contarán cun total de 13 prazas, para as que cómpre inscribirse premendo nesta ligazón, chamando ao 682 373 753, ou ben escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.

Por unha banda, os catro cursos para o público adulto desenvolveranse de 10:30 a 12:00 horas. A primeira proposta, unha introdución á Administración electrónica, terá lugar os días 18, 19 e 20 de outubro. A seguinte semana, os días 25, 26 e 27, realizarase o curso “Crea o teu CV a medida!”. Xa en novembro, seguirase coa temática laboral co taller “Busca de emprego a través de Internet”, os días 2 e 3. Por último, os martes e xoves do 8 de novembro ao 15 de decembro desenvolverase un curso de iniciación á informática.

No caso dos cursos para nenos e nenas, o trimestre comezará coa proposta “Traballos de clase con LibreOffice Writer!”, os martes e xoves do 4 ao 13 de outubro, de 17:15 a 18:45 horas. A continuación comezará un curso de informática de nivel básico, que terá lugar todos os martes tamén de 17:15 a 18:45 horas, do 18 de outubro ao 20 de decembro. Por último, realizaranse dous cursos de mecanografía os xoves do 20 de outubro ao 22 de decembro. O dirixido a nenas e nenos de 7 a 10 anos será de 17:00 a 18:00 horas, mentres que de 18:00 a 19:00 horas será a quenda das rapazas e rapaces de 10 a 15 anos.

Tres propostas formativas en liña para persoas adultas

Ademais, a formación presencial verase complementada con tres cursos en liña, sempre con sesións os luns e mércores de 16:30 a 18:00 horas, e dirixidas ao público adulto. En primeiro lugar, do 17 de outubro ao 2 de novembro impartirase un curso sobre o correo electrónico. Do 7 ao 30 de novembro ofrecerase a proposta “Traballando na nube: sácalle partido a Google Drive”. Por último, o luns 12 e o mércores 14 de decembro explicarase como realizar compras seguras a través de Internet.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Máis cursos para pechar o ano na aula CeMIT"

AMSGO!: "A Aula CeMIT propón once novos cursos para o último trimestre do ano"

A Aula CeMIT propón once novos cursos para o último trimestre do ano

Multimedia

  • A Aula CeMIT propón once novos cursos para o último trimestre do ano