Solapas principales

A Aula CeMIT propón once novos cursos de formación para rapazada e adultos

Viernes, 23 de diciembre de 2022

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames continúa a súa oferta formativa durante os últimos días do ano e o mes de xaneiro, con seis cursos para a rapazada e outros cinco que están dirixidos a adultos. Así mesmo, o persoal informa que o horario de apertura da Aula entre o 26 de decembro e o 5 de xaneiro será, de luns a venres, dende as 8:05 ata as 13:50 horas, excepto cando se celebren cursos presenciais.

A aula CeMIT ofrece, desta volta, unha gran variedade de cursos orientados a todo tipo de público. Haberá tanto obradoiros de Nadal para a rapazada como un programa de iniciación para os máis maiores. Nesta ocasión ofértanse tamén propostas centradas na ofimática e cursos de mecanografía para menores de idade.

Cursos para menores
Os rapaces e rapazas amesáns poderán gozar, durante o período vacacional, de diversos obradoiros de creación de postais de Nadal. Entre os días 27 de decembro e 3 de xaneiro, de 10:30 a 12:00 horas, celebrarase o primeiro destes cursos, que está dirixido á cativada de entre 5 e 8 anos. O obxectivo é introducir aos nenos e nenas na informática a través do programa Paint.

Así mesmo, entre o mércores 28 de decembro e o mércores 4 de xaneiro, no mesmo horario, terá lugar outro curso, para rapaces e rapazas de entre 9 e 12 anos. Nesta ocasión, os programas empregados serán pixelart e voxelart, que permiten crear debuxos en baixa resolución semellantes aos dos videoxogos tradicionais, tanto en 2D como en 3D.

Entre os días 29 de decembro e 5 de xaneiro, a rapazada de entre 8 e 14 anos poderá asistir ao último destes cursos, no que se deseñarán as postais de Nadal a través de Scratch, unha linguaxe de programación por bloques moi visual, que serve para iniciar aos cativos e cativas neste ámbito. Neste obradoiro, que terá lugar de 10:30 a 12:00 horas, aprenderán as bases para crear unha postal de Nadal animada, a modo de felicitación de Ano Novo.

Por outra banda, os rapaces e rapazas poderán desfrutar tamén de diversos cursos de informática e ofimática, que darán comezo unha vez pasado o Nadal. Para comezar, entre o 17 de xaneiro e o 28 de marzo está programado un curso de nivel medio para a cativada maior de 9 anos. Trátase dunha formación adecuada para aquelas persoas que xa realizaran anteriormente cursos de informática básica, e que xirará en torno á utilización avanzada do navegador web e as buscas en Internet, así como o manexo do correo electrónico, a busca en Wikipedia e o traballo en equipo na nube. Impartirase todos os martes, de 17:15 a 18:45 horas.

Ademais, impartiranse dous cursos de mecanografía entre o 19 de xaneiro e o 30 de marzo. O primeiro deles, que se desenvolverá os xoves de 17:00 a 18:00, está orientado a nenos e nenas menores de dez anos, mentres que o segundo, que tamén será os xoves, de 18:00 a 19:00, diríxese a rapazada maior de dez anos. En ámbolos dous será empregada unha plataforma online coa que o alumnado poderá practicar en calquera momento dende a súa casa.

Cómpre recordar que todos os nenos e nenas que queiran inscribirse en calquera dos cursos, tanto nos de Nadal como nos de longa duración, deben estar rexistrados previamente na rede CeMIT. Para facelo, pódese visitar presencialmente a Aula CeMIT ou acceder á súa páxina web premendo nesta ligazón.

Propostas presenciais e online para adultos
Para os adultos tamén se ofertan cinco cursos, dos cales dous son presenciais, mentres que os outros tres se realizarán de maneira online. Dende o 16 de xaneiro ata o 17 de febreiro, todos os luns, mércores e venres, de 10:00 a 12:00 horas, terá lugar un curso de iniciación a Internet. En total impartiranse 30 horas de clase, nas que se aprenderá a empregar os navegadores, a facer buscas de información, imaxes ou noticias; así como a manexarse con plataformas multimedia (Youtube, radio, televisión) e medios de comunicación escritos.

Por outro lado, dende o 27 de febreiro e ata 0 17 de marzo desenvolverase outra formación de iniciación ás redes sociais, que tamén terá lugar os luns, mércores e venres, en horario de 10:00 a 12:00 horas. Os asistentes aprenderán a manexarse coas redes sociais (Facebook, Instagram, Twitter, Youtube, TikTok, BeReal...).

Para cada un deses cursos ofertaranse 13 prazas, e todos os alumnos poderán facer uso da aula aberta tanto antes coma despois das clases, para realizar prácticas adicionais ou consultar dúbidas sobre calquera tema.

Doutra banda, para participar nos cursos en liña tan só fará falta matricularse e asistir a través da plataforma Youtube, conectándose cun ordenador. Antes do comezo de cada curso enviaráselle aos participantes por correo electrónico a información necesaria para acceder a cada unha das sesións, así como un breve titorial no caso de que se precise descargar algún programa, como o LibreOffice.

O primeiro destes cursos online terá lugar o luns 12 e o mércores 14 de decembro, de 16:30 a 18:00 horas, e versará sobre as compras seguras a través de Internet. Por outro lado, entre o 16 de xaneiro e o 22 de febreiro impartirase outra formación sobre o procesador de textos LibreOffice Writer, os luns e os mércores, de 16:30 a 18:00 horas. Trátase dun curso a través de Youtube de 18 horas que serve como introdución e chega a a un nivel medio no uso do programa. Entre os aspectos que se abarcan no temario están o formato de carácter, o parágrafo e a páxina, a inserción de elementos como imaxes, formas, ligazóns, cadros de texto, etc.

Por último, entre o 27 de febreiro e o 4 de abril terá lugar o curso de follas de cálculo con LibreOffice. Desenvolverase tamén os luns e os mércores, de 16:30 a 18:00 horas. Novamente, será a través de Youtube, e nel ensinaranse nocións sobre o formato numérico e da folla de cálculo, o manexo do asistente de funcións, as operacións con porcentaxes ou datas e funcións básicas.

Horario da Aula CeMIT
O horario habitual da aula para o seu uso libre e para a consulta de dúbidas é de luns a venres, dende as 9:30 ata as 13:00 horas, excepto durante a realización dos cursos presenciais. No caso dos cursos dende a casa, a atención telefónica e a través do correo electrónico, pódese contactar coa aula os luns, mércores e venres, dende as 16:00 ata as 18:30 horas.

Durante este período festivo, entre os días 26 de decembro e 5 de xaneiro, o horario será de 8:05 horas a 13:50 horas (excepto durante a realización dos cursos presenciais).

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Achegan á rapazada amesá nocións sobre informática e mecanografía"

A oferta inclúe tanto propostas para nenos como para adultos

Multimedia

  • A Aula CeMIT propón once novos cursos de formación durante as vacacións de Nadal para rapazada e adultos