Solapas principales

A Aula CeMIT organiza seis cursos formativos para os meses de marzo e abril

Martes, 07 de marzo de 2023

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames continúa a súa oferta formativa durante os meses de marzo e abril, con catro cursos para os adultos e outros dous que van dirixidos á rapazada. Os contidos impartidos abarcan aspectos como as redes sociais e o uso do móbil, o emprego de programas como o LibreOffice ou a linguaxe de programación. A inscrición aos cursos pódese facer chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns).

A aula CeMIT ofrece, desta volta, unha gran variedade dentro da súa oferta formativa, pensada para todo tipo de público. Haberá tanto cursos de iniciación tecnolóxica para os adultos como clases orientadas ao estudantado. Ademais, continuarase ofrecendo o acceso libre á aula, que permanecerá aberta ao público de luns a venres, dende as 9:00 ata as 13:00 horas; e os martes e xoves tamén dende as 16:30 ata as 19:00 horas. Así mesmo, ofrécese atención telefónica e por correo electrónico os luns, mércores e venres, de 16:00 a 18:30 horas.

Cursos para adultos
Ofértanse catro cursos para adultos, dous deles con carácter presencial, e outros dous online. Dende o pasado 27 de febreiro está a ter lugar a formación de “Iniciación ás redes sociais”, que se estenderá ata o vindeiro 17 de marzo. Trátase dun curso de 18 horas no que os participantes aprenderán a rexistrarse en Facebook, Instagram, Twitter, Youtube, TikTok, BeReal... Ten lugar os luns, mércores e venres, en horario de 10:00 a 12:00 horas, e de forma presencial.

O 20 de marzo poñerase en marcha “Sácalle partido ao teu teléfono móbil”, que se impartirá os mesmos días e no mesmo horario, tamén presencialmente. Trátase dun curso de longa duración (remata o 26 de maio) no que os alumnos e alumnas aprenderán a controlar o seu teléfono móbil comezando dende os aspectos máis básicos, para logo introducirse no uso do sistema operativo Android, así como no das súas apps. Para cada formación de carácter presencial ofértanse trece prazas.

Xa de maneira online impartiranse os cursos “Follas de cálculo con LibreOffice Calc” e “Presentacións con LibreOffice Impress”. O primeiro estase a desenvolver dende o pasado luns, 27 de febreiro, e finalizará o 4 de abril. O segundo terá lugar entre o 11 e o 27 de abril. Ambos se poden seguir a través de retransmisións de Youtube todos os luns e mércores, de 16:30 a 18:00 horas. Dende a Aula CeMIT enviarase por correo electrónico aos participantes a información necesaria para acceder a cada unha das sesións, así como un breve tutorial para descargar e instalar os programas necesarios para o seguimento dos cursos.

“Follas de cálculo con LibreOffice Calc” é un curso de introdución da suite ofimática. Nel explícanse aspectos como o formato numérico e de folla de cálculo, o manexo do asistente de funcións, as operacións con porcentaxes ou datas e funcións básicas e condicionais. Tamén se fai un repaso polo formato condicional, a concatenación de celdas, as opcións de impresión ou a protección do documento.

“Presentacións con LibreOffice Impress” busca formar sobre a creación de presentacións con Impress: peculiaridades, interface do programa, inserción e formatado dos elementos (cadros de texto, imaxes, FontWork, táboas, gráficas, vídeos), animación e interacción das diapositivas e manexo de plantillas.

Cursos para menores de idade
Para os nenos e nenas ofrécese, por unha banda, un obradoiro de Scratch, e, por outra, outro curso de iniciación a LibreOffice Impress.

O taller de Scratch, pensado para rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos, terá lugar durante a Semana Santa (o luns 3, martes 4 e mércores 5 de abril, de 10:00 a 12:00 horas). Scratch é unha linguaxe de programación por bloques moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a utilizar a lóxica da informática na programación. Durante o curso aprenderán as bases para crear un sinxelo xogo.

Por outra banda, a formación de LibreOffice Impress, especialmente dirixida aos estudantes, terá lugar todos os martes e xoves de 17:15 a 18:45 horas, dende o 12 ata o 26 de abril. Trátase dun curso enfocado ao emprego da ferramenta para crear traballos e exposicións no colexio e instituto.

A inscrición aos cursos, tanto para adultos como para a rapazada, pódese facer chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns). Os nenos e nenas deberán estar previamente rexistrados na rede CeMIT para participar neles. O rexistro pódese facer na propia aula ou de maneira online, accedendo a través desta ligazón.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A aula tecnolóxica amiense ofertará seis cursos durante os meses de marzo e abril"

A Aula CeMIT pon a disposición dos usuarios seis novos cursos

Multimedia

  • A Aula CeMIT organiza seis cursos formativos para os meses de marzo e abril