Solapas principales

A aula CEMIT organiza novos cursos para os meses de marzo e abril

Domingo, 08 de marzo de 2026

A aula CEMIT organiza para os meses de marzo e abril unha morea de novos cursos tanto para adultos como para menores de idade en horarios de mañá, de luns a venres dende as 9.05 ata as 12.55 horas, e de tarde, de luns a xoves dende as 16.35 ata as 18.55. Os cursos estarán dirixidos á mellora de habilidades dixitais, para os adultos, e á introdución no mundo dixital aos máis cativos. Para poder participar en calquera dos cursos é necesario estar dado de alta na rede do CEMIT.

No mes de marzo, a aula CEMIT oferta un curso para adultos e outro para menores de idade. No caso dos adultos, este será Follas de cálculo con LibreOffice Calc, os luns e mércores, de 17.15 a 18.45 horas, dende o 16 de marzo ata o 28 de abril. Un curso que serve como introdución e chega a un nivel medio no uso de follas de cálculo coa coa suite ofimática LibreOffice. Entre o temario destaca o formato numérico e da folla de cálculo, manexo do asistente de funcións, operacións con porcentaxes ou datas e funcións básicas e condicionais. Tamén se abordará o formato condicional, concatenación de celas, opcións de impresión ou protección do documento. 

Para os menores de idade, ofértase Scratch en Semana Santa, para rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos. O luns 30 de marzo, o martes 31 e o mércores 1 de abril, de 10.00 a 12.00 horas, os participantes recibirán unha instrución en Scratch, unha linguaxe de programación por bloques moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da Informática na programación. Durante este curso aprenderán as bases para crear un sinxelo xogo.

Xa no mes de abril, o CEMIT oferta ata 4 cursos: 1 para adultos e 3 para menores de idade. As persoas adultas terán a oportunidade de formarse co curso Sácalle partido ao teu teléfono móbil. Neste curso de longa duración, que irá dende o 7 de abril ata o 16 de xuño, os alumnos aprenderán a controlar o seu teléfono móbil comezando dende o máis básico para logo avanzar no uso do Sistema Operativo Android así coma as súas apps preinstaladas. Ademais descubrirán unha morea de aplicacións que poden ser útiles no seu día a día. As clases impartiranse os martes e xoves de 10.00 a 12.00 horas.

Para menores de idade, o mes comeza con Traballos de clase con LibreOffice Writer e Impress, pensado para rapaces e rapazas de 9 a 14 anos. Os martes, de 17.15 a 18.45 horas, dende o 7 de abril ata o 9 de xuño, os participantes familiarizaranse co manexo dun procesador de textos de balde coma LibreOffice Writer e coa creación de presentacións en LibreOffice Impress. Non se centrarán no formato máis básico senón que se abordarán todas as cousas que precisarán ó longo da Secundaria e Bacharelato para facer traballos con software libre dende o seu ordenador. 

Posteriormente, haberá dous cursos simultáneos, os xoves dende o 9 de abril ata o 11 de xuño: Mecanografía para nenos e nenas menores de 10 anos, de 17.00 a 18.00 horas; e Mecanografía para rapaces e rapazas maiores de 10 anos, de 18.00 a 19.00 horas. Nestes cursos, os participantes aprenderán e practicarán mecanografía mediante unha plataforma online que lles permitirá continuar practicando en calquera momento dende a casa. 

A aula CEMIT organiza novos cursos para os meses de marzo e abril

Multimedia

  • A aula CEMIT organiza novos cursos para os meses de marzo e abril