Solapas principales

A Aula CeMIT organiza no verán sete talleres presenciais e telemáticos para todos os públicos

Martes, 10 de mayo de 2022

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames reforza a súa actividade presencial para os meses de verán, organizando catro talleres dende o 9 de xuño ata o 28 de xullo, que inclúen propostas de mecanografía, programación e informática lúdica. Ademais, engaden á oferta tres talleres en liña para público adulto, centrados nas buscas en Internet e nos programas Gimp e Inkscape. O acceso á aula aberta continuará nestes meses, de luns a venres de 9:30 a 13:00, e manterase a atención telefónica e por correo, de luns a venres dende as 16.00 ata as 18.30.

A Aula CeMIT continúa a súa actividade formativa neste 2022, un ano no que se retomou a presencialidade e se realizaron reformas para mellorar o espazo, situado no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns. Durante os meses de maio, xuño e xullo, a aula continuará acompañando a súa oferta de obradoiros e talleres co acceso á aula aberta, de luns a venres de 9:30 a 13:00 horas, sempre que o espazo non estea ocupado por un curso presencial. Ademais, manterase a atención telefónica e por teléfono de luns a venres, das 16:00 ás 18:30 horas. Para contactar coa Aula CeMIT, cómpre chamar ao 682 373 753, ou ben escribir ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.

Catro cursos de verán presenciais para todos os públicos

Nos meses de verán, dende o 9 de xuño ata o 28 de xullo, a Aula CeMIT desenvolverá catro cursos presenciais pensados para que tanto a rapazada como o público adulto poida mellorar e traballar nas súas competencias dixitais. Precisamente, todos os xoves dende o 9 de xuño ata o 28 de xullo, de 10:30 a 12:00 horas, terá lugar un curso de mecanografía para adultos e adultas, no que poderán inscribirse persoas de todos os niveis. O taller conta con 9 prazas, para as que haberá que inscribirse premendo nesta ligazón.

Xa en pleno período estival, do 27 de xuño ao 18 de xullo, todos os luns de 10:00 a 11:00 horas será a quenda de aprender mecanografía para a rapazada amesá. Para poder participar, as persoas menores de idade deberán estar rexistradas na rede CeMIT, un trámite que se pode facer presencialmente na aula ou premendo nesta ligazón.

Para completar a formación para nenos e nenas, do 28 de xuño ao 26 de xullo haberá un obradoiro de informática lúdica, pensado para crianzas dos 5 aos 10 anos. Todos os martes, de 10:30 a 12:00 horas, as nenas e nenos aprenderán a través de xogos a manexar o ordenador, o rato e o teclado. Por último, todos os mércores do 29 de xuño ao 27 de xullo, tamén de 10:30 a 12:00 horas, a rapazada de 8 a 12 anos gozará dun curso de Scratch, no que aprenderán as bases desta ferramenta de programación creando xogos e colaborando entre eles e elas.

Tres talleres en liña para persoas adultas en maio e xuño

No que respecta ás propostas a distancia, a Aula CeMIT ofrecerá tres obradoiros, sempre con sesións de 16:30 a 17:30 horas e dirixidos ao público adulto. En primeiro lugar, de 16 de maio ao 1 de xuño impartirase un obradoiro de Gimp, o software de edición de arquivos de imaxe, que se desenvolverá de luns a mércores. Xa en xuño, será primeiro a quenda dun taller de Inkscape, unha ferramenta de edición de gráficos vectoriais, que terá lugar do 6 ao 16 de xuño, de luns a xoves. Para rematar a oferta de actividades, do 20 ao 30 de xuño explicarase como empregar diferentes recursos para realizar buscas avanzadas en Internet, tamén de luns a xoves.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cursos gratis, en Bertamiráns y para todos, de informática y mecanografía"

A Aula CeMIT organiza no verán sete talleres presenciais e telemáticos para todos os públicos

Multimedia

  • A Aula CeMIT organiza no verán sete talleres presenciais e telemáticos para todos os públicos