Solapas principales

A Aula CeMIT ofrece novos contidos online para este mes de maio

Jueves, 30 de abril de 2020

As instalacións da Aula CeMIT de Ames permanecen pechadas debido ao estado de alarma provocado polo COVID19, pero a súa actividade segue funcionando. A Aula entra nun novo sistema de ensinanza na que volven a ofrecer os cursos habituais que quedaban pendentes para estes meses. Ademais,  procedeuse a creación dunha sinxela web na que centralizan a información de todas as actividades á que podes acceder premendo neste enlace.

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, encóntrase pechada ao público debido á alerta sanitaria. Aínda así, esta aula informativa, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ten como un dos seus obxectivos principais desenvolver formación para os veciños e veciñas de Ames aínda que nos atopemos vivindo circunstancias excepcionais.

Debido a esta situación extraordinaria, a Aula CeMIT procedeu á creación dunha páxina web na que se centraliza a información de todas as actividades que realizan e que esperan que sexan de gran utilidade nesta tempada. Así, pódese ver en diferido os distintos seminarios sobre as ferramentas para a corentena ou acceder libremente ao seu material.

Cambio no sistema de ensinanza

A Aula CeMIT entra dentro dunha nova etapa na que volven a ofrecer os cursos habituais que quedaban pendentes nestes meses. Os cursos desenvolveranse cun temario reducido e adoptados a esta nova realidade, dividíndose as súas horas lectivas en dúas modalidades: sesións teóricas dende Youtube e sesións en modo titoría de práctica voluntaria dende Jitsi Meet.

As sesións teóricas dende Youtube serán sesións obrigatorias nas que se impartirán as leccións en directo, podendo participar no chat para facer as preguntas xerais. O acceso require o rexistro en Youtube a través da conta de Google para poder empregar o chat.

En canto as sesións titorizadas de práctica voluntaria dende Jitsi Meet, son sesións que habitualmente intercaladas entre as sesións teóricas nas que os alumnos poden acceder a unha sala de videoconferencia para resolver dúbidas ou realizar prácticas guiadas polo profesor.

Unhas horas antes do comezo de cada sesión recibirase un correo electrónico cunha ligazón para acceder o seminario. Os requisitos son ter conexión á rede e un ordenador, tablet ou móbil.

Actividades para adultos no mes de maio

En canto ás actividades para este mes de maio, hai programado cursos de mecanografía dende a casa, de follas de cálculo con LibreOffice Calc I, de creación dun blog personal ou de afondamento en follas de cálculo con LibreOffice Calc.

Se estás interesado nalgún dos cursos, no cartel anexo poderás encontrar o horario de cada actividade. Ademais, ao pé desta nova encontraras unha introdución en vídeo da Aula CeMIT.

Actividades para os menores de idade

Os pequenos da casa tamén teñen o seu espazo na Aula CeMIT. Así, para este mes de maio hai programados cursos de mecanografía dende a casa e do procesador de textos LibreOffice Writer para estudantes.

Ambas actividades son idóneas para esta situación que estamos a vivir, na que as crianzas converten a tecnoloxía na súa aliada para poder proceder co curso académico.

Seminarios FEGAUS

Durante o mes de maio tamén hai planificados varios seminarios co aliado dixital FEGAUS que se realizarán mediante videoconferencia. O primeiro será o venres 8 de maio sobre “Apps móbiles que non debes perderte”, o venres 15 de maio será a quenda de “Protexe os teus dispositivos móbiles!” e o venres 22 de maio será “Cambia de teléfono sen medo: exporta a túa información”. Todos eles, están programados no mesmo horario: de 10.30 a 11.30 horas.

Máis información e reserva de praza

Para máis información ou reservar praza en calquera das actividades pódese chamar ao teléfono 682 373 753 ou enviar un correo a cemit.ames@xunta.gal. O horario de atención ao público é de luns a venres de 10.00 a 13.00 horas e 16.30 a 19.30 horas.

Ademais, para coñecer a última hora da aula e estar sempre informado das actividades pódese seguir a Aula CeMIT no seu Facebook ou no seu Instagram.

 

Cartel de maio Aula CeMIT

Multimedia

  • Cartel de maio Aula CeMIT