Solapas principales

A aula CeMIT oferta novos cursos formativos que comezarán no mes de setembro

Martes, 05 de agosto de 2025

A aula CeMIT permanecerá pechada durante este mes de agosto e, deste xeito, o acceso libre ás instalacións, así como a súa actividade formativa, retomarase a partir de setembro. Con todo, xa teñen a súa oferta formativa para os derradeiros meses do ano, na que haberá cursos tanto para adultos como para menores de idade cunha ampla gama de contidos: mecanografía, edición de imaxes, administración electrónica ou informática.

A aula CeMIT de Ames, retomará a súa actividade habitual despois do paro polas vacacións de verán neste mes de agosto. Para o comezo do vindeiro curso, preparan novos cursos formativos, dirixidos tanto para adultos como para menores de idade, nos que se traballaran diferentes contidos. 

Cursos para adultos
Ofértanse 14 prazas para cada curso de carácter presencial. Os alumnos poderán facer uso da aula aberta tanto antes coma despois para realizar practicas adicionais ou consultar dúbidas sobre calquera tema.

O primeiro dos cursos que se levará a cabo será o de “Edición de imaxes con GIMP”, que se impartirá os luns e mércores, de 17.15 a 18.45 horas desde o 15 de setembro ata o 8 de outubro. Nesta formación, achegarase á edición de imaxes a través do programa de software libre e de balde, GIMP, unha aplicación de referencia no sector e unha gran alternativa a ferramentas de pago coma Photoshop. Deste xeito, os usuarios/as aprenderán a modificar fotografías e outras dotes de edición.  

Por outra banda, durante os martes e xoves do 16 ao 25  de setembro, impartirase o curso “Introdución á Administración electrónica”, en horario de 10.00 a 12.00 horas. Trátase dunha formación orientada á familiarización coa Administración electrónica. Deste xeito, os usuarios aprenderán a manexar todo tipo de sistemas de identificación electrónica, dende o DNI electrónico ata os certificados dixitais, cl@ve e chave365. Ademais, descubrirán cal é a utilidade de cada un deles e as súas vantaxes ou inconvenientes de empregalos no noso día a día. Tamén se fará un achegamento á Sede electrónica do Concello de Ames e da Xunta, servizos tan útiles coma É-Saúde ou Notifica.gal e apps como XuntaEu e Mi carpeta ciudadana.

O derradeiro curso para adultos que se desenvolverá será “Iniciación á informática”, que se impartirá os martes e xoves, de 10.00 a 12.00 horas, dende o 31 de setembro ata o 20 de novembro. Esta formación permite achegarse a un uso inicial do ordenador dende o máis básico, adquirindo conceptos coma o manexo do rato e teclado, acender e apagar os equipos de forma correcta, xestión do sistema operativo para crear documentos, traballar con eles e, sobre todo, perderlle o medo ao ordenador.

Cursos para menores de idade
Cómpre lembrar que o menor debe estar rexistrado previamente na rede CeMIT para poder matricularse en calquera destes cursos. Pode facelo pasando pola aula ou a través da seguinte ligazón: https://aulascemit.xunta.es/usuarios/spring/usuarios

Para os máis pequenos da casa haberá tres novas ofertas formativas. Por unha banda, o curso “Informática para nenos/as – Nivel básico”, que está dirixido para a rapazada de 7 a 10 anos. Impartirase os martes, de 17.15 a 18.45 horas, dende o 16 de setembro ata o 16 de decembro. Trátase dun curso de iniciación á Informática no que os nenos e nenas aprenderán as dotes básicas do uso dun ordenador: rato, teclado, sistema operativo, xestión de documentos e cartafoles, acceso á rede para practicar con xogos educativos, introdución á escritura en LibreOffice Writer, entre outros contidos.

Por outra banda, haberá dous cursos de mecanografía. O primeiro deles, estará dirixido para a os menores de 7 a 10 anos e impartirase os xoves, de 17.00 a 18.00 horas, dende o 18 de setembro ata o 18 de decembro. O outro curso de mecanografía estará orientado para a rapazada de 10 a 14 anos, e tamén se desenvolverá os xoves e nas mesmas datas, pero en horario de 18.00 a 19.00 horas. 

A formación en mecanografía é idónea para que a rapazada comece a adquirir soltura e práctica na escritura co ordenador. O curso está dirixido para todo tipo de niveis, sexa a primeira vez que se achega a este eido ou desexe continuar dende algún curso anterior. Empregarase unha plataforma online coa que o alumno poderá continuar a practicar en calquera momento dende a súa casa.

Horarios e acceso á Aula
Aula aberta para uso libre dos equipos e consulta de dúbidas:
-Pechada durante o mes de agosto por vacacións.
-Horario de verán (ata o 15 de setembro): de luns a venres dende as 8.15 ata as 13.50 horas.
-Horario habitual: de luns a venres dende as 9.05 ata as 12.55 horas e de luns a xoves, de 16.35 a 18.55 horas (excepto durante a realización dos cursos).

Ao estar as instalacións da aula pechadas durante todo o mes de agosto, as inscricións deben facerse de xeito telemático, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou premendo nesta ligazón. Tamén se poden seguir as redes sociais da Aula CeMIT de Ames para coñecer a última hora da aula e estar sempre informado das súas actividades: Facebook, Instagram e YouTube. Para calquera dúbida, tamén se pode chamar ao 682 373 753. 

A aula CeMIT oferta novos cursos formativos que comezarán no mes de setembro

Multimedia

  • A aula CeMIT oferta novos cursos formativos que comezarán no mes de setembro