Solapas principales

A Aula CeMIT impartirá cursos para adultos no mes de abril

Sábado, 10 de abril de 2021

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames, programou novos cursos que comezarán a impartirse a partir do 19 de abril. Esta aula formativa, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que imparte, ademais de dispor dun horario de Aula Aberta para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores.

Dende o luns 19 ata o mércores 21 de abril, impartirase o obradoiro de introdución á administración electrónica, de 17.30 a 18.30 horas. A aula CeMIT tamén ten organizado un taller de mecanografía nunha soa xornada. Realizarase o xoves 22 de abril de 17.00 a 18.30 horas.

A programación do mes de abril pecharase co obradoiro “Atopa na rede: busca avanzada en Internet”. Dende o 26 de abril ata o 6 de maio, en horario de 17.30 a 18.30, os interesados e interesadas poderán acudir virtualmente a estas sesións.

Como anotarse e asistir virtualmente
Para poder inscribirse precísase un ordenador co software necesario (LibreOffice) e conectado á rede para poder seguir a retransmisión en directo dende YouTube. Estes cursos mesturan sesións explicativas con prácticas titorizadas para facilitar o aprendizaxe.

Para inscribirse nalgunha das actividades será preciso estar rexistrado de balde na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podes acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñerte en contacto a través do número teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal.

Unhas horas antes do comezo de cada curso recibiredes por correo electrónico a información necesaria para acceder a cada sesión.
Ao pé desta nova podes consultar todos os días e horarios de realización dos cursos, ademais das horas de Aula Aberta da aula CeMIT.

Horario de Aula Aberta
O horario de Aula Aberta é de luns a venres, de 9.30 a 13.30 horas. Para poder empregar os ordenadores durante a Aula Aberta hai que respectar as seguintes medidas de hixiene:

-Limpeza de mans antes de empregar calquera equipo.
-Uso obrigatorio de máscara hixiénica.
-Manter a distancia de seguridade de metro e medio.

Os 8 equipos dispoñibles están numerados e as súas distancias acotadas, polo que é moi importante respectar as medidas en todo momento. Entre cada uso o responsable da aula fará a desinfección correspondente para garantir a seguridade dos seguintes usuarios.

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "A Aula CeMIT impartirá cursos para adultos no mes de abril"

Cartaz

Multimedia

  • cartaz