- Tematica
A Aula da Rede de Centros para a modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames retoma en setembro a súa actividade, volvendo a abrir as súas instalacións en horario habitual. A súa oferta formativa para o último cuadrimestre do 2023 inclúe oito cursos (cinco para adultos e tres para a rapazada. As inscricións poden facerse de xeito telemático, escribindo ao enderezo cemit.ames@xunta.gal ou premendo nesta ligazón; ou ben chamando ao número de teléfono 682 373 753 ou acudindo ao primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns.
Os cursos da aula CeMIT para este último terzo do ano abarcan contidos tanto para as persoas que descoñecen o mundo da rede (iniciación á informática ou introdución á Administración electrónica) como para todos aqueles que buscan obter un nivel máis avanzado (edición de imaxes, creación de CV...). No caso da cativada, haberá cursos de nivel básico de informática adaptada a nenos e de mecanografía.
A primeira das formación ofrecidas pola aula CeMIT para adultos é “Crea o teu CV a medida!”, que terá lugar o luns 11, o mércores 13 e o venres 15 de setembro, de 10:00 a 12:00 horas. Trátase dun curso no que os participantes aprenderán a realizar un bo currículo, orientado a satisfacer diversas necesidades na busca de emprego. Estudarase o proceso completo: dende a creación dunha autoanálise para decidir que poñer no CV ata o momento de escribir unha carta de presentación a unha empresa. Na sesión final poderase poñer en práctica o aprendido creando un currículo propio coa axuda dun profesor.
Nesa liña, ofértase tamén o curso “Busca de emprego a través de Internet!”, que se desenvolverá o luns 18, o mércores 20 e o venres 22 de setembro, tamén de 10:00 a 12:00 horas. Nel proporcionaranse unha serie de trucos e concellos para levar a cabo dita busca, así como recursos para atopar ofertas de todo tipo: portais de emprego, boletíns semanais, uso de redes sociais...
Todos/as aqueles/as que busquen familiarizarse coa Administración electrónica poderán inscribirse no curso “Introdución á Administración electrónica”, que vai ter lugar o luns 25, o mércores 27 e o venres 29 de setembro, de 10:00 a 12:00 horas. Nel, ensinarase o manexo con todo tipo de sistemas de identificación electrónica, dende o DNI electrónico ata os certificados dixitais, Cl@ve e Chave365. Verase como facer para obter cada un deles, así como as súas vantaxes e desvantaxes. Os participantes poderán achegarse tamén á sede electrónica do Concello de Ames e a servizos tan útiles como É-Saúde ou Notifica.gal.
Xa de xeito online, ofértase o curso “Edición de imaxes con GIMP”. Será os luns e mércores, de 16:30 a 18:00 horas, dende o 18 de setembro ata o 11 de outubro. Os/as participantes achegaranse a esta ferramenta de software libre e de balde, que serve como alternativa a Photoshop. As clases servirán para entender as súas bases e desenvolver a técnica de emprego. Neste caso, só será preciso matricularse e asistir ao directo de Youtube a través do ordenador. Antes do comezo das clases enviarase por correo electrónico a información necesaria para acceder a cada unha das sesións.
Para cada unha das formacións ofértanse trece prazas. O alumnado poderá facer uso da aula aberta tanto antes coma despois de cada sesión para realizar prácticas adicionais ou para consultar dúbidas sobre calquera tema.
Cursos para a rapazada
Os nenos e nenas tamén contan cun espazo de formación na aula CeMIT. Entre o 19 de setembro e o 12 de decembro haberá un curso de informática para a cativada de entre 7 e 10 anos, de nivel básico. Desenvolverase os martes, de 17:15 a 18:45 horas. Con el, os rapaces e rapazas poderán aprender sobre as bases do uso dun ordenador: rato, teclado, Sistema Operativo, xestión de documentos e cartafoles, acceso á rede, introdución á escritura en LibreOffice Writer...
Por outra banda, ofértanse dous cursos de mecanografía. Ámbolos dous se desenvolverán entre o 21 de setembro e o 14 de decembro. Para menores de 10 anos, terán lugar os xoves, de 17.00 a 18:00 horas; mentres que para maiores de 10 anos se desenvolverá ese mesmo día, de 18:00 a 19:00 horas.
Formacións de outubro e novembro
Dende o 3 de outubro ata o 20 de novembro desenvolverase “Iniciación á Informática”, todos os martes e xoves de 10:00 a 12:00 horas. Trátase doutro curso para adultos. Con esta formación búscase achegar aos participantes a conceptos como o manexo do rato e do teclado, a acender e apagar os equipos e a xestión do Sistema Operativo para crear documentos e traballar con eles.
Inscricións
As inscricións poden facerse de xeito telemático, escribindo ao enderezo cemit.ames@xunta.gal ou premendo nesta ligazón; ou ben chamando ao número de teléfono 682 373 753 ou acudindo ao primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns (praza de Chavián).