Solapas principales

A Aula CeMIT de Ames programa novos cursos para os meses de febreiro e marzo

Jueves, 06 de febrero de 2020

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Ames programou novos cursos para os meses de febreiro e marzo. Esta aula formativa, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que oferta ao longo dos vindeiros meses, ademais de dispor dun horario de Aula Aberta para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores.

Dentro da programación a desenvolver para os adultos neste mes de febreiro, encóntranse un curso de mecanografía e outro de manexo de aplicacións para o móbil. Xa en marzo, comezaran dous ciclos de introdución ao uso do ordenador: un de iniciación á informática, no que se aprenderá a usar o rato e teclado, o sistema operativo e a súa interface; e outro de iniciación á Internet, onde se aprenderá a manexar Internet e os seus buscadores para acceder a toda clase de páxinas e servizos.

Ademais, en febreiro proseguirase cos cursos destinados a introducir á suite ofimática LibreOffice, con dous cursos sobre o procesador de textos LibreOffice Writer (un de iniciación e outro máis avanzado, para os cales só pode apuntarse en lista de agarda) e outros dous de follas de cálculo que xa se desenvolverán en marzo.

En canto aos cursos destinados a menores, terán lugar un curso de informática para nenos/as de nivel básico, e dous de mecanografía, un para menores de 10 anos e outro para maiores desa idade (ambos coas prazas cubertas). Asemade, con motivo da celebración das festas de Entroido desenvolverase varios obradoiros lúdicos e educativos para os rapaces e rapazas aprendan cousas novas mentres se entreteñen coa temática do entroido. Entre eles, un obradoiro sobre como dominar o rato no Paint, un de programación con Scratch e outro de fotomontaxes sinxelas.

Ao pé desta nova podes consultar todos os días e horarios de realización dos cursos, ademais das horas de Aula Aberta da aula CeMIT.

Cursos de teleformación para a preparación exame CODIX
Dende o martes 4 de febreiro abrirase o prazo para o curso de teleformación para a preparación do exame CODIX. Este curso dunhas 200 horas será en modalidade online na plataforma EMA e só ten como requisito ser maior de 16 anos e estar rexistrado nunha aula CeMIT.

Charlas FEGAUS
As charlas FEGAUS (Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors), xirarán en marzo en torno ao tema do turismo e a tecnoloxía. As tres que están programadas son: O kit online de viaxe, Descobre a través a rede de actividades de lecer na túa cidade sen gastarse unha fortuna e “Reserva as túas viaxes e actividades de ocio a través de Internet.

Exames EMA
A programación da Aula CeMIT tamén inclúe a realización de dous exames EMA, que consisten nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT. Serán o venres, 14 de de febreiro, de 17:30 a 18:30 horas, e o venres, 13 de marzo, en horario de 12.00 a 13.00 horas. Non se deben confundir cos exames CODIX anteriormente mencionados.

Tramitación das inscricións
Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web da CeMIT, achegándose á aula da Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 682 373 753, ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.

Cartel AulaCeMIT febreiro e marzo

Multimedia

  • Cartel AulaCeMIT febreiro e marzo
  • Horario actividades Aula CeMIT febreiro e marzo
  • Aula Aberta CeMIT