Solapas principales

A Aula CeMIT de Ames impartirá cursos relacionados co uso dos móbiles Android

Viernes, 14 de mayo de 2021

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames, programou o ciclo “Sácalle partido o teu móbil”. A través de 4 cursos independentes pero relacionados, durante os meses de maio e xuño, ensinarase como sacarlle o máximo partido aos móbiles. Esta aula formativa, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que imparte, ademais de dispor dun horario de Aula Aberta para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores.

Os veciños e veciñas de Ames poderán anotarse ao ciclo virtual “Sácalle partido o teu móbil” composto por 4 cursos independentes pero relacionados que imparte a Aula Cemit. Neste obradoiros, impartidos todos en horario de 17.30 a 18.30 horas,  aprenderase como manexalos, o sistema operativo e as súas aplicacións fundamentais para, nos cursos máis avanzados, afondar nas aplicacións de Google que adoitan vir preinstaladas, as apps de mensaxería e redes sociais máis importantes, así como coñecer as apps máis interesantes e útiles de outros ámbitos.

O primeiro taller comeza o martes 18 de maio e remata o mércores 27 de maio. Durante estas xornadas impartirase o obradoiro de Introdución ao sistema operativo: apps básicas. Neste curso aprenderase sobre a interface xenérica do sistema operativo e das apps, axustes básicos e avanzados, e as aplicacións básicas das que moi probablemente descoñezas moitas cousas.

A aula CeMIT tamén ten organizado un taller sobre aplicacións de Google que se realizará dende o 31 de maio ata o 3 de xuño. Nel, falarase sobre a maioría de aplicacións de Google que xa veñen preinstaladas nos móbiles. Ademais, verase que algunhas delas poden eliminarse e como facelo, pero tamén descubrirase que outras apps, ás que non lle damos importancia, resultan ser moi útiles no noso día a día.

Xuño comeza co curso de “WhatsApp e redes sociais”, que se impartirá dende o 7 ao 10 xuño. Nesta ocasión, ensinarase de forma, case exclusiva, nocións para sacarlle todo o partido ás apps que se empregan a diario: WhatsApp, Facebook, Twitter e outras apps de mensaxería e redes sociais. 

Por último, como peche do programa, impartirase o obradoiro no que se aprenderá sobre outras apps moi útiles. As persoas interesadas poderán asistir a este obradoiro dende o 14 ata o 17 de xuño. Trátase do curso final do ciclo no que se descubrirán moitas apps que poden facilitar a vida no día a día: edición de imaxes e vídeos, xestión da nosa economía, listas da compra, receitas, deporte... ademais de aplicacións alternativas ás que vimos nos anteriores cursos.

Como anotarse e asistir virtualmente
Para poder inscribirse precísase un ordenador co software necesario (LibreOffice) e conectado á rede para poder seguir a retransmisión en directo dende YouTube. Estes cursos mesturan sesións explicativas con prácticas titorizadas para facilitar o aprendizaxe.

Para inscribirse nalgunha das actividades será preciso estar rexistrado de balde na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podes acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñerte en contacto a través do número teléfono 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal.

Unhas horas antes do comezo de cada curso recíbese por correo electrónico a información necesaria para acceder a cada sesión. Ao pé desta nova podes consultar todos os días e horarios de realización dos cursos, ademais das horas de Aula Aberta da aula CeMIT.

Horario de Aula Aberta
O horario de Aula Aberta é de luns a venres, de 9.30 a 13.30 horas. Para poder empregar os ordenadores durante a Aula Aberta hai que respectar as seguintes medidas de hixiene:

-Limpeza de mans antes de empregar calquera equipo.
-Uso obrigatorio de máscara hixiénica.
-Manter a distancia de seguridade de metro e medio.

Os 8 equipos dispoñibles están numerados e as súas distancias acotadas, polo que é moi importante respectar as medidas en todo momento. Entre cada uso o responsable da aula fará a desinfección correspondente para garantir a seguridade dos seguintes usuarios.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Todos los secretos del móvil al alcance de los amienses"

Aula CeMIT.

Multimedia

  • Aula CeMIT.