Solapas principales

A Aula CeMIT continúa a formación durante as vacacións de Nadal e o mes de xaneiro, con sete cursos telemáticos para rapazada e adultos

Jueves, 23 de diciembre de 2021

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames continúa a súa oferta formativa durante os últimos días de ano e o mes de xaneiro, con dous cursos en liña para a rapazada e outros cinco para as persoas adultas, que se desenvolverán na canle de YouTube do centro. Así, o persoal informa de que dende o 24 de decembro ata o 6 de xaneiro, a aula permanecerá pechada de maneira presencial, mantendo a atención telefónica e por correo electrónico de luns a venres, de 9:00 a 13:00 e de 16:00 a 18:00 horas.

A Aula CeMIT toca con estes sete cursos unha ampla variedade de temas e de posibles inquedanzas das persoas usuarias, que poderán dende as súas casas acceder a estas ofertas formativas, de balde e sen límites de aforo, e coa posibilidade de volver a ver as clases, que quedarán subidas na canle de YouTube do centro. As propostas para a rapazada céntranse nesta ocasión no eido da programación, mentres que as persoas adultas poderán aprender a mellorar habilidades como a mecanografía, a empregar o seu DNI electrónico ou mesmo a crear contidos a través de webs, blogs ou mesmo plataformas de streaming.

Cursos dende a casa para a rapazada nas vacacións de Nadal

Durante a última semana de 2021 e a primeira de 2022, a cativada amesá poderá de gozar de dous cursos informáticos de balde en liña, a través da canle de YouTube da Aula CeMIT de Ames. Ambas propostas terán lugar arredor da interface de aprendizaxe de programación Scratch, de luns a mércores e de 10:30 a 12:00 horas. Ademais, o persoal da Aula CeMIT indica que confía en poder retomar os cursos presenciais para a rapazada, similares aos xa habituais antes da pandemia do coronavirus.

O luns 27, martes 28 e o mércores 29 de decembro impartirase “Scratch en Nadal: introdución”, un curso introdutorio á programación pensado para nenas e nenos dos 7 anos en diante, no que farán un proxecto sinxelo con temática navideña. O persoal docente recomenda que no caso da cativada máis pequena a acompañe un familiar, co fin de que os axude a desenvolver as tarefas.

Xa nas primeiras xornadas de 2022, o luns 3, martes 4 e mércores 5 de xaneiro terá lugar a continuación deste itinerario, con “Scratch en Nadal: nivel medio”. Nestes tres días, o alumnado realizará prácticas co Scratch con proxectos algo máis avanzados, xa que está pensado para ser realizado por rapaces e rapazas familiarizados coa interface de programación.

Continúa a formación a distancia para as persoas adultas

Durante o período de Nadal e xaneiro, mentres permanezan as aulas presenciais pechadas, o persoal docente da Aula CeMIT pon á disposición dos seus usuarios e usuarias adultas cinco cursos a distancia máis, co fin de que obteñan competencias no uso da Rede e dos seus terminais. Todas estas propostas poderán seguirse a través da canle de YouTube da Aula CeMIT, con xornadas de formación dende o luns 10 de xaneiro ata o xoves 3 de febreiro.

A formación telemática deste período arrancará con “Mecanografía para adultos”, un curso dun día para ensinar as bases da mecanografía e o funcionamento da plataforma Typing, que a partir dese momento cada persoa usuaria poderá empregar para mellorar as súas habilidades de escritura. Será o luns 10 de xaneiro, de 17:00 ás 19:00 horas.

Nesa mesma semana, impartiranse tres horas de formación en “Introdución á Administración electrónica”, que explicará como empregar sistemas de identificación como o DNI electrónico, certificados dixitais ou chave365, entre outros. A proposta terá lugar o martes 11, mércores 12 e xoves 13 de xaneiro, de 17:30 a 18:30 horas.

A continuación, haberá tres cursos dirixidos a aquelas persoas que busquen crear contidos e compartilos pola rede, con itinerarios introdutivos aos blogs, ás webs ou mesmo a plataformas de streaming, como YouTube e Twitch. “Crea o teu blog persoal!” e “Crea a túa web persoal!” serán dous cursos similares, dirixidos á aprendizaxe de uso e xestión das plataformas Blogger e Google Sites. Terán lugar, respectivamente, do 17 ao 20 de xaneiro e do 24 ao 27 de xaneiro, ambos de 17:30 ás 18:30 horas. A última proposta formativa será “Retransmisións en directo con OBS: YouTube e Twitch”, que ofrece unha introdución ao programa de código libre OBS, útil para facer retransmisións en directo mais tamén para videoconferencias máis profesionais. Será do 31 de xaneiro ao 3 de febreiro, de 17:30 a 19:00 horas.

A Aula CeMIT continúa a formación durante as vacacións de Nadal e o mes de xaneiro, con sete cursos telemáticos para rapazada e adultos

Multimedia

  • A Aula CeMIT continúa a formación durante as vacacións de Nadal e o mes de xaneiro, con sete cursos telemáticos para rapazada e adultos