Solapas principales

A aula AMTIC oferta novos cursos entre os meses de setembro e novembro

Domingo, 06 de septiembre de 2026

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación do Milladoiro, a aula AMTIC, organiza para os meses de setembro, outubro e novembro dúas actividades para persoas adultas e outras dúas para nenos e nenas, co obxectivo de formar á veciñanza en cuestións de índole informática e dixital. Para participar, deberase enviar cuberto este formulario de inscrición a informatica.milladoiro@gmail.com. Tamén se poden facer inscricións no número de teléfono 698 172 347.

O programa comezará o vindeiro mércores 9 de setembro co curso Competencias dixitais básicas, orientado ao público adulto. Esta formación ofrecerá aos usuarios e usuarias dar o salto ao mundo dixital con confianza. As clases impartiranse todos os mércores e xoves, ata o 29 de outubro, de 10.00 a 12.00 horas. 

Tamén para público adulto, o venres 11 de setembro dará comezo o curso Deseño dixital, que durará ata o 30 de outubro e se impartirá todos os venres de 10.00 a 12.00 horas. Este curso achega unha formación básica en deseño, na creación de carteis, folletos ou publicidade coa plataforma de deseño dixital Canva. 

Xa en novembro, o mes arrancará co curso Correo electrónico, que se impartirá todos os mércores, de 10.00 a 12.00, desde o 4 ata o 25 de novembro. Este é un curso práctico orientado á aprendizaxe e uso do correo electrónico como ferramenta fundamental da comunicación dixital. O alumnado aprenderá a crear e xestionar a súa conta, enviar e recibir mensaxes con arquivos adxuntos ou organizar a caixa de entrada. 

Os venres 6 e 13 de novembro impartirase Manexo de multimedia na Internet, de 10.00 a 12.00 horas. Un obradoiro práctico deseñado para ensinar a localizar, xestionar e reutilizar contidos multimedia de forma segura e legal na rede. O alumnado aprenderá a buscar imaxes, audios e vídeos de calidade, comprender as licenzas de uso e utilizar ferramentas básicas para a súa integración en proxectos dixitais.

Por último, os venres 20 e 27 de novembro, a aula AMTIC impartirá Creación dunha canle de YouTube, de 10.00 a 12.00 horas. Con esta formación práctica os usuarios e usuarias poderán achegarse á creación, configuración e xestión inicial dunha canle na plataforma YouTube. O alumnado entenderá o funcionamento da plataforma, a estrutura do perfil, os pasos para publicar contido e as estratexias básicas para optimizar os seus vídeos. 

Formación para os cativos e cativas
Os cursos para os nenos e nenas comezarán o 1 de outubro con Mecanografía, que se impartirá todos os xoves, de 17.30 a 18.00 horas, ata o 29 de outubro. O curso, orientado para cativos e cativas de 6 a 9 anos, é unha iniciación á mecanografía mediante xogos e actividades adaptadas á súa idade. Aprenderán a utilizar correctamente o teclado, mellorar a coordinación entre vista e mans e adquirir hábitos adecuados de escritura. 

Xa en novembro, do 5 ao 26, impartirase o curso Programación de Videoxogos. Os nenos e nenas de entre 10 e 15 anos terán a oportunidade, todos os xoves de 18.00 a 19.00 horas, de desenvolver e programar videoxogos, aprendendo os fundamentos da lóxica de programación, deseño de personaxes, escenarios e mecánicas xogables mediante contornas visuais e interactivas.

A aula AMTIC oferta novos cursos entre os meses de setembro e novembro