Solapas principales

Augas de Ames reforza o seu compromiso social patrocinado ao Fútbol Club Meigas

Miércoles, 21 de mayo de 2025

A EPEL Augas de Ames e o Fútbol Club Meigas irán da man dende hoxe, a través do convenio subscrito entre estas dúas entidades co obxectivo de fomentar o deporte feminino no concello de Ames. O patrocinio de Augas de Ames ao club amesán foi presentado esta tarde nunha rolda de prensa feita na oficina que Augas de Ames ten no Milladoiro. Deste xeito, a EPEL Augas de Ames amosa o seu compromiso de responsabilidade social e fomento do deporte entre a veciñanza amesá.

Augas de Ames EPEL é a entidade pública empresarial dependente do Concello de Ames, que xestiona o Ciclo integral da Auga, e vén de chegar a un acordo co Fútbol Club Meigas para patrocinar a este club deportivo amesán que milita na segunda división nacional de fútbol sala feminino. Así o amosaron esta tarde nunha rolda de prensa ofrecida na oficina que ten Augas de Ames na localidade do Milladoiro.

En dita presentación participaron o presidente de Augas de Ames e alcalde do Concello de Ames, Blas García; o concelleiro de Obras e Servizos Básicos e membro do Consello de administración de Augas de Ames, Gustavo Nieto; o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández; a xerente da Entidade pública empresarial local Augas de Ames, Genma Otero; así como a presidenta do F.C. Meigas, Paola Vignolo; e o adestrador do F.C. Meigas, Diego Montero.

O presidente de Augas de Ames e alcalde do Concello de Ames, Blas García, destaca que “Augas de Ames dende a súa creación admitiu un compromiso de responsabilidade social empresarial que contempla dende o eixo económico ao social, ambiental ou ético. Como sempre digo, é labor das administracións apoiar ao deporte feminino e favorecer a inclusión e as empresas públicas que son unha ferramenta clave para o desenvolvemento sostible e a igualdade no noso territorio”.

Por outra banda, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos e membro do Consello de administración de Augas de Ames, Gustavo Nieto, dixo “coidamos da auga, coidamos de ti non é só un lema baleiro. Augas de Ames fai unha declaración de intencións sobre como vai operar, repercutindo os beneficios na sociedade de Ames con investimentos en melloras no ciclo integral da auga e o apoio a causas de carácter social, como se está facendo hoxe ou fai unha semana se fixo no IES do Milladoiro”.

Promoción do deporte e coidado da nosa saúde
A xerente da Entidade pública empresarial local Augas de Ames, Genma Otero, incidiu en que “desde Augas de Ames estamos moi contentas de apoiar e patrocinar ao Fútbol Club Meigas , escola de fútbol sala femenino, dando a coñecer a nosa entidade, sensibilizando a poboación da importancia que ten o consumo responsable da auga como recurso básico e esencial para a vida, á vez que promocionamos o deporte e o coidado da nosa saúde. Todo isto promovendo valores en igualdade e aportando o noso gran de área e o noso compromiso para promocionar un club feminino e reducir a brecha salarial e de xénero que tristemente tamén existe no deporte”.

Por parte do F.C. Meigas interviu a súa presidenta, Paola Vignolo, que explicou “para o fomento do deporte feminino é fundamental a visibilidade, e dispoñer de exemplos nos que as nenas podan verse reflectidas e que lles permita soñar con poder alcanzar as súas metas deportivas. Promocionar e axudar aos equipos femininos de categoría nacional facilitará que as nenas do concello poidan dispoñer deses referentes en Ames, e proporcionaralles moita máis accesibilidade ao alto rendemento. Este convenio é un paso máis na aposta do Concello de Ames por converterse nun referente nacional do deporte feminino. Agradecemos ao Concello de Ames o apoio e cariño que recibimos sempre”.

Novas relacionadas:

Diario de Santiago: "Augas de Ames reforza o seu compromiso social patrocinado ao Fútbol Club Meigas"

Augas de Ames reforza o seu compromiso social patrocinado ao Fútbol Club Meigas

Multimedia

  • Augas de Ames reforza o seu compromiso social patrocinado ao Fútbol Club Meigas
  • Augas de Ames reforza o seu compromiso social patrocinado ao Fútbol Club Meigas