- Tematica
A promesa do atletismo de Ortoño, que corre para a Sociedade Gimnástica de Pontevedra, acadou unha notoria segunda posición na proba individual e unha medalla de ouro na proba por equipos no Campionato Galego de Campo a través sub-20, celebrado o pasado sábado 3 de xaneiro no circuíto de O Aguillón, na localidade ourensá de A Rúa.
María Estévez continúa dando pasos axigantados na súa progresión como atleta con esta nova medalla de prata na carreira individual e o ouro por equipos, nun grupo formado polas súas compañeiras da Sociedade Gimnástica de Pontevedra Sabela Martínez, Sara Diz, Aroa Barbeito e Paula Torres.
Estas dúas medallas chegan logo do bronce conseguido o pasado mes de xullo de 2025 na proba dos 2.000 metros obstáculos no Campionato de España, celebrado en Castellón logo do incansable esforzo da corredora.
A atleta de Ortoño quixo agradecer nas súas redes sociais a todos e todas aquelas que a “apoian dende a grada e dende a casa”, nunha competición que non foi “nada fácil, hai moitos anos de traballo e esforzo detrás disto, pero despois de varios campionatos quedando ás portas podo dicir que o conseguín”, declarou.
Con este novo podio, María dá comezo de maneira espectacular a este ano 2026 que, de seguro, virá cargado de moitas alegrías para ela e o deporte amesán.








