- Tematica
A Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, da que forma parte o Concello de Ames, organiza o III Foro de Internacionalización do Camiño Fisterra-Muxía, un encontro que pon en valor esta ruta xacobea o próximo sábado 13 de decembro no Parador da Costa da Morte, en Muxía. O obxectivo desta xornada é analizar e establecer as claves para a expansión e internacionalización deste Camiño, así como debater os retos de cara ao Ano Xacobeo 2027. Durante o congreso tamén se entregará o recoñecemento “Ti fas Camiño”. As persoas interesadas en asistir poderán inscribirse na seguinte ligazón.
Este foro preséntase coma unha oportunidade de estreitar relacións entre o territorio, o turismo, a cultura o mundo e o patrimonio, pero tamén de impulsar a promoción exterior deste Camiño. Durante esta xornada de relatorios e mesas redondas de distintos eidos, participarán autoridades institucionais, persoas especialistas en turismo, persoas representantes de entidades internacionais e persoas xestoras de proxectos turísticos e de culturais.
O congreso dará comezo ás 09.30 horas cunha inauguración institucional por parte da presidenta da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía e concelleira de Turismo de Cee, María Luisa Rodríguez; o deputado de Deportes e Mocidade da Deputación da Coruña, Antonio Leira; o vicepresidente da Deputación da Coruña e Deputado provincial de Turismo, Xosé Regueira; o director do Xacobeo, Ildefonso de la Campa; e o Alcalde de Muxía, Javier Saar.
Inmediatamente ao saúdo, ás 10.00 horas, farase a entrega do recoñecemento “Ti fas Camiño”. A presidenta da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, María Luisa Rodríguez, será a encargada de outorgar este premio que busca poñer en valor a defensa dos valores esenciais do Camiño. O galardón recaerá nunha persoa moi recoñecida pola veciñanza de Ames.
Numerosos relatorios de interese
Logo, os relatorios arrancarán ás 10.15 horas coa mesa redonda “Proxectos que transforman territorio: experiencias dos concellos do Camiño”, moderada pola profesora de Turismo da Universidade da Coruña, María Elvira Lezcano, e na que participarán a técnicas de Turismo dos Concellos de Dumbría, Cee e Fisterra, respectivamente, Ada González, Iria Abelleira e María Rodríguez.
Ás 11.30 horas, previa á pausa para o café, a asistenta técnica da Asociación de Concellos Fisterra-Muxía, Lanzada Calatayud Álvarez, desenvolverá o seu relatorio “A calidade como panca de posicionamento e modernización no Camiño Fisterra-Muxía”.
Tras o descanso, ás 12.30 horas, será a propia Lanzada Calatayud a que modere a mesa redonda “Promoción e internacionalización turística do Camiño” na que interveñen a secretaria da Camino Society de Dublín, Michelle Yalch, o técnico de Comunicación da Destination Agency, Alex Brannen, o director de Turismo de Porto e Norte, Marco Sousa e o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Bernardo Fernández.
Tras unha pausa de dúas horas para xantar (de 14.00 a 16.00 horas) será a quenda doutra mesa redonda: “Exemplos de proxectos innovadores que conectan cultura, territorio e comunidade”. A secretaria da Asociación organizadora e concelleira de Turismo de Santa Comba, Noelia Baleato, será a encargada de moderar o debate entre o responsable de Horta Creativa, Manu Nogueira, os ilustradores de Arte no Camiño, Laura Suárez e Mou Mutante e os propietarios de Chicha Lovers, Graciela Castro e Darío Capelo.
Seguidamente, de 17:15 a 18.00 horas, o tesoureiro da Asociación de Concellos Fisterra-Muxía e alcalde de Corcubión, Javier Domínguez, presentará o relatorio “O patrimonio inmaterial do Camiño Fisterra-Muxía”, obra do historiador galego Fernando Alonso Romero.
Os debates rematarán coa mesa redonda “Oportunidades de financiamento para o turismo” na que participarán os xerentes de GALP Costa da Morte e GALP Costa Sostible, respectivamente, Guillermo González Díez e Manuela Oviedo, xunto coa moderación da concelleira de Turismo de Muxía, Sandra Vilela.
O foro chegará á súa fin ás 18.45 coa despedida da presidenta da Asociación do Camiño Fisterra-Muxía, María Luisa Rodríguez, o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Bernardo Fernández e o alcalde de Muxía, Javier Saar. Ás 19.00 haberá unha actuación musical e viño de peche.





