Solapas principales

Arrinca o proceso de Orzamentos Participativos 2020 no Concello de Ames

Martes, 04 de agosto de 2020

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero e o concelleiro de Participación Veciñal, Victor Fernández, mantiveron ao longo destas semanas varias xuntanzas cos técnicos da empresa Cidadanía, adxudicataria do contrato de servizo de colaboración e asistencia nos Orzamentos Participativos 2020, ademais de coas veciñas/os representantes e integrantes das Comisións do Rural. O obxectivo é comezar coa posta en marcha do Proceso de Orzamentos Participativos 2020 no Concello de Ames. Está previsto que a finais de esta semana se faga a presentación pública da iniciativa e na semana que vén comecen as xuntanzas veciñais polas parroquias.

O venres dia 24 de xullo a concelleira de Economía e Facenda, e o concelleiro de Participación Veciñal, reuníronse coa empresa Cidadanía para concretar aspectos do deseño do Proceso para impulsar a súa posta en marca. O mércores 29 de xullo houbo unha xuntanza no Salón de Plenos coas veciñas/os do rural que formaban parte da Comisión de OP do rural para informar da posta en marcha, recabar propostas e acabar de deseñar o proceso que se desenvoverá ao longo dos próximos meses e que culminará coa escolla de propostas que se incluirán no Orzamento Municipal do 2021 para executar ao longo dese ano. Á esta xuntanza asistiron os representantes das parroquias de Lens, Tapia, Ames, Ortoño, Ameixenda e Trasmonte, os técnicos da empresa cidadanía e a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o concelleiro de Participación Veciñal, Victor Fernández e a concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín.

Novos ámbitos de actuación: muller, cultura e medio ambiente

O proceso este ano terá novidades respecto das iniciativas desenvolvidas en anos precedentes, de xeito que se aproveitará para constituír e por en marcha os diferentes órganos de participación do Concello que veñen especificados no Regulamento de Participación Cidadá, tales como as Asembleas Territoriais, Asemblea Cidadá ou Consellos Sectoriais. Neste novo proceso ademáis dos investimentos para o Rural e investimentos e actividades para a Mocidade ampliaránse as actuacións a 3 ámbitos máis: Muller, Cultura e Medioambiente.

Tamén haberá novidades no desenvolvemento do Proceso que, se ben constará das mesmas fases que nos anos anteriores de publicidade, divulgación e información, presentación de propostas, valoración e análise e escolla final de actuacións, deberá realizarse utilizando unha fórmula mixta con xuntanzas presenciais e medios telemáticos en función das indicacións e normas de seguridade que especifiquen as autorizades, motivadas pola Covid-19.

Genma Otero, a concelleira de Economía e Facenda, manifesta que inicia unha vez máis o proceso con moita ilusión “Este proxecto de Orzamentos Participativos 2020 terá singularidades debido a situación da Covid-19, máis queremos seguir apostando polas fórmulas de colaboración participativas coa veciñanza e imos ampliar as áreas de actuación mantendo os investimentos para o noso rural e mocidade, e ampliando a novas áreas como son muller, cultura e medioambiente. Animamos a toda a veciñanza a que participe e presente as súas propostas.

Pola súa banda, o concelleiro de Participación Veciñal,  Victor Fernández, declara que “toca seguir traballando e ampliando estas fórmulas de participación de toda a veciñanza, e neste sentido, a aposta que facemos dende o goberno pola participación cidadá coa posta en marcha das Asembleas Territoriais en todas as parroquias do concello, contribuirá a profundizar neste novo proceso de Orzamentos Participativos que agora iniciamos, reforzando o mesmo e mellorándoo significativamente de cara ao futuro”.

Reunión orzamentos participativos

Multimedia

  • A semana que vén comezarán as xuntanzas polas parroquias
  • Novos ámbitos de actuación: muller, cultura e medio ambiente