Solapas principales

Arrinca con moitas novidades a nova edición dos Premios Youtubeir@s para fomentar a creatividade e darlle visibilidade á lingua na rede

Martes, 21 de abril de 2020

O Concello de Ames participa un ano máis no proxecto Youtubeir@s cos obxectivos de fomentar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos e de darlle visibilidade á produción en galego na rede e á comunidade youtubeira. Repartiranse un total de 7.500 euros en premios, cun incremento de 1.000 euros con respecto á pasada edición.

Esta cuarta convocatoria do proxecto Youtubeir@s organízana os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, A Baña, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago e Teo; ademais das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña.  Con ela, preténdese seguir consolidando a comunidade creadora galega na rede mediante o fomento da creatividade con temas propios e ir xerando referentes en galego na plataforma Youtube.

Cómpre recalcar que na pasada edición houbo 252 inscricións de vídeos e canles, o que se traduciu en máis de 1.000 minutos creados en galego e incorporados á plataforma mundial de Youtube.

Crea e sube xa os teus vídeos etiquetados a Youtube e inscríbete nos premios Youtubeir@s a partir do 27 de maio

Nesta nova convocatoria do proxecto poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con vídeos autoproducidos subidos a Youtube. Pódese facer a través dun vídeo, varios vídeos e/ou unha canle. No caso de que a persoa participante sexa menor de idade, a inscrición irá acompañada da autorización do/a pai/nai titor/a legal mediante o documento que se facilita na web do proxecto Youtubeir@s. O pazo de  inscrición nestes premios comeza o 27 de maio pero os vídeos xa se podes ir compartindo en Youtube. 

Para participar, todos os vídeos  teñen que estar publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019 na plataforma de vídeos Youtube, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros. No caso de presentar unha canle, esta ten que conter cando menos con 5 vídeos realizados con data posterior ao 27 de setembro de 2019.

Ademais, os vídeos individuais que queiran participar teñen que estar integramente en galego, igual que os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes (no caso de habelos). No caso de que os vídeos conteñan subtítulos de activación opcional no Youtube, estes poden estar noutras linguas.

A participación está aberta ao ámbito internacional e é de balde. O prazo para a inscrición dos vídeos e canles no Premio Youtubeir@s vai do 27 de maio ao 23 de outubro de 2020 ás 23.59 horas, e as persoas participantes deberán inscribirse a través dun formulario que estará dispoñible  na web www.youtubeiras.gal.

As bases desta edición xa están dispoñibles para a súa consulta

As bases completas dos premios xa están dispoñibles para a súa consulta e a organización recomenda miralas con calma, dado que hai unha chea de cambios con respecto ás pasadas edicións tanto nas categorías e condicións dos vídeos participantes como nos premios. Entre os cambios máis destacables están os seguintes: non haberá límite de duración para os vídeos e poderá participar  calquera vídeo en lingua galega sen ter que axustarse ás antigas categorías vídeo-facermos, vídeo opinarmos ou vídeo cantarmos.

Repartiranse 7.500 euros en premios, 1.000 euros máis que a pasada edición

Nesta cuarta convocatoria do proxecto establécense 12 premios: 3 principais, valorados en 1.000 euros cada un, e 9 premios de 500 euros cada un.

Entre os tres premios principais, valorados en 1.000 euros,  encóntranse o premio á mellor canle e dúas novidades desta edición, o premio á/ao mellor Youtubeir@ e o premio ao mellor vídeo.

En canto aos 9 premios valorados con 500 euros cada un están o premio á calidade lingüística, o premio ao vídeo ou á canle con máis impacto (repercusión dos contidos), o  premio á calidade técnica, o premio á comunicación (á mellor transmisión da mensaxe), o premio á creatividade, o premio ao mellor vídeo ou canle musical , o premio ao mellor vídeo ou canle didácticos, o premio ao vídeo ou á canle cun contido máis pioneiro (introdución da lingua galega nun campo no que se usa pouco) e o premio do público.

A información completa pode consultarse nas bases do proxecto que se atopan ao pé desta nova.

Alén disto, engadir que cada persoa participante pode recibir máis dun premio e, se o xurado así o considera, pode haber premios compartidos. Ningún dos premios quedará deserto.

O xurado valorará criterios relacionados co contido, a comunidade que xira arredor del e a súa repercusión

O xurado estará composto por cinco persoas relacionadas co audiovisual, coa xeración e consumo de contidos dixitais e/ou co traballo na área de normalización da lingua.

Este valorará criterios como a creatividade, innovación e calidade dos contidos, a creación e mantemento da comunidade, a periodicidade dos contidos, a calidade técnica da peza (visual e sonora), a eficiencia comunicativa do vídeo na transmisión de contido, a calidade lingüística e a repercusión do contido creado.

A listaxe de finalistas publicarase con anterioridade á data de entrega de premios, ao mesmo tempo que será anunciada na web e comunicada a cada participante.

En canto á resolución final do xurado, esta darase a coñecer nun acto de entrega de premios público e aberto, que se anunciará coa suficiente antelación e ao que se comprometen a asistir todas as persoas finalistas.

Youtubeir@s
Descargas: