Solapas principales

Arredor de 70 persoas participarán este sábado na primeira edición da travesía a nado Tapia Swinway

Viernes, 20 de septiembre de 2019

O Concello de Ames e o Club de Natación Cidade de Santiago organizan para mañá sábado, 21 de setembro, a Tapia Swinway, unha travesía a nado composta de tres probas para un total de cinco categorías. Na actualidade hai inscritas arredor de 70 persoas. As inscricións para este proba pecharanse este venres, 20 de setembro, ás 18.00 horas, ou ao completar o número de prazas dispoñibles. A primeira edición da Tapia Swinway conta coa colaboración do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e da Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames.

O río Tambre, ao seu paso pola praia fluvial de Tapia, acolle este sábado, 21 de setembro, a Tapia Swinway, unha nova iniciativa deportiva que pon en marcha a Concellaría de Deportes. Haberá un total de cinco categorías: alevín, infantil, júnior, absoluto e máster, e trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría.

A travesía a nado contará con tres probas: unha de 1.200 metros, con saída e chegada na mesma posición, tendo que realizar dúas veces un percorrido de 600 metros, dividido en dous tramos de 300 metros; unha de 1.800 metros, tendo que realizar tres veces o mesmo percorrido; e unha remuda de 4x600 metros, na que cada equipo de relevo debe estar composto por dous participantes de categoría infantil ou inferior e dous participantes de categoría junior ou superior.

A proba inicial, de 1.200 metros, comezará ás 11:00 horas. Unha vez remate, sobre as 11:45 horas, desenvolverase a de 1.800 metros, deixando as remudas 4x600 para o final da mañá, que terá lugar sobre as 13:00 horas. Na actualidade hai inscritas arredor de 70 persoas. As inscricións para este proba pecharanse este venres, 20 de setembro, ás 18.00 horas, ou ao completar o número de prazas dispoñibles. As inscrición pódense realizar premendo nesta ligazón.

As diferentes probas rexeranse pola normativa da Federación Española de Natación e, durante a celebración do evento, a organización contará coa cobertura acuática necesaria para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento da proba. A primeira edición da Tapia Swinway conta coa colaboración do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e da Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou na presentación desta proba que “a idea partiu do Club de Natación Cidade de Santiago, que se puxo en contacto con nós para facer esta travesía. Logo de mirar a viabilidade da iniciativa, valoramos a idea e démoslle para adiante. Hai que ter en conta que hai moitos rapaces e rapazas de Ames que adestran neste club e penso que é unha merecida homenaxe que podan vir competir ao seu concello. Confiemos en que sexa a primeira de moitas máis edicións”.

 Imaxe aérea da praia fluvial de Tapia

Multimedia

  • Cartel da travesía a nado Tapia Swinway