A Carballeira de Ventín acolleu este pasado mércores, 2 de setembro, unha nova xornada das Brincadeiras Miúdas, nas que os nenos e nenas xunto coas súas familias, puideron gozar de música, baile, xogos tradicionais e creación de xoguetes. Esta edición das Brincadeiras Miúdas xuntou a arredor de 300 persoas, que gozaron nun concerto de Cé Orquestra Pantasma e participaron en xogos tradicionais, xogo libre e desestruturado e un espazo para a creación libre de xoguetes con materiais naturais.
A programación do Apego do segundo semestre de 2026 abriu o pasado mércores, 2 de setembro, coas Brincadeiras Miúdas na carballeira de Ventín, todo un clásico para as familias amesás. Esta actividade enmárcase no programa Apego que está pensado para favorecer a transmisión da lingua e para achegarlles recursos ás familias para unha crianza en galego, positiva e creativa.
Arredor de 300 persoas pasaron unha tarde chea de música, xogo e divertimento dinamizadas e dirixidas por Cé Orquestra Pantasma, un músico e mestre xogueteiro especializado en animación infantil, no fomento do xogo libre e en achegar as crianzas á natureza con diferentes propostas lúdicas e musicais. Esta actividade ten como obxectivos fomentar a creatividade e a autonomía das crianzas e demostrar que a natureza pode ser a mellor e máis divertida feira xogueteira.
As brincadeiras comezaron cun concerto participativo de Cé Orquestra Pantasma e continuaron con xogos tradicionais, xogo libre e desestruturado e un espazo para a creación libre de xoguetes con materiais naturais. O obxectivo desta xornada foi compartir tempo de lecer e diversión en galego e fomentar o xogo sen instrucións nin sobreestímulos. As crianzas xogaron libremente e ao seu ritmo, adaptándose ás súas propias necesidades e guiándose pola súa propia imaxinación.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto de dinamización lingüística dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, achegando recursos e unha ampla proposta de actividades lúdicas e educativas.
As persoas interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.
Novas relacionadas
Diario de Santiago: "Arredor de 300 persoas xúntanse na Carballeira de Ventín para participar nas “Brincadeiras miúdas” do programa Apego"




















