Solapas principales

Apróbase por unanimidade a Conta Xeral do Concello de Ames de 2018 cun superávit de 3.788.387 euros e un remanente de tesourería de 8.448.782 euros

Sábado, 28 de diciembre de 2019

A Corporación municipal aprobou por unanimidade, no pleno extraordinario do pasado 18 de decembro, a Conta Xeral de 2018, que arroxa un superávit de 3.788.387,33 euros e un remanente de tesourería positivo de 8.448.782,88 euros, cun nivel de débeda viva dun 7,81% (límite 110%), polo tanto cumprindo os obxectivos de estabilidade orzamentaria e débeda pública. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, foi a encargada de dar traslado ao Pleno da liquidación orzamentaria de 2018, en función dos gastos, ingresos e resultado orzamentario do exercicio.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destacou que “este ano pechamos o exercicio contable de 2018 o 9 de xullo, adiando a liquidación respecto do exercicio 2017 nun mes máis. Nestes dous últimos anos logramos adiantar un total de 4 meses as tarefas de liquidación, o que nos permitiu comezar a traballar na elaboración do orzamento municipal con máis tempo, neste caso o novo orzamento municipal do 2020. Rematadas as operacións de peche da liquidación do exercicio 2018 e aprobada a liquidación, pasamos a ditaminar favorablemente na Comisión Especial de Contas do 6 de novembro de 2019 a Conta Xeral 2018. Por último, no pleno extraordinario do 18 de decembro aprobouse a Conta Xeral 2018”.

Ademais, Genma Otero apunta que “no 2018 o Concello experimentou un comportamento orzamentario moi favorable que ten o seu reflexo nas magnitudes do resultado orzamentario cun superávit de 3.788.387,33 euros e un remanente de tesourería positivo de  8.448.782,88 euros, cun nivel de débeda viva dun 7,81%, polo tanto cumprindo os obxectivos de estabilidade orzamentaria e débeda pública e incumprindo a inxusta e limitativa regra de gasto. Temos a esperanza de que o acordo da FEMP e Facenda permita flexibilizar a regra de gasto e que dito acordo se poña en funcionamento nos próximos meses”.

Liquidación de orzamento de gastos
No apartado de liquidación de orzamento de gastos reflíctense unhas obrigas recoñecidas netas no exercicio 2018 de 21.131.832,96 euros e cunha porcentaxe de execución de 73,87%. Neste apartado é importante destacar o incremento recollido na partida de Transferencias Correntes (capítulo IV) que supera o 1.000.000 euros duplicando case a cantidade do ano 2017 (595.000 euros), o que amosa o compromiso e axuda que se está a prestar ás entidades culturais, sociais, deportivas, entidades sen ánimo de lucro, que desenvolven as súas actividades nas distintas áreas e para as que o Concello presta colaboración e axuda.

No exercicio 2018 o capítulo I mantívose na cifra próxima a 8.000.000 euros. O mesmo sucedeu co capítulo II de gastos correntes en bens e servizos, cuxa cifra se situou preto dos 10.000.000 euros garantindo así a mellora e ampliación da prestación dos servizos. Destacar tamén que o capítulo VI de investimentos reais acadou a cifra de preto de 2.200.000 euros na que se recollen todas as execucións e actuacións en materia de investimentos. Os gastos financeiros (capítulo III) desapareceron quedando tan só 300 euros de gastos por comisións bancarias. No tocante á amortización de capital de préstamos, ao ter débeda bancaria 0 euros, durante o exercicio 2018, non se dedicou nin un só euro nesta partida do capítulo IX de pasivos financeiros.

Liquidación do orzamento de ingresos
No que respecta á liquidación do orzamento de ingresos os dereitos recoñecidos netos ascenderon a 24.790.000 euros, incrementando tamén en preto de 330.000 euros os ingresos ou dereitos recoñecidos netos preto dun 1,35%, o que supón un maior incremento da recadación municipal. A porcentaxe de execución do orzamento de ingresos no 2018 foi dun 86,68%, superior á porcentaxe de execución do 2017 (que foi de 82,37%), o que amosa un maior control, eficacia e eficiencia na xestión da recadación.

No tocante aos ingresos correntes (dereitos recoñecidos) destacan como principais partidas de ingresos a recadación por impostos directos (capítulo I) que acada a cifra de 8.400.000 euros, taxas e prezos públicos (capítulo III) por importe de 6.400.000 euros e ingresos por transferencias correntes (capítulo IV) recadando 8.600.000 euros por este concepto.

A alta porcentaxe de execución nos impostos directos, un 112,31%, e transferencias correntes  (capítulo IV), 108,85%, amosan unha boa xestión da área de recadación municipal, acadando unha cifra total de ingresos correntes recadados de 23.700.000 euros. Tamén é importante salientar o incremento na recadación por transferencias de capital (capítulo VI) que supera a cifra de 1.000.000 euros. Isto amosa a capacidade de negociación do goberno municipal e de captación de recursos procedentes doutras administracións, e que houbo unha execución máis elevada das obras do POS xustificando e abonando máis certificacións de obra.

Resultado orzamentario axustado favorable
Estas magnitudes arroxan un resultado orzamentario axustado favorable no exercicio 2018 cun superávit de 3.788.387,33 euros, (no exercicio 2017 houbo un superávit de 2.650.775,06 euros), incrementando respecto do ano pasado en 1.137.612,27 euros, nun 42,92%.

Os datos da liquidación do 2018 amosan tamén que se continúa na senda do equilibrio orzamentario, un equilibrio consolidado no ano 2018 xa que cifra total de ingresos por operación correntes, de 23.705.660,05 euros, é superior a cifra total de gasto corrente de 18.931.544,88 euros, sen débeda que amortizar durante dito ano. Outra das magnitudes máis importantes é o remanente de tesourería, que ascende ao peche do exercicio 2018 á cantidade de 8.448.782,88 euros. No pasado ano a 31 de decembro de 2017 era de 4.873.854,56 euros.  

Débeda do Concello
Durante o exercicio 2018 concertouse unha operación de débeda a longo prazo para facer fronte ás achegas de fondos propios das actuacións programadas da EDUSI, por importe de 222.895,50 euros, a única débeda bancaria que ten contraída agora o Concello de Ames. O resto da débeda, que a finais do 2018 xunto con este préstamo, suma un total de 1.851.382,40 euros, corresponde aos préstamos provinciais da Deputación da Coruña (PAI) sen xuros incluídos nos POS. Deste xeito, o Concello de Ames está saneado en canto a débeda se refire, pois o volume de débeda viva sitúase nun 7,81%, moi por debaixo do límite legalmente establecido 110%, e ten marxe para afrontar outras operacións que se precisen no marco das actuacións da EDUSI.

Por último, apuntar que o límite legal da regra de gasto no exercicio 2018 era de 18.529.286,70 euros. Neste exercicio o Concello de Ames incumpriu a regra de gasto xa que o gasto computable para o cálculo da regra de gasto foi de 19.298.691,75 euros, superando ese límite en 769.405 euros. Respecto a dito incumprimento, aprobouse no pleno ordinario deste mes de decembro un plan económico-financeiro, para o período 2019-2020, de acordo co previsto no artigo 21 da Lei orgánica 2/2012 do 27 de abril, de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira. Ademais, dende o goberno municipal están satisfeitos polo acordo acadado recentemente pola FEMP e Facenda para flexibilizar esta regra de gasto.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, di que “agardamos que pronto se poida flexibilizar a regra de gasto porque é moi inxusta, xa que castiga por igual a todos os Concellos, independentemente do seu comportamento financeiro. Esta regra de gasto leva anos afogando  aos Concellos que cumpren coa estabilidade e as cifras de débeda, facendo que acumulemos remanentes e non podamos gastalos en investimentos e ampliación e mellora das prestacións e servizos. Esperamos que este acordo se ratifique e materialice vía regulamentaria ou lexislativa para que poida entrar en vigor canto antes.

“De momento e a espera da posta en funcionamento do acordo da FEMP e Facenda, dicir que grazas a este incumprimento da regra de gasto, o que se consigue é poder aumentar a cifra de límite de gasto o que redundará en beneficio dos seguintes exercicios económicos que permitirá incrementar a cifra e así a limitación de gasto será menor”, indica Genma Otero.

Imaxe da fachada da Casa do Concello