Solapas principales

Apróbase o expediente de licitación para a adquisición de dúas parcelas para a ampliación de dotacións educativas e deportivas en Bertamiráns

Martes, 04 de junio de 2019

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación para a adquisición de dúas parcelas que poidan servir para a ampliación de equipamentos educativos e deportivos en Bertamiráns. Esta actuación tería un custo de 66.803,10 euros e sufragaríase con cargo ao orzamento municipal de 2019. Ambas parcelas, que están situadas no lugar de Castrigo, suman 9.666 metros cadrados segundo consta na Dirección Xeral de Catastro. Mentres esas parcelas non sexan postas a disposición da Xunta de Galicia serán utilizadas polo concello conforme ao interese público municipal recollido nos pregos.

Actualmente, o Concello non dispón de parcelas de titularidade municipal de superficie necesaria para a ampliación dos equipamento do CEIP A Maia e IES Ames de Bertamiráns, polo que se fai necesario a adquisición de dita superficie. Outra opción sería destinar parte deste chan para a ampliacións das instalacións deportivas de Bertamiráns. As parcelas que se propoñen adquirir resultan idóneas para a finalidade pretendida de ampliación dos centros docentes e instalacións deportivas. Dita superficie, no caso de ser finalmente adquirida, destinaríase a aparcadoiro de uso público, mentres non se levasen a cabo as obras proxectadas.

Dende o Concello sinalan que para a ampliación dos equipamentos educativos existentes en Bertamiráns soamente existe unha zona vacante de edificación, lindeira de xeito directo co equipamento existente e que se entende como a zona máis propicia para a ampliación do equipamento. Esta zona está recollida no documento de avance do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para a ampliación do CEIP A Maía en Bertamiráns e corresponde coas fincas que se pretenden adquirir.

Esta actuación está motivada pola forte demanda existente de prazas educativas en Bertamiráns e que en previsión de futuras ampliacións dos centros escolares CEIP A Maía e IES de Ames, o Concello precisa a dispoñibilidade de terreos no entorno de ambos centros de ensino. Neste senso estase tramitando un plan especial que xa foi informado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático con data 2 de outubro de 2018. No referido plan, inclúense os terreos que se pretenden adquirir e que son obxecto de dito expediente de adquisición.

O Plan Especial recolle como obxectivos do mesmo a ampliación do CEIP A Maía, por dispoñibilidade de solo para novos equipamentos educativos; a integración da nova edificación resultante no contorno; a ampliación en continuidade co equipamento xa existente; a integración no medio rural circundante e a previsión dunha zona de aparcadoiro. O referido avance de Plan Especial obtivo Resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático na que se conclúe que non se somete ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria o referido plan especial. Posteriormente, foi remitido ao Concello de Ames para poder continuar coa súa tramitación administrativa.

O concello non dispón de ningunha parcela da súa titularidade de forma contigua as instalacións educativas de Bertamiráns xa que polos outros lindeiros as dotacións educativas coinciden con viarios xa existentes. No caso do terreos existentes na marxe sur están ocupados con edificacións que farían máis custosa a finalidade pretendida xa que conlevaría a necesidade de indemnizar aos propietarios das vivendas, ademais dos custes de demolición.

Apróbase o expediente de licitación para a adquisición de dúas parcelas para a ampliación de dotacións educativas e deportivas en Bertamiráns