Solapas principales

Apróbase a licitación para a mellora da eficiencia enerxética na iluminación pública da zona residencial do Novo Milladoiro, parque empresarial e instalacións deportivas

Viernes, 04 de agosto de 2023

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 27 de xullo o expediente de contratación das obras de mellora da eficiencia enerxética na iluminación pública da zona residencial e comercial do Novo Milladoiro, parque empresarial e industrial do concello e en varias instalacións deportivas desta localidade. Dito proxecto está incluído no POS+ 2023 e conta cun orzamento base de licitación de 70.218,59 euros. O alcalde destaca que durante os últimos cinco anos cambiáronse preto de 5.000 luminarias en todo o concello para pasar as luminarias ao sistema de led. Coa execución de dous proxectos que están pendentes no Milladoiro quedará toda a iluminación pública do concello con tecnoloxía led.

O goberno municipal está apostando nos últimos anos pola mellora da eficiencia enerxética nas súas instalacións, sexa en edificios coma na iluminación pública, contando con auditorías enerxéticas como mellor método de avaliación das infraestruturas existentes e tamén como mellor sistema para avaliar posibles investimentos en eficiencia enerxética.

No ano 2015 realizouse unha auditoría enerxética do sistema de iluminación pública do concello, que mostraba as ineficiencias e oportunidades de mellora nos diferentes equipos que o compoñían. Ante a situación presentada na mesma decidiuse dedicar varias partidas de fondos económicos municipais para a actualización e mellora da iluminación viaria do Milladoiro, un dos principais núcleos de poboación do concello. Igualmente preténdese unha redución dos niveis de contaminación lumínica provocada pola utilización de luminarias de baixo rendemento e elevado fluxo hemisférico superior instalado.

As auditorías destinguían catro tipo de zonas dentro do concello, determinadas polas zonas 1, 2, 3 e 4. Este proxecto pretende actuar na última zona, que falta por actuar na iluminación pública do concello, que atinxe á zona residencial e comercial do Novo Milladoiro, parque empresarial e industrial do concello e en varias instalacións deportivas desta localidade. Esta renovación farase segundo os estándares da normativa específica da iluminación pública no exterior, con criterios de calidade lumínica da novas luminarias, factor de cegamento e minimizando a contaminación lumínica.

O Concello de Ames dispón para este proxecto dunha axuda económica do Plan Único da Deputación da Coruña de 70.218,59 euros. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 27 de xullo o expediente de contratación de ditas obras, que serán executadas considerando a normativa actual e aplicando criterios de eficiencia enerxética.

Cambiaranse 375 luminarias
O goberno de Ames, seguindo na mesma liña iniciada para a renovación da iluminación pública no resto do Concello, pretende realizar un cambio total da iluminación pública deste núcleo urbano (vías, sendas peonís, paseos, parques, ....) adaptándose a normativa existente e intentando mellorar cualitativamente os aspectos da calidade lumínica, factores de cegamento, contaminación lumínica, redución do consumo enerxético garantindo un uso sustentable das instalación e tamén a redución da emisión atmosféricas contaminantes.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica “en total cambiaranse 375 luminarias na zona residencial e comercial do Novo Milladoiro, aparcadoiro de autocaravanas, zona do parque empresarial, así como en instalacións deportivas  (pistas deportivas que están ao carón da Casa da Cultura e nas pistas deportivas e na área recreativa, que se atopan entre a rúa Pardiñeiros e Muíño Vello). Tamén se executará a reforma de todos os centros de mando destas zonas”.

Eficiencia enerxética para o parque empresarial Novo Milladoiro
Este proxecto súmase ao proxecto de eficiencia enerxética para o parque empresarial Novo Milladoiro, que se aprobou por unanimidade no pleno ordinario do pasado 27 de xullo. Este proxecto conta cun orzamento de execución por contrata de 52.254,65 euros. O Concello de Ames conta cunha subvención da Consellería de Economía, Industria e Innovación, da Xunta de Galicia, para sufragar parte desta actuación. A través de dita subvención sufrágase o 80% do proxecto, o 20% restante do importe total ten que achegalo o Concello.

Este proxecto pretende renovar parte da iluminación pública da zona do parque empresarial do Milladoiro para adaptarse á normativa existentes e intentando mellorar cualitativamente os aspectos da calidade de iluminación, factores de cegamento, contaminación lumínica e redución do consumo enerxético, garantindo un uso sustentable das instalacións e tamén a redución da emisión atmosféricas contaminantes.

O alcalde, Blas García, explica que “durante os últimos cinco anos cambiáronse preto de 5.000 luminarias en todo o concello para pasar as luminarias ao sistema de led. Coa execución destes dous proxectos quedará toda a iluminación pública do concello con tecnoloxía led o que redundará nun importante aforro económico e cumpriremos cos criterios de eficiencia enerxética”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames mejoró ya 5.000 luminarias y acomete las últimas obras para instalarlas todas de led"

Imaxe do parque empresarial do Milladoiro