Solapas principales

Apróbase a licitación do servizo de conservación e mantemento das áreas de xogo infantís e de elementos biosaudables

Sábado, 14 de mayo de 2022

A Xunta de Goberno local vén de aprobar a licitación do servizo de conservación, mantemento, reparación e xestión da seguridade das áreas de xogo infantís e biosaudables do concello de Ames. O contrato divídese en dous lotes. O primeiro inclúe 11 parques de xogos infantís situados en centros educativos, mentres que no segundo lote están recollidos 31 parques de xogos infantís e 9 parques de elementos biosaudables que están situados en áreas públicas municipais. O orzamento base de licitación ascende a 214.155 euros por un período de dous anos. O contrato poderase prorrogar anualmente ata un máximo de catro anos, incluíndo o período inicial e mailas prórrogas.

O concello de Ames conta cun gran número de parque infantís e de elementos biosaudables, que están situados nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nas urbanizacións e na zona rural. Estes parques están xestionados directamente pola Administración local, que vén de aprobar en Xunta de Goberno Local a licitación do servizo de conservación, mantemento, reparación e xestión da seguridade de ditas áreas de xogo infantís e biosaudables.

Co periodicidade semanal, o adxudicatario deberá revisar todas e cada unha das áreas de xogo e biosaudables incluídas no contrato, así como as que se poidan incluír con posterioridade. O obxectivo de ditas inspeccións será detectar calquera incidencia ou anomalía e proceder a realizar as reparacións que sexan necesarias. No momento da detección da anomalía procederase ao precintado e clausura temporal do elemento de xogo/biosaudable para impedir o seu uso e evitar accidentes.

Por outra banda, o adxudicatario terá a obrigación de realizar inspeccións máis detalladas con carácter trimestral, para comprobar o funcionamento e estabilidade de cada un dos elementos das área de xogo/biosaudables, na que se prestará unha especial atención ás zonas de ancoraxe e cimentación, sendo o seu obxectivo comprobar o funcionamento e a estabilidade dos xogos ou equipos e observar o estado de desgaste das pexas ou compoñentes.

O adxudicatario con carácter anual deberá contratar a unha empresa acreditada por ENAC, a cal inspeccionará todas as áreas de xogo e emitirá as certificacións correspondentes. Ademais destes traballos, deberá executar traballos preventivos para manter a vida útil dos elementos da área de xogos e biosaudables, e correctivos para a reparación das incidencias detectadas.

Tamén se inclúe no contrato a limpeza das áreas de xogo, a reparación e conservación dos carteis informativos e peches perimetrais, e maila reparación e conservación das zonas de absorción de impactos e pavimentos de seguridade (zonas de area, zona de grava, pavimentos de lousas de caucho, pavimentos de caucho continuo, e outros tipo de pavimentos de seguridade).
 
Medios humanos e materiais
O adxudicatario deberá dispoñer da maquinaria e medios auxiliares necesarios para o desenvolvemento dos traballos previstos. Tamén deberá dispor dunha nave ou local de almacén onde almacenar os xogos ou biosaudables do concello cando sexa necesario retiralos para reparalos. Dita nave ou local deberá estar preferentemente no termo municipal, e senón, como máximo a unha distancia de 16 quilómetros do concello, de xeito que os desprazamentos dos técnicos non sexan longos.

O adxudicatario tamén deberá dispor do persoal necesario en cada momento e época do ano para a boa execución dos traballos de conservación. Ao fronte dos cales deberá existir un técnico cualificado Deste xeito, o cadro de persoal deberá estar composto por un responsable técnico (enxeñeiro/a técnico ou arquitecto/a técnico); persoal encargado de xardinaría e persoal de oficios (un oficial e un peón).

O alcalde e concelleiro de Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “o noso concello ten un elevado número de parques infantís, que necesitan atención constante e continuada para preservar a seguridade dos e das máis pequenas, por iso decidimos facer esta aposta para que o mantemento e o control sexa eficiente”.

Imaxe do parque infantil que está próximo ao paseo fluvial de Bertamiráns

Multimedia

  • Imaxe do parque biosaudable que está próximo ao paseo fluvial de Bertamiráns