- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación das obras de pavimentación de tres rúas do núcleo urbano de Bertamiráns como son Rueiro, Telleira e mailo treito inicial do camiño do Rueiro, dende a avenida da Peregrina. Dito proxecto tamén recolle a mellora do viario que vai dende A Condomiña ata Punxeiras, na parroquia de Ortoño. O orzamento base de licitación ascende a 147.363,33 euros. Este proxecto, que se sufraga con cargo ao POS+ 2025, enmárcanse dentro do plan de arranxo e mellora das vías e camiños municipais. Esta é unha das cinco actuacións que o Concello de Ames sufragará a través da Achega provincial de 2024 do POS+ 2025 que está dotada de 747.709,95 euros. Ademais, dentro do POS principal recóllese o acondicionamento da rúa Agro da Vella, situada no Milladoiro, que conta cun orzamento de 326.160,41 euros.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa o seu investimento nas infraestruturas das parroquias e dos núcleos urbanos. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 14 de agosto a licitación do proxecto de mellora de tres rúas de Bertamiráns: Rueiro, Telleira e mailo treito inicial do camiño do Rueiro dende a avenida da Peregrina; así como o acondicionamento do viario que vai dende A Condomiña ata Punxeiras, na parroquia de Ortoño. O orzamento base de licitación ascende a 147.363,33 euros.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “este proxecto forma parte do POS+ 2025 aprobado no pasado mes de febreiro. No POS principal inclúese a execución de seis proxectos por valor de 1.073.870 euros. Neste caso vaise a executar un proxecto que recolle actuacións en tres rúas do núcleo urbano de Bertamiráns e no viario que vai dende A Condomiña ata Punxeiras, na parroquia de Ortoño. É importante o mantemento e acondicionamento das rúas urbanas e dos camiños do rural”.
Remodelación da rúa Telleira
Este proxecto recolle actuacións en catro rúas e camiños. A primeira actuación proxectada prevé a remodelación da rúa Telleira, no núcleo urbano de Bertamiráns. Para elo, prevese a ampliación das beirarrúas, ata acadar un ancho de 2,00 metros, previa demolición das beirarrúas existentes e do firme do viario necesario. O pavimento previsto para as novas beirarrúas corresponderase con baldosa de formigón granallada de 60x40 centímetros.
A fin de mellorar a circulación dos vehículos e a ordenación das zonas de estacionamento nesta rúa, prevese a súa reconversión nun viario de sentido único con carril de 3,00 metros de ancho e con zonas de aparcamento regulado.
Para o viario e as liñas de estacionamento prevese a execución dunha nova capa de rodaxe. Co obxecto de permitir a conexión peonil desta rúa co resto de beirarrúas existentes na contorna, prevese a execución dunha isleta peonil conformada por unha beirarrúa granallada, a implantación de dous pasos de peóns, un deles sobreelevado, e a adaptación das beirarrúas existentes.
Tamén se contempla a ampliación da liña de estacionamento de vehículos existente en Camiño Novo con pavimento de formigón. Finalmente, prevese a instalación de nova rede de iluminación pública coa colocación de luminarias e arquetas, así como a adaptación da rede de pluviais existente e a correspondente sinalización horizontal e vertical de toda a rúa.
Acondicionamento da rúa Rueiro
A segunda actuación proxectada ten por obxecto a mellora da capa de rodaxe da rúa Rueiro, tamén situada no núcleo urbano de Bertamiráns, naquelas zonas que se atopan máis deterioradas e a sinalización horizontal completa de toda a plataforma. Previo ao inicio das obras será preciso a retirada dos redutores de velocidade existentes e proceder ao fresado dos treitos nos que se renovará a capa de rodaxe.
A nova capa de rodaxe estará composta por 5 centímetros de mestura bituminosa en quente, coa correspondente rega de adherencia. Tamén se contempla a sinalización horizontal completa da rúa e a instalación de 6 elementos para a redución da velocidade dos vehículos, así como a colocación de 4 sinais verticais.
Pavimentación do Camiño do Rueiro
A terceira actuación consiste na mellora da capa de rodaxe dun treito de 80 metros do Camiño do Rueiro, no núcleo urbano de Bertamiráns, dende a intersección coa avenida da Peregrina. Previamente procederase ao acondicionamento da explanación e á execución dunha capa de regularización de 5 centímetros de espesor medio de mestura bituminosa en quente naquelas zonas que se atopan máis deterioradas. A nova capa de rodaxe estará composta por unha capa de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente, coa correspondente rega de adherencia, en toda a plataforma. As actuacións complétanse coa sinalización horizontal e vertical do treito afectado.
Mellora do viario dende A Condomiña a Punxeiras
A cuarta e última actuación corresponde coa mellora do viario dende A Condomiña a Punxeiras. Nunha lonxitude de 225 metros de largo e 3 metros de ancho, así como 50 metros cadrados de sobreanchos e abanicos existentes, prevese a pavimentación do viario con 5 centímetros de mestura bituminosa en quente, coa correspondente rega de adherencia, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Completan a actuación e limpeza de gabias e salvagabias, o pintado de sinalización horizontal e a renovación dun sinal de stop.
Novas relacionadas:
La Voz de Gallego: "Ames asigna 147.363 euros a obras de pavimentación en Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Ames licita obras para pavimentar 3 céntricas rúas de Bertamiráns"
Xornal de Compostela: "O Concello de Ames aproba a licitación para mellorar rúas en Bertamiráns e Ortoño"










