- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación das obras de canalización de pluviais en Biduído de Abaixo. O orzamento base de licitación ascende a 191.279,06 euros (IVE incluído). Este proxecto, que se sufraga con cargo ao POS+ 2025, enmárcanse dentro do plan de arranxo e mellora das vías e infraestruturas municipais. As obras contempladas neste proxecto están encamiñadas a solucionar os problemas que a rede de drenaxe de augas pluviais xera no núcleo de Biduído de Abaixo. A canalización actual é insuficiente para o caudal procedente de augas arriba e a rede entra en carga ocasionando asolagamentos.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa o seu investimento nas infraestruturas das parroquias e dos núcleos urbanos. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras de canalización de pluviais en Biduído de Abaixo. O orzamento base de licitación ascende a 191.279,06 euros (IVE incluído). Este proxecto está sufragado con cargo ao POS principal de 2025. A través de dito plan execútanse seis proxectos por valor de 1.073.870 euros.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “se trata dun importante investimento porque as obras contempladas neste proxecto están encamiñadas a solucionar os problemas que a rede de drenaxe de augas pluviais xera no núcleo de Biduído de Abaixo. A canalización actual é insuficiente para o caudal procedente de augas arriba e a rede entra en carga ocasionando asolagamentos”.
Características do proxecto
A través de dito proxecto vaise mellorar o trazado da rede de pluviais dende o núcleo de Biduído ata a súa vertedura. Tamén se procederá ao seu reforzo coa execución dunha nova canalización que interceptará parte do caudal á altura do lavadoiro e procederá á súa evacuación ao norte do núcleo. Así mesmo, tamén se procederá á mellora da pavimentación dos viarios do núcleo.
Previamente ao inicio das obras procederase á limpeza de gabias e marxes, así como a demolición dos pavimentos que non son compatibles coa solución proxectada. A rede de drenaxe executarase mediante canalización de PVC de 500 milímetros de diámetro e pozos de rexistro. Para o interior do núcleo complétase cun pequeno treito de canalización de PVC de diámetro 400 milímetros e coa colocación de canles con reixa, sumidoiros, arquetas con reixa para colector e acometidas domiciliarias.
Tamén se disporá da canalización necesaria para un futuro soterramento do alumeado público, mediante tubo de polipropileno de 80 milímetros de diámetro e arquetas prefabricadas. Os viarios interiores do núcleo pavimentaranse mediante 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón con lastra de granito nas marxes e formando cortes transversais.
Tamén se acondicionará o viario norte mellorando a súa capa de rodaxe con 6 centímetros de mestura bituminosa en quente, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con 10 centímetros grava e tratamento asfáltico semiprofundo. No resto das gabias procederase á reposición do pavimento existente. Finalmente contémplase a apertura de gabias e limpeza de salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal na viario de acceso, a execución da sinalización horizontal e a colocación dunha sinal de stop.










