Solapas principales

Apróbase a licitación da obra de construción dun centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica no Milladoiro

Sábado, 03 de septiembre de 2022

Na Xunta de Goberno Local celebrada este xoves, 1 de setembro, aprobouse o expediente de licitación, mediante procedemento aberto simplificado da obra de construción do centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica dirixido á mocidade e persoas en risco de exclusión social no Milladoiro, que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no  marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020.

Un dos principais obxectivos da estratexia EDUSI Impulsa Ames é asegurar a ancoraxe das persoas mozas mediante a creación de servizos e equipamentos específicos, acordes cos seus intereses e necesidades, a través de accións e dinámicas que lles permitan formar parte activa da comunidade a nivel recreativo, formativo e laboral.

Por iso, dende o Concello decídese apostar pola creación, con criterios de eficiencia enerxética, dun centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica onde se oferte un amplo abanico de posibilidades de lecer e cultura e sirva como elemento transaccional para desenvolver unha cultura emprendedora e asociativa.

O centro levarase a cabo no núcleo urbano do Milladoiro, en concreto construirase na avenida Muíño Vello, nunha parcela de 4.669,39 metros cadrados, onde se delimitará o espazo necesario para albergar o edificio, as zonas verdes e o aparcamento. En concreto, a proposta componse de dous elementos principais:

  • Un gran espazo público que se desenvolverá na totalidade da parcela, con espazos que albergarán actividades e posibles reunións que se poidan facer de xeito espontáneo ao aire libre.
  • Un volume compacto e estratificado, onde se desenvolverán os usos propios do centro.  A liberación do plano de chan permitirá a este volume gañar altura e erixirse como un referente urbano, que busca ser un polo de atracción para os habitantes do concello. No seu interior, integraranse espazos altamente versátiles e flexibles, definidos tan só polas súas calidades ambientais (lumínicas, térmicas, visuais, etc.).

As instalacións responderán ás actuais demandas sociais de dar cobertura á existencia dun centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica, actualmente, inexistente no Milladoiro, a través do cal se pretende:

  • Crear unha oferta de servizos e equipamentos que se axusten aos intereses e necesidades da poboación moza.
  • Xerar dinamismo económico que permita xerar e manter postos de traballo.
  • Desenvolver unha cultura emprendedora e asociativa.
  • Fomentar a cohesión social e a loita efectiva contra a discriminación.
  • Colaborar en erradicar a pobreza.

Espazo de convivencia, intercambio, colaboración e formación
Este centro entenderase como un espazo de convivencia, de intercambio, colaboración e formación da mocidade do municipio que vai máis aló do concepto tradicional de centro cultural ou xuvenil, para converterse nun centro dinámico social e cultural da comunidade, afianzando o sentido de barrio, e así prestar servizo á lectura, a aprendizaxe, o lecer e a actividade comunitaria, atendendo ás necesidades do sector máis novo da poboación.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que “este é un dos grandes proxecto incluído na EDUSI Impulsa Ames. Este proxecto vai a significar un antes e un despois para o Milladoiro, xa que este edificio achega unha funcionalidade importante e necesaria para este núcleo", ademais, continúa dicindo o alcalde "a zona onde se vai a construír este edificio vai a converterse no centro dos servizos e actividades de ocio, lecer e formación do Milladoiro".

O contrato “Construción dun centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica no Milladoiro dirixido á mocidade e a persoas en risco de exclusión social” ten encaixe na liña LA10, “Creación dun centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica”, da estratexia DUSI Impulsa Ames e sitúase dentro do ámbito do Programa Operativo Plurirrexional de España – FEDER (en diante POPE-FEDER), axustándose ás categorías de intervención ás que haberá que atribuír o gasto da operación.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El centro multifuncional de O Milladoiro, licitado por 1,35 millones"

El Correo Gallego: "Aproban licitar o centro de lecer do Milladoiro"

AMSGO!: "A licitación a construción dun centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica no Milladoiro"

 

Apróbase a licitación da obra de construción dun centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica no  Milladoiro

Multimedia

  • Apróbase a licitación da obra de construción dun centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica no  Milladoiro
  • Apróbase a licitación da obra de construción dun centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica no  Milladoiro