Solapas principales

Apróbase a licitación da mellora na pavimentación da estrada de Eirapedriña, en Bugallido, por 163.000 euros

Miércoles, 07 de septiembre de 2022

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de licitación do acondicionamento da estrada de Eirapedriña, en Bugallido. As obras, que inclúen treitos dende o acceso ao núcleo de Framán e o límite co concello de Brión, contan cun orzamento base de 162.708,24 euros, incluídos no POS+ 2021 da Deputación da Coruña. O proxecto engloba melloras en ata 1,7 quilómetros de capa de rodaxe, a ampliación da anchura do firme, ou a construción dunha senda peonil de 280 metros nun dos tramos.

Os accesos e a contorna do núcleo de Eirapedriña, na parroquia de Bugallido, van gozar dun amplo acondicionamento no seu viario nos vindeiros meses, cun novo investimento do Concello de Ames nas súas infraestruturas no rural. O proxecto, cuxa licitación aprobou a Xunta de Goberno Local o pasado xoves 11 de agosto, conta cun orzamento base de 162.708,24 euros, e abrangue reformas nuns 1.700 metros de estrada, que irán dende o acceso a Framán e o límite co concello de Brión.

Na estrada principal, e ao longo dun treito de 950 metros ata o linde con Brión, procederase á mellora da pavimentación, cunha nova capa de asfalto e coa reparación de fochancas con grava e tratamento asfáltico. Nun tramo de 125 metros tamén se ampliará a estrada cun ancho medio de un metro.

Ademais, no extremo norte deste viario executarase unha senda peonil de 280 metros de lonxitude e 2,3 metros de anchura, construída con saburra e pavimento de formigón. Para a contención da senda será preciso construír un muro de pedra granítica nun treito de 90 metros, que disporá dunha varanda metálica para a seguridade peonil. A drenaxe da plataforma de formigón levarase a cabo coa canalización e instalación de arquetas con sumidoiros e colectores con reixa.

Pola súa banda, na zona sur da actuación, na maior parte dun treito de 750 metros no ramal de acceso ao lugar de Framán, realizarase unha nova mellora de capa de rodaxe, desta vez estendendo o selado e o tratamento asfáltico superficial a toda a plataforma, previa reparación de fochancas.

Nesta mesma zona, nos primeiros 80 metros dende o cruce coa estrada de Eirapedriña, ademais destas actuacións ampliarase o ancho da plataforma en 50 centímetros a cada marxe, cun paquete de firme composto por capas de saburra, grava, e tratamento asfáltico semiprofundo, superficial e de selado. Esta mesma combinación empregarase para acondicionar a parte final do acceso a Framán, que na actualidade conta cun pavimento granular.

Para rematar as obras, procederase á correspondente sinalización horizontal e vertical, á limpeza das gabias existentes, co fin de garantir a correcta drenaxe do viario, e á reposición de catro postes de formigón con luminaria.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou o “compromiso co rural amesán” do Goberno municipal. “Vimos traballando nos últimos anos para facer que os nosos núcleos sexan lugares atractivos para vivir, con máis de dous millóns de euros investidos en obras de pavimentacións, aos que hai que sumar o millón e medio de euros no plan de mellora do alumeado público”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Aproban a mellora e ampliación de accesos ao núcleo de Eirapedriña coa Deputación"

La Voz de Galicia: "Ames licita obras en la red viaria de Eirapedriña y Pedras por 240.000 euros"

Enfoques: "Ames licita por 163.000 euros la mejora de la pavimentación en Eirapedriña, en Bugallido"

Apróbase a licitación da mellora na pavimentación da estrada de Eirapedriña, en Bugallido, por 163.000 euros

Multimedia

  • Apróbase a licitación da mellora na pavimentación da estrada de Eirapedriña, en Bugallido, por 163.000 euros