- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 20 de agosto a concesión de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo por clubs e asociacións deportivas de Ames no exercicio 2025. O importe das subvencións que se van a conceder ascende a 80.000 euros. Un total de 23 entidades beneficiaranse destas subvencións municipais, que buscan achegar a práctica deportiva ao maior número de veciños/as posible, así como promover unha vida deportiva estable dentro do concello. As entidades beneficiarias destas axudas recibirán o 50% da axuda concedida de xeito anticipado.
O Concello de Ames vén de aprobar o reparto de 80.000 euros entre as asociacións e clubs deportivos do municipio. A estas subvencións puideron optar todas as entidades do concello de Ames que realizaran actividades de índole deportiva. En total, foron 23 entidades as que cumpriron coas condicións e que obtiveron a axuda, que tamén se puido destinar a sufragar a adquisición de material inventariable.
Ademais, búscase a participación activa dos/as veciños/as na actividade deportiva, que ten un claro interese público, como medio de promover a formación dos máis novos/as e de propiciar a convivencia entre os veciños e veciñas; así como poñer a disposición do Concello información completa e actualizada das asociacións sen ánimo de lucro do municipio, co fin de promover unha relación fluída cas mesmas e posibilitar o deseño de políticas eficaces que permitan dinamizar a actividade dos particulares que resulte complementaria das competencias municipais.
Asociacións e clubs beneficiados
As entidades que se beneficiaron da concesión destas axudas son Ames Atletismo con 6.738,04 euros; A.D. Básquet Ames con 6.042,50 euros; AD Val da Mahía con 2.608,28 euros; CB Ames con 1.782,32 euros; Club Atletismo MillaRaio con 7.346,64 euros; Club Atletismo Sar con 3.477,70 euros; Club Balonmano Alca con 2.347,45 euros; Biduído SR con 1.347,61 euros; C.C. Os Esfola Arrós con 1.608,44 euros; Club Patinaxe Sarela con 5.781,68 euros; Club Piragüismo Ribeiras do Tambre, con 5.346,96 euros; e Club Deportivo Rutas a Pie con 1.651,91 euros.
Por outra banda, reciben subvención o Club Patinaxe Artística Omega con 5.825,15 euros; Club TK Denodo con 6.911,93 euros; CV Bruxas con 3.216,87 euros; Club Ximnasia Ames con 751,89 euros; Escola de Fútbol Sala Trasgos con 3.216,87 euros; Escola de Karate Dokkodo con 3.434,23 euros; Fútbol Club Meigas con 4.912,25 euros; Motoclub Ameixenda con 2.303,98 euros; O4S Rutas-Bike con 912,90 euros; Sociedade de Caza e Pesca Azor con 1.564,97; e Veteranos Bertamiráns con 869,43 euros.
As entidades beneficiarias destas axudas recibirán o 50% da axuda concedida de xeito anticipado. Deste xeito, o Concello vai a aboar de xeito anticipado axudas por valor de 40.000 euros. Os clubs e entidades deportivas beneficiarias teñen como prazo de xustificación de ditas axudas ata o vindeiro 31 de agosto de 2026.





