Solapas principales

Aprobada a adxudicación do proxecto de mellora da accesibilidade no Milladoiro e Bertamiráns incluído no Plan Impulsa Ames cofinanciado con fondos europeos do FEDER

Jueves, 30 de abril de 2020

O Concello de Ames, a través de dous decretos da Alcaldía, vén de aprobar a adxudicación das obras de eliminación de barreiras e mellora da accesibilidade en Bertamiráns e no Milladoiro. Este proxecto está incluído no Plan Impulsa Ames, que está cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). No caso de Bertamiráns, os traballos foron adxudicados á empresa Obras y Viales de Galicia SL (OVIGA SL) por un importe de 69.820 euros. Con respecto ao Milladoiro, as obras foron adxudicadas a Construcciones Iglesias Mera SL por un importe de 10.807,45 euros. O proxecto ten un orzamento total de 80.627,45 euros.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI). Un dos proxectos que se van executar é a eliminación de barreiras e mellora da accesibilidade en Bertamiráns e no Milladoiro. Este proxecto está incluído dentro do Obxectivo Temático 6 da EDUSI denominado Programa para a revitalización e valoración urbana dos núcleos de centralidade do municipio de Ames.
 
Para o desenvolvemento das actuacións de accesibilidade que se pretenden, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, é necesario ter en conta o Plan Integral de Accesibilidade de Ames, no que se indican como incumprimentos xeralizados a resolver a ausencia de vaos peonís adecuados en determinados cruces, a existencia de pavimentos inadecuados, a carencia de varandas de apoio en escaleiras e desniveis, e a inexistencia de sinalización de pasos de peóns en determinados cruces.
 
Eliminación de barreiras nas avenidas da Maía e Rosalía de Castro
As obras de eliminación de barreiras en materia de accesibilidade universal no espazo público urbanizado de Bertamiráns afecta a diferentes tramos da avenida da Maía e cruces puntuais desta vía coa avenida da Peregrina, a travesía da Peregrina, e as rúas Rueiro, Alcalde Lorenzo, praza do Concello, da Fragua, do Pedregal, Fontaldeiro e Poeta da Maía. No Milladoiro, as obras atinxen a varios vaos puntuais da avenida Rosalía de Castro e os seus cruces coas rúas da Moa e Cruxa. En ambos casos, a actuación trata de resolver de xeito accesible a continuidade peonil da que carecen estas rúas, para que todas as persoas poidan utilizar o espazo público, con independencia da súa condición e o seu nivel de mobilidade.
 
Así, con carácter xeral, resolveranse vaos que non estaban adaptados correctamente e supoñían unha barreira para usuarios/as de mobilidade reducida ou usuarios/as de cadeiras de rodas ou con problemas de visión. Nalgúns casos, crearanse vaos e pasos de peóns novos. Asemade, adaptarase o mobiliario urbano existente ou substituirase por elementos adaptados, cunha actuación nos casos de adaptación, reconstrución e redefinición de vaos existentes fóra de normativa; despintado, repintado e axustado de novos pasos de peóns incluídos; e ensanchamento de beirarrúas nalgúns casos para poder aloxar axeitadamente os novos vaos de peóns e posuír percorridos adaptados.
 
O Concello continúa así coa planificación do Plan Impulsa Ames, co obxectivo de avanzar na tramitación dos expedientes, a pesar da situación actual de estado de alarma. Para o alcalde, José Miñones, “é prioritario poder avanzar neste plan e na liña de accesibilidade, que complementa as outras actuacións realizadas ao longo destes anos e que están a adaptar os edificios municipais así como as rúas de Ames”.
 
Adaptación da mobilidade peonil
O obxectivo final da mellora, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, é posuír un itinerario peonil adaptado na proximidade dos edificios a resolver, para o que se determinan diferentes actuacións: a eliminación de vaos existentes mal definidos, mal ubicados ou sen vao oposto no cruce; a execución de vaos novos en novas ubicacións incluíndo o pintado de pasos de peóns novos; a execución de novo alcorque adaptado e reubicación de arborado nalgúns casos onde se modifica a posición do alcorque; e a dotación de papeleiras  adaptadas nas posicións ou ubicacións definidas no proxecto.
 
Tamén se van reubicar as sinais de tráfico ou informativas á posición próxima que non estorbe ou ocupe espazo destinado a vao peonil; a colocación de novas sinais por estimarse necesarias como sinal de aparcamento adaptado SIA ou de sinalización de paso de peóns ou de tráfico específica; a reubicación e recrecido de sumidoiro existente en espazo de cruce peonil existente; a colocación de novos sumidoiros ou reixas de recollida de augas pluviais; e a adaptación e reparación de pavimentos peonís.
 
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, indica que “con estas obras pretendemos continuar a accesibilidade do noso concello, e seguir co proxecto e a planificación iniciada no mandato anterior no que se realizaron varias obras, entre as que destacan a adaptación de edificios públicos, a rúa Agro do Medio, a praza da Maía, o novo parque adaptado do Milladoiro, etc.".
Mapa do emprazamento do proxecto que se vai executar en Bertamiráns

Multimedia

  • Mapa do emprazamento do proxecto que se vai executar en Bertamiráns
  • Mapa dunha das actuacións que se van executar en Bertamiráns
  • Mapa dunha das actuacións que se van executar no Milladoiro