Solapas principales

A ANPA do CEP de Ventín comeza un ciclo sobre tecnoloxía cunha sesión formativa sobre o seu uso responsable

Sábado, 02 de diciembre de 2023

A ANPA do CEP de Ventín, en colaboración co Concello de Ames, inaugura o vindeiro 5 de decembro un ciclo de actividades centradas na formación sobre o uso responsable das tecnoloxías. A primeira sesión, chamada “Para, Pensa, Conéctate contra a violencia de xénero” terá lugar no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:30 horas, e nela falarase sobre prevención contra o ciberacoso e a violencia de xénero dixital. Estas actividades enmárcanse no programa Conéctate, da Fundación Cibervoluntarios. Aqueles que estean interesados/as poderán inscribirse neste enlace.

A supervisión das familias, así como a implicación do profesorado e de toda comunidade educativa é fundamental para o desenvolvemento das crianzas nun entorno dixital seguro. Por esta razón o vindeiro martes, 5 de decembro, no auditorio da Casa da Cultura de Milladoiro a ANPA do CEP de Ventín organiza a primeira sesión dun ciclo de actividades orientadas á formación no uso responsable das tecnoloxías. O Concello de Ames colabora na realización desta actividade.  

Formación gratuíta para toda a comunidade educativa
Trátase dunha formación de balde dirixida a mozos e adolescentes entre 10 e 17 anos, así como ao seu entorno educativo e familiar. Todos os participantes recibirán formación sobre o uso seguro da Internet e as redes sociais para a prevención do ciberacoso, a privacidade e a violencia de xénero dixital. O obxectivo destas actividades e fomentar o uso seguro e saudable da Internet.

Unha primeira sesión con dous obradoiros
Nesta primeira sesión levaranse a cabo dous obradoiros. Por unha banda, ás 18:30 horas comezará o obradoiro “Para, Pensa, Conéctate”, que ten por obxectivo formar ás familias no uso seguro das tecnoloxías para previr situacións de risco na rede, promovendo un uso seguro da Internet e abordando temas como o ciberacoso e a violencia de xénero dixital.

Por outra banda, haberá un segundo obradoiro ás 19:30 horas titulado “Que podemos facer as familias?”, no que se ensinarán algunhas ferramentas que se poden empregar para axudar ás familias a supervisar o uso correcto do móbil polos seus fillos e fillas. Este obradoiro estará centrado en móbiles con Android e na aplicación WhatsApp.

A ANPA do CEP de Ventín comeza un ciclo sobre tecnoloxía cunha sesión formativa sobre o seu uso responsable

Multimedia

  • A ANPA do CEP de Ventín comeza un ciclo sobre tecnoloxía cunha sesión formativa sobre o seu uso responsable