Solapas principales

A andaina saudable de maio percorrerá as ribeiras do río Sar este sábado 21

Lunes, 16 de mayo de 2022

A Concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde continúa en maio co seu programa de andainas saudables, nesta ocasión cunha ruta polas ribeiras do río Sar. O traxecto, de aproximadamente nove quilómetros, partirá de Bertamiráns para percorrer diferentes espazos naturais dos concellos de Ames e de Brión. Será este sábado 21 de abril, dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 10:30 horas. As persoas que desexen participar poden inscribirse no enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal ata o xoves 19 de maio, ás 14:00 horas. Ademais, haberá servizo de autobuses dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 10:15 horas.

Despois do seu paso pola ruta das Leiteiras en Carnota, o programa de andainas saudables de Ames volve en maio cunha nova proposta para este sábado 21 de maio. Nesta ocasión farase unha saída polas ribeiras do río Sar, cuxo curso forma o val da Maía e que contribúe ao patrimonio natural do concello e da súa contorna. As persoas que participen na andaina deberán completar un traxecto duns nove quilómetros, nos que gozar de varios espazos naturais tanto por Ames como por Brión.

As andainas saudables realízanse nas fins de semana e celébranse unha vez ao mes dende o pasado mes de setembro. Neste 2022 xa se programaron unhas cinco saídas, que complementan ao programa semanal SaúdeAndo con percorridos máis esixentes. Neste senso, dos meses de xaneiro a marzo completáronse as últimas etapas do Xiro dos Montes de Compostela, mentres que na pasada edición de abril viaxouse ata o concello de Carnota, onde se percorreu a ruta das Leiteiras.

Inscricións e servizo de autobuses dende O Milladoiro

As persoas interesadas en sumarse a esta actividade poden anotarse ata este xoves 19 de maio, ás 14:00 horas, enviando un correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal. Ofértanse unhas 70 prazas para esta proposta, que partirá da praza do Concello, en Bertamiráns, ás 10:30 horas do sábado 21. Ademais, haberá servizo de autobuses dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 10:15 horas. Recoméndase levar roupa e calzado cómodo e apropiado a sendas de monte.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Unha ruta para reforzar a saúde na beira do Sar"

Enfoques: "La ruta saludable de mayo de Ames recorrerá las riberas del río Sar este sábado"

A andaina saudable de maio percorrerá as ribeiras do río Sar este sábado 21

Multimedia

  • A andaina saudable de maio percorrerá as ribeiras do río Sar este sábado 21