Solapas principales

Amplíase o número de contedores para facilitar as doazóns ao roupeiro municipal

Sábado, 02 de marzo de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, instalou catro novos colectores para doar roupa, calzado e complementos ao roupeiro municipal. Así, instaláronse dous en Bertamiráns e outros dous no Milladoiro. Deste xeito, facilítase a doazón de roupa e ao mesmo tempo farase a selección do material depositado nos contedores de xeito máis áxil e sinxelo. A colocación dos novos colectores responde ao bo funcionamento do roupeiro e á ampla colaboración co mesmo por parte da veciñanza. Deste xeito amplíase a oito o número de contedores para recoller roupa, catro en Bertamiráns e outros catro no Milladoiro. O roupeiro municipal atende arredor de 500 solicitudes ao longo do ano.

Esta semana instaláronse catro novos contedores para depositar roupa, calzado e complementos; dous foron instalados na avenida da Peregrina, en Bertamiráns, e outros dous na rúa Figueiras, no Milladoiro. A estes súmanselle os xa existentes na rúa Poeta da Maía, preto da Casa da Cultura de Bertamiráns, e na rúa Agro do Medio, en fronte do antigo centro de saúde do Milladoiro. Deste xeito, o Concello de Ames conta actualmente con un total de oito contedores (catro en Bertamiráns e catro no Milladoiro) para facer doazóns ao roupeiro municipal.

A instalación de ditos contedores faise a través da empresa Texlimca. En setembro de 2022 o Concello de Ames e maila empresa Texlimca asinaron un convenio para  colaborar na xestión do servizo do roupeiro municipal. Dita empresa foi a encargada de colocar os contedores en Bertamiráns e no Milladoiro para depositar bolsas con roupa, calzado e complementos. Así facilitase a doazón de roupa e ao mesmo tempo faise a selección do material depositado nos contedores de xeito máis áxil e sinxelo.

A empresa fai periodicamente unha revisión dos contedores para comprobar a cantidade de roupa que teñen. Unha vez están cheos realizan unha revisión da roupa e a que está en bo estado entrégaselle ao Concello de Ames, para repartir entre as persoas que a soliciten previamente. Por outra banda, o material que non está en bo estado é reciclado pola empresa Texlimca. O roupeiro municipal atende arredor de 500 solicitudes ao longo do ano.

Mellora do sistema de xestión do roupeiro municipal
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, e mailo coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos, achegáronse ata a avenida da Peregrina para ver os novos contedores de roupa instalados en Bertamiráns.

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, destaca que “este sistema de xestión do roupeiro municipal está funcionando moi ben, por iso decidimos incrementar o número de contedores. No último ano e medio conseguiuse mellorar o proceso de selección da roupa que está en bo estado facilitando o traballo das voluntarias e voluntarios que colaboran coa Oficina de Voluntariado de Ames, Ademais, dáselle un uso a aquel material que non está en boas condicións xa que pode ser reciclado”.

O coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos, indica que “a colocación dos novos colectores responde ao bo funcionamento do roupeiro e á ampla colaboración co mesmo por parte da veciñanza. Con ese novo sistema de xestión é como se tivésemos un roupeiro máis grande porque estamos xestionando unha maior cantidade de roupa á que se lle pode dar un segundo uso, pero ademais aquela roupa que non serve para usar estase reciclando. Esa roupa inservible xa non a estamos recibindo, xa vai directamente para a planta de reciclaxe, algo que nos está aforrando moito traballo. Na Oficina de Voluntariado só estamos recibindo a roupa en bo estado que se pode volver a usar”.

O roupeiro comezou a funcionar en 2001
Este servizo foi posto en marcha no ano 2001. Antes da colocación dos primeiros contedores en setembro de 2022, a veciñanza que quería doar roupa tiña que acudir ás Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns en horario de atención ao público, de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres. Con estes contedores para recoller roupa, calzado e complementos facilítase a doazón deste material, xa que se pode depositar en calquera momento do día. Ademais, o persoal da empresa Texlimca, que colabora na xestión do servizo do roupeiro municipal,  encárgase de seleccionar a roupa que está en bo estado para posteriormente entregarlla ao Concello de Ames. O material que non está en bo estado é reciclada.

O obxectivo deste servizo é mellorar a xestión do roupeiro municipal, que atende arredor de 500 solicitudes ao longo do ano. Hai tres grupos de catro voluntarias/os que son as/os encargadas de xestionar os pedidos que chegan ao roupeiro municipal. Os pedidos mais demandados son de roupa para nenos e nenas de 4 a 16 anos, roupa de abrigo (chaquetas, abrigos...) e roupa de cama. Aquelas persoas que queiran doar material máis voluminosos ou enseres infantís terán que chamar ao número de teléfono 662 377 044, da Oficina de Voluntariado de Ames, ou enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal.

Amplíase o número de contedores para facilitar as doazóns ao roupeiro municipal

Multimedia

  • Amplíase o número de contedores para facilitar as doazóns ao roupeiro municipal
  • Amplíase o número de contedores para facilitar as doazóns ao roupeiro municipal
  • Amplíase o número de contedores para facilitar as doazóns ao roupeiro municipal
  • Amplíase o número de contedores para facilitar as doazóns ao roupeiro municipal