Solapas principales

Ames xa conta coa súa Escola Municipal de Teatro

Miércoles, 08 de septiembre de 2021

A Concellaría de Cultura presentou esta mañá a nova Escola de Teatro de Ames. A iniciativa foi aprobada o pasado día 10 de xuño na Xunta de Goberno Local cun orzamento de licitación é de 32.018,54 euros. Talía Teatro foi a empresa adxudicataria do contrato. O prazo de inscrición estará aberto do 13 ao 19 de setembro e débese realizar a inscrición a través da plataforma Cronos. Poderase realizar a autoliquidación premendo nesta ligazón,  con ou sen certificado electrónico. Deberás ir ir á opción Pagar Taxas.As clases comezarán o 1 de outubro de 2021 e rematarán o 30 de xuño de 2022. Podes consultar nesta ligazón o folleto.

 A Casa da Cultura do Milladoiro foi o sitio escollido para presentar, esta mañá, a primeira Escola de Teatro de Ames. Ao acto acudiron Natividade González , concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, María Vázquez, técnica de Cultura, Artur Trillo, Director de Talía Teatro, empresa adxudicataria do contrato, María Ordóñez, docente da Escola Municipal de Teatro e Diego Rey, Coordinador da Escola de Teatro.

A nova Escola de Teatro impartirá unha actividade de teatro infantil e xogo dramático, tres clases en Bertamiráns os martes e outras tres no Milladoiro, os mércores. Cada sesión, nun horario diferente, está dirixida a un grupo de idade concreta: de 3 a 6 anos, de 6 a 12, e outra para maiores de 12 anos. Ademais, No Milladoiro tamén se organizará un grupo municipal para maiores de 18 anos. En cada un das 7 actividades haberá 12 prazas dispoñibles. En función da normativa das medidas esixinte en cada momento, a distribución destas doce persoas poderá variar.

Natividade González, concelleira de Cultura, comezou a presentación indicando que: “A Escola Municipal de Teatro nace cunha imaxe renovada e cunha nova dirección artística e técnica e, sobre todo, cunha gran ilusión depositada, así como cunha forte aposta por esta disciplina artística”.

González engadiu que pretende, dende a Concellaría de Cultura e a compañía Talía Teatro: “Unir sinerxías para que esta nova edición sirva para sumar novas xeracións e aficionados e futuros profesionais das artes escénicas, así como consolidar novos públicos na nosa programación. Coa Escola de Teatro buscamos facilitar, desde as administracións, un espazo cultural e educativo coa finalidade de fomentar a creatividade, de xerar empatía, desenvolver habilidades psicomotrices e mellorar a axilidade mental”.

A concelleira de Cultura afirmou que “Un dos pilares claves dunha sociedade é o seu benestar social e a asistencia de servizos de calidade, de aí a Escola de Teatro de Ames que é accesible para todos os públicos”.

Artur Trillo, Director de Talía Teatro, explicou que: “Para nós é un pracer retomar a actividade no Concello de Ames que xa, de maneira indirecta, viñamos desenvolvendo dende fai anos. É un orgullo porque a actividade que facemos nós, aínda que maiormente son espectáculos, nos últimos anos tamén temos unha vertente que é a formación de teatro aficionado en diferentes concellos. Nesta nova etapa, que xa somos nos a empresa encargada, a relación vai ser moito máis fluída co Concello de Ames sen intermediarios”.

Diego Rey, Coordinador da Escola de Teatro, destacou que: “O Concello de Ames tivo o interese de ir máis alá dunha Escola de Teatro e convertila nun espazo de encontro para a cidadanía. Nós temos un gran compromiso coa pedagoxía. Na compañía entendemos o teatro como un fenómeno pedagóxico xa que é un sitio onde a cidadanía pode ter a súa voz. En moitos países o teatro forma parte da formación regrada obrigatoria e, en España, hai moitas eivas nese sentido. É unha marabilla ver cando un concello se compromete a cubrir eivas”.

Por último, María Ordóñez, docente da Escola Municipal de Teatro, explicou que: “Este ano ábrese unha nova etapa na que queremos mellorar e aprender. Collémolo con moita ilusión e moitas ganas. Esperemos que eito dure moitos anos e que haxa canteira e un grupo consolidado”.

Prezos públicos da Escola de Teatro

Menores de 18 anos.......................................................................40 €

2º membro menor de 18 anos................................................20 €

3º e restantes membros menores de 18 anos........10 €

Maiores de 18 anos.........................................................................50 €

En casos excepcionais, por resolución do órgano competente e previo informe dos Servizos Sociais, poderase acordar a exención total/parcial das tarifas.

Poderase realizar a autoliquidación premendo nesta ligazón,  con ou sen certificado electrónico. Deberás ir ir á opción Pagar Taxas.

Talía Teatro

O orzamento de licitación da nova Escola de Teatro de Ames foi de 32.018,54 euros segundo se aprobou o pasado día 10 de xuño na Xunta de Goberno Local.

A compañía Talía teatro, dirixida por Artur Trillo, é a empresa que desenvolverá a actividade da Escola de Teatro incluíndo labores de dirección, coordinación e docencia. Ademais, os pregos de licitación recollen a obriga de preparar e representar un ou varios espectáculos de teatro co grupo ou grupos que se constitúan no seo desta Escola, a supervisión técnica e o mantemento do equipamento técnico dos auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro.

Novas relacionadas:

Revista AmesGo: "Ames xa conta coa súa Escola Municipal de Teatro"

Lindeiros: "Ames presenta a nova Escola de Teatro Municipal"

Ames xa conta coa súa Escola Municipal de Teatro
Descargas: 

Multimedia

  • Ames xa conta coa súa Escola Municipal de Teatro
  • Ames xa conta coa súa Escola Municipal de Teatro
  • Ames xa conta coa súa Escola Municipal de Teatro