Solapas principales

Ames segue festexando o Mes do Libro coa presentación do libro cos textos premiados no XX Certame Literario Concello de Ames

Jueves, 18 de abril de 2024

O departamento de Normalización Lingüística de Ames organiza este sábado 20 de abril, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, a presentación do libro cos 18 textos premiados XX Certame Literario de Ames, á que acudirán as persoas gañadoras da edición de 2023.

A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este sábado o acto de presentación da recompilación dos textos finalistas do Certame Literario de Ames de 2023. Un acto no que o Servizo de Normalización Lingüística presentará o libro cos textos gañadores da vixésima edición do Certame, e no que os autores e autoras lerán as súas propias creacións.

O libro inclúe todos os textos premiados no XX Certame Literario de Ames, que se desenvolveu no ano 2023, e que recibiu un total de 167 traballos. Premiáronse  dezaoito propostas que se repartiron entre as categorías de narrativa e poesía e entre as diferentes franxas de idade (maiores de 18, entre 14 e 17 anos e menores de 13). Os traballos gañadores procedían de catorce concellos, espallados por toda a xeografía galega. Deste xeito, entre a listaxe de premiadas atópanse obras con orixe en Ames, Negreira, Touro, Sada, Ames, A Coruña, Marín, Teo, Santa Comba, Nigrán, Arteixo, Carballo, Cangas, Lugo e Mos .

Aquí, no concello de Ames, quedaron dous galardóns: o segundo premio da primeira categoría na modalidade de narrativa e o primeiro premio da terceira categoría na mesma modalidade.

Tal como recollen as bases do propio certame os autores e autoras dos textos que recolle este volume recibirán cinco exemplares da publicación como compensación dos dereitos de autor/a.

O libro está formado por nove relatos e outros tantos poemas. Uns traballos que foron seleccionados, de entre 167 propostas recibidas, por Ismael Ramos Castelo, Anna R. Figueiredo e Andrea Porto Mato, relacionados todos eles co ámbito da creación literaria e premiados en edicións anteriores deste mesmo certame. A recompilación completa poderase consultar na páxina web do Concello e nas bibliotecas municipais.

XXI Certame Literario do Concello de Ames
O prazo para presentar textos ao XXI Certame Literario Concello de Ames estará aberto ata o vindeiro 24 de abril (incluído). As bases desta XXI edición poden consultarse premendo nesta ligazón.

Ames segue festexando o Mes do Libro coa presentación do libro cos textos premiados no XX Certame Literario Concello de Ames

Multimedia

  • Ames segue festexando o Mes do Libro coa presentación do libro cos textos premiados no XX Certame Literario Concello de Ames
  • Ames segue festexando o Mes do Libro coa presentación do libro cos textos premiados no XX Certame Literario Concello de Ames