Solapas principales

Ames, Santiago e Teo promocionan o uso do galego nas empresas a través do portal web #galegoempresas

Jueves, 06 de junio de 2019

O Concello de Ames ven de presentar a plataforma web #galegoempresas, un directorio gratuíto que ten como obxectivo ofrecer unha maior visibilidade entre a poboación ás empresas ou negocios da contorna que ofrezan produtos e/ou servizos en galego. A presentación tivo lugar esta tarde, ás 16.00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello de Bertamiráns, nun acto a cargo das concelleiras en funcións de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, e de Promoción Económica, Isabel González, así como do técnico da empresa Ágora Aberta, encargado da elaboración desta plataforma web, Óscar Maceira. Ao acto tamén acudiron os/as técnicos/as de Ames, Rosa Moreiras, técnica de Normalización Lingüística, e Jorge Couñago, técnico de Promoción Económica.

A web #galegoempresas ten como finalidade a posta en valor dos negocios da contorna de Compostela que utilizan, en maior ou menor medida, o galego durante o desempeño da súa actividade. Así, as empresas e negocios poden publicitarse de xeito gratuíto nesta plataforma, á que o público pode acceder para coñecer información destas empresas como a súa localización, horarios, descrición dos servizos e produtos que ofrece ou os datos de contacto. Esta iniciativa, que leva en funcionamento dende febreiro, foi posta en marcha polos concellos de Teo, Ames e Santiago de Compostela.

Durante a presentación, o técnico de Ágora Aberta Óscar Maceira, destacou que este directorio “pretende ser un vínculo entre as empresas que usan o galego e os usuarios/as que solicitan este servizo, xurdido da necesidade de cubrir a demanda do público por negocios que os atendan en galego”. O técnico tamén quixo poñer o aceno na facilidade que supón a plataforma, tanto para as empresas á hora de acceder e subir a súa información de forma fácil e rápida, como para o consumidor/a á hora de chegar a ela.

Así, o obxectivo de #galegoempresas é facilitarlle ao público o coñecemento e o acceso á oferta en galego no sector socioeconómico, ao tempo que recompensa a responsabilidade social das empresas ou negocios que usan este idioma cunha maior difusión e visibilidade dos seus produtos ou servizos. A este respecto, a concelleira en funcións de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero afirmou que con iniciativas como a posta en marcha deste directorio ou o Premio Lingua e Empresa, búscase “agradecer e recoñecer o traballo dos membros do sector socioeconómico que axudan a poñer en relevo o feito de que o noso idioma tamén é válido para o mundo dos negocios”. Asemade, salientou a importancia destas iniciativas, enfocadas a “intentar aumentar e mellorar o uso do galego neste sector”.

Pola súa banda, Isabel González, concelleira en funcións de Promoción Económica e Atención Veciñal, manifestou os seus desexos de que #galegoempresas “sexa unha ferramenta que siga axudando ás empresas que xa veñen acercando os seus servizos e/ou produtos en galego”, así como de que “se incremente o número de empresas, tanto do noso concello como de Santiago e Teo, que se animen a formar parte desta plataforma ata converterla nunha rede máis grande e ampla”. Ademais, ambas concelleiras quixeron agradecer o traballo realizado polos departamentos de Normalización e Promoción Económica do Ames, así como aos concellos de Teo e Santiago, o traballo realizado na posta en marcha desta iniciativa.

Unha plataforma gratuíta, fácil e rápida
As empresas interesadas incorpóranse á web cun procedemento sinxelo, que comeza ao acceder á plataforma https://galegoempresas.santiagodecompostela.gal e cubrir o formulario de autodiagnose. Unha vez que sexa validado polo servizo de normalización lingüística municipal, reciben unha mensaxe para que completen a información coa que se queren presentar publicamente, como o logo, datos de contacto, descrición, imaxes, web, redes sociais. A partir dese momento, a súa ficha está dispoñible para o público xeral cos datos que as empresas queiran facer públicos para difundirse e cunha valoración da porcentaxe de uso do galego que ofrecen.

Calquera persoa que consulte a páxina pode realizar buscas por localización xeográfica e por sector, ou atopar o establecemento do seu interese de maneira directa para ter todos os seus datos de contacto á man. Asemade, ademais das fichas de empresas e da información necesaria para incorporarse, a web de #galegoempresas facilítalles aos negocios ou empresas o acceso a recursos lingüísticos en liña que lles van ser útiles para resolver as dúbidas lingüísticas que poidan ter. A plataforma complétase cun pequeno argumentario e con vídeos explicativos sobre as vantaxes que os negocios poden obter do uso do galego e con experiencias de empresarios/as e que xa teñen incorporada a lingua ao seu modelo comunicativo.

Presentación da plataforma web #galegoempresas

Multimedia

  • Presentación da plataforma web #galegoempresas