Solapas principales

Ames sancionará a aqueles donos e donas de mascotas que non recollan os excrementos dos seus animais

Lunes, 17 de enero de 2022

“A cagada é NON recollela” é o motivo escollido polas Concellarías de Medio Ambiente e Seguridade Cidadá amesás para unha nova campaña de sensibilización, que chega ante as reiteradas queixas recibidas na sede municipal relacionadas coas molestias causadas polos excrementos de cans. O abandono de excrementos na rúa e nas zonas verdes supón un risco para a saúde pública, provoca contaminación visual, olfactiva e acuática, e dificulta as tarefas de limpeza municipais. A campaña difundirase por redes sociais, colocaranse carteis en zonas de lecer e parques, e colaborarase coa Policía Local para que reforce a vixilancia neste eido, podendo aplicar sancións dos 100 aos 500 euros.

Á presentación da campaña, celebrada esta mañá no Salón de Plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, acudiron o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Víctor Fernández. Os tres coincidiron en que as persoas que non respectan as normas son unha minoría, que cometen “faltas de civismo recorrentes, que demostran ao frecuentar sempre as mesmas zonas”, sinalou o alcalde, Blas García. O dirixente local recalcou a importancia de “saber convivir, coa responsabilidade de cada persoa e co respecto entre veciños e veciñas e cara ao mobiliario urbano”.
 
O Concello de Ames pretende con esta iniciativa chamar a atención ás persoas propietarias de mascotas, en especial cans, para que sexan conscientes do impacto que xeran os excrementos abandonados nas vías públicas, tanto nas relacións entre a veciñanza e os donos e donas de cans como na calidade de vida no concello. “As deposicións crean un certo malestar entre os veciños e veciñas pola insalubridade que xeran”, destacou o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Lens, que indicou que a campaña xurdiu “pola demanda da veciñanza” en forma de queixas en varios departamentos municipais.

A posta en marcha desta campaña de sensibilización virá acompañada dun reforzo da colaboración coa Policía Local amesá, que reforzará a súa vixilancia neste eido. Cómpre destacar que as sancións para este tipo de infraccións van dos 100 ata os 500 euros. Así o recordou o concelleiro de Seguridade Cidadá, Víctor Fernández, que insistiu en que se realizará “un seguimento pormenorizado destas situacións en todas as franxas horarias, sobre todo naquelas horas e lugares nos que se ten detectado un maior número de infraccións”. Neste senso, incidiu en que as labores de vixilancia “manteranse no tempo”, e non só estarán vixentes durante a promoción desta nova iniciativa.

Malia que o eslogan da campaña poña o seu foco nas feces das mascotas, no acto indicouse que os ouriños tamén son parte da problemática e das protestas da veciñanza, xa que afectan á limpeza dos espazos públicos e mesmo á conservación do mobiliario. “Ao pasear polos núcleos de Ames vemos parte do alumeado público desgastado polos efectos dos ouriños, que afectan especialmente aos parafusos e as bases dos farois”, incidiu o alcalde, Blas García.

Ademais, durante a presentación recordouse que durante os últimos anos abríronse, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, espazos dedicados ao paseo e a estancia das mascotas, que “pasarán a formar parte do último contrato de limpeza que se adxudicará proximamente”, sinalou García.

“A cagada é NON recollela”
O abandono de excrementos nos espazos públicos ten consecuencias moito máis amplas do que pode aparentar, xa que non realizar este pequeno xesto de civismo pode afectar á saúde pública, xerar contaminación e dificultar o traballo dos equipos de limpeza municipais.

Falsas crenzas como pensar que as dexeccións das mascotas poden servir como abono para os espazos verdes converten estas zonas en focos de insalubridade, xa que unha boa parte das enfermidades dos animais domésticos se transmiten polas feces, e desta maneira as persoas quedamos expostas a estes riscos, en especial a cativada, que é a que máis frecuenta estes recintos de ocio.

Os excrementos tamén contaminan as nosas vías, espazos públicos e ecosistemas. Ademais da evidente contaminación visual e olfactiva que causan nos núcleos urbanos, as feces xeran problemas de contaminación acuática, ao entraren en contacto con parte das nosas reservas de auga naturais subterráneas, os acuíferos. Estes problemas de hixiene e de saúde pública súmanse ao risco que poden supoñer ter nas vías públicas as dexeccións de mascotas, que poden causar escorregóns e que dificultan as labores das traballadoras e traballadores dos servizos de limpeza.

Así mesmo, o Concello de Ames recorda que a tenza de animais de compañía debe realizarse de maneira responsable, tendo en conta en todo o momento que as mascotas son seres vivos, e que necesitan de certos coidados e dun compromiso firme que os seus donos e donas deben estar dispostos a asumir.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames multará las deposiciones de mascotas tras fracasar las campañas de concienciación"

El Correo Gallego: "Campaña e multas contra as deposicións de animais"

Compostela 24 Horas: "Ames sancionará a aqueles donos e donas de mascotas que non recollan os excrementos dos seus animais"

Lindeiros: "Ames contra as “cagadas”"

Imaxe da presentación da campaña “A cagada é NON recollela”

Multimedia

  • Imaxe da presentación da campaña “A cagada é NON recollela”
  • Cartaz da campaña “A cagada é NON recollela”