Solapas principales

Ames procura filmes infantís e xuvenís para a sexta edición do festival Cinema Miúdo

Sábado, 10 de junio de 2023

O festival de cinema infantil e xuvenil do Concello de Ames, que conta co apoio da Deputación da Coruña, abre a convocatoria de filmes a cineastas de calquera nacionalidade que deberán inscribir os seus traballos antes do 4 de setembro. O certame internacional destinado a público infantil e xuvenil celebrarase do 16 ao 19 de novembro nas Casas da Cultura de Bertamiráns e O Milladoiro. A inscrición de curtametraxes está aberta a realizadoras e realizadores de todo o mundo. Nesta sexta edición a programación xirará arredor das familias, facendo fincapé na súa diversidade e amosando familias de todo tipo e varias partes do mundo.

Cinema Miúdo é un certame internacional que lle dá á rapazada galega a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo a través do cinema. O seu obxectivo desde 2018 é formar un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Este festival está organizado pola Concellaría de Cultura e conta co apoio da Deputación da Coruña.

A sección oficial está dividida en dous bloques por idades: axóuxeres, para nenas e nenos de entre 2 e 7 anos; e buxainas, para maiores de 7. Cada unha das categorías competirá por un premio do xurado, dotado con 500 euros e un premio do público de 200 euros. Unha das novidades desta sexta edición é a vontade de atraer a máis público xuvenil, con filmes axeitados para adolescentes a partir dos 11 anos.

A inscrición é gratuíta a través da plataforma Festhome ou no correo electrónico programacion@cinemamiudo.gal. Poderá inscribirse calquera filme producido no ano 2021 ou posterior, destinado ao público preescolar, infantil ou xuvenil e sen límite de traballos por creador. A duración das curtas deberá non superar os 10 minutos na categoría axóuxeres e ser menor de 25 na categoría buxainas. O certame está aberto a filmes en calquera lingua, mais no caso de pezas rodadas nun idioma distinto ao galego ou castelán deberán estar subtituladas.

Pezas con valores de igualdade e diversidade
Nesta sexta edición a programación xirará arredor das familias, facendo fincapé na súa diversidade e amosando familias de todo tipo e varias partes do mundo. Para isto, a escolla dos filmes responderá a criterios tanto estéticos e técnicos, como educativos, poñendo especial interese en seleccionar pezas que transmitan valores de igualdade e diversidade. Como na edición anterior, o equipo de programación escollerá pezas inscritas nesta convocatoria, pero tamén seleccionará curtametraxes exhibidas nos mellores certames de cinema infantil do mundo.

A sección oficial de curtametraxes estará complementada con obradoiros que promovan a creatividade e interese das nenas e nenos no audiovisual, así como actuacións musicais e momentos lúdicos. Ademais a organización seguirá traballando no camiño iniciado na anterior edición de contar con realizadoras e realizadores convidadas e convidados que conversen co público miúdo sobre os seus filmes.

Imaxe da quinta edición do festival Cinema Miúdo

Multimedia

  • Embedded thumbnail for