Solapas principales

Ames porá en marcha unha oficina de asesoramento para a creación de comunidades enerxéticas locais grazas á concesión dunha importante axuda de 80.000 euros

Miércoles, 04 de octubre de 2023

Esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, participou na Cámara de Comercio de Santiago de Compostela na xornada “As Comunidades Enerxéticas Locais. Un proxecto de futuro” na que se abordaron as vantaxes e beneficios das comunidades enerxéticas entre outras cuestións. Neste senso, cómpre destacar que o Concello de Ames é beneficiario dunha subvención de 80.000 euros dentro do programa de axudas a Oficinas de Transformación Comunitaria para a promoción e dinamización de comunidades enerxéticas (CE OFICINAS), que se enmarca na compoñente 7 «Despregue e integración de enerxías renovables» do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para a execución dos fondos Next Generation EU. Cómpre destacar a importancia que ten a concesión de dita axuda, xa que en Galicia tan só se aprobaron cinco proxecto, entre eles o de Ames.

​O Concello de Ames vén de coñecer a boa nova de que aprobaron o seu proxecto presentado ao programa de concesión de axudas para Oficinas de Transformación Comunitaria para a promoción e dinamización de comunidades enerxéticas (CE OFICINAS), que se enmarca na compoñente 7 «Despregue e integración de enerxías renovables» do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para a execución dos fondos Next Generation EU, cuxas bases reguladoras foron establecidas mediante a Orden TED/1021/2022, do 25 de outubro do Ministerio para a Transformación Ecolóxica e Reto Demográfico.

​O importe concedido ao Concello de Ames ascende a 80.000 euros, dos 120.000 euros que ten o presuposto para poñer en marcha a oficina de asesoramento para comunidades enerxéticas, polo que o Concello deberá achegar os 40.000 euros restantes con fondos propios. Cabe destacar que só se concedeu a axuda a aproximadamente o 50% dos Concellos solicitantes polo que é unha fantástica nova que o Concello de Ames estea entre eles. O monto total que chegará á comunidade galega será de 931.846 euros e, a España, 19.928.885,25 euros.

​O alcalde, Blas García, destaca o compromiso da Concellería que el dirixe coa creación desta oficina que fará posible o correcto asesoramento para a creación de comunidades enerxéticas. “É a primeira vez que o Concello de Ames destina unha partida orzamentaria nesta materia, reflexo da seriedade da nosa aposta en materia de integración de enerxías renovables”, apunta García. “Debemos felicitarnos por esta xestión e seguir avanzando nesta dirección. Só o 50% por cento dos solicitantes conseguimos cumprir os requisitos e eso debémosllo agradecer ao gran traballo da Concellaría e de técnicos como Juan Carlos Carreja. Agora o que toca é facer que esta oficina estea operativa canto antes”, finaliza o rexedor.

​Dentro de dita convocatoria de axudas aprobáronse un total de 79 proxectos en toda España que contan cunha dotación económica total de 19.928.885,25 euros. En Galicia, aprobouse a concesión de 931.846,23 euros a un total de 5 proxectos. Ademais do Concello de Ames lograron achegas a Deputación de Pontevedra, os concellos do Rosal e Narón, e unha asociación empresarial de Lugo.

​As comunidades enerxéticas locais son formas de autoconsumo colectivo no que os participantes se benefician da enerxía que producen. É dicir, é coma se a nosa vila; incluíndo vivendas, comercios ou industrias, compartisen a enerxía que producen para facer un uso máis sostible e xusto. Por norma xeral, as comunidades enerxéticas locais utilizan a enerxía solar fotovoltaica para xerar a enerxía que logo se vai a repartir entre os membros da agrupación. Ademais, non é necesaria a instalación de paneis solares entre todos os participantes, o que fai que este sistema sexa moi accesible para quen non ten os recursos necesarios.

Deste xeito, o obxectivo é crear unha oficina de asesoramento a particulares de residencias familiares, comunidades de veciños, establecementos comerciais, PEMES, empresas, etc; para a creación de comunidades enerxéticas locais a través dun proxecto común de autoconsumo colectivo. As comunidades enerxéticas teñen unha serie de beneficios como son o acceso xusto ás enerxías renovables, respecto polo medio ambiente, impacto económico e creación de emprego, e independencia enerxética.

Xornada na Cámara de Comercio de Santiago de Compostela
​Precisamente, esta mañá o alcalde de Ames, Blas García, xunto co concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, e mailo axente de desenvolvemento local do Concello de Ames, Juan Carlos Carreja, participaron na xornada “As Comunidades Enerxéticas Locais. Un proxecto de futuro”, que estivo organizada pola a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, na que se abordaron as vantaxes e beneficios das comunidades enerxéticas entre outras cuestións.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames abrirá una oficina para asesorar sobre el autoconsumo energético a todos sus vecinos"

Ames Go: "Ames impulsará a creación de comunidades enerxéticas cunha oficina de asesoramento específica"

Imaxe da xornada na Cámara de Comercio de Santiago de Compostela

Multimedia

  • Imaxe da xornada na Cámara de Comercio de Santiago de Compostela