Solapas principales

Ames pon en marcha o plan municipal de protección ante emerxencias por incendios forestais para o 2019

Jueves, 04 de julio de 2019

O Concello de Ames pon en marcha un ano máis o plan municipal de protección ante emerxencias por incendios forestais con motivo do inicio da tempada estival. A través deste plan, que se activa durante o verán, artéllanse e organízanse os medios persoais e materias dos que dispón o Concello de Ames para paliar as consecuencias no caso de que un incendio forestal se converta nun perigo para as persoas e os bens municipais. Varios membros dos distintos grupos de intervención ante incendios forestais reuníronse este mércores, ás 13.00h, para poñer en común o plan de actuación deste ano, así como os medios e as persoas coas que se conta.

O operativo municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais está dirixido polo alcalde de Ames, José Miñones, e está composto por diferentes grupos operativos e persoal municipal. Deste xeito, os distintos equipos de intervención englóbanse  en grupos de prevención, sanitario e acción social, de transmisións e coordinación operativa, e de loxística e seguridade. Este último está formado por membros da Policía Local, a Garda Civil, Policía Autonómica, a brigada de obras, a Asociación de Protección Civil e de GES-Brión; mentres que o equipo sanitario e de acción social, inclúe traballadores/as sociais, médicos/as de atención primaria e voluntarias/os.

O obxectivo desta iniciativa é unir esforzos e colaborar con medios propios e concertados na extinción de incendios. Para elo, o Concello de Ames pon a disposición do distrito forestal todos os medios posibles para atallar estas situacións de risco. Sen embargo, a colaboración cidadá é vital no funcionamento deste plan, polo que se anima á veciñanza que comunique as forzas e corpos de seguridade calquera movemento sospeitoso ou a existencia dun incendio, a través do teléfono  092 ou 112.

Plantación de 602 árbores en 4,3 hectáreas ao abeiro da terceira fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais

Dende o pasado mes de novembro a terceira fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais, dándolle continuidade ao proxecto piloto iniciado en 2016. Durante o período do outono/inverno 2018-2019 actuouse nos ámbito 09 (Ventosa, Lombao, urbanización do Bosque Animado) e nos ámbitos 04A e 04B (monte de Outeiro - Pena Amarela). Son plans bianuais de actuación, polo que durante esta terceira fase volveuse actuar nos ámbitos 4A (Aldea Nova) e 4B (zona dos Batáns), na que xa se traballou durante a segunda fase (no inverno de 2017-2018).

Nesta terceira fase, un total de 57 persoas adheríronse ao Plan de medidas preventivas fronte incendios forestais, mediante a plantación de frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa. Deste total, executáronse 33 adhesións (7 en ventosa e 26 en Pena Amarela e nos Batáns). Actuouse nunha superficie de 4,3 hectáreas de terreo forestal, onde se plantaron 602 árbores: 286 castiñeiros (47,5% do total de árbores plantados), 130 bidueiros (21,6%), 82 carballos (13,6%), así como noceiras, cerdeiras, abeleiras, bidueiros, freixos, ameneiros e pradairos. Para a plantación de árbores frondosas caducifolias tense en conta o terreo, elixindo para o deseño de plantación, as plantas que mellor se adecúan as características do mesmo.

Este traballo realízase en coordinación entre o persoal técnico da Concellaría de Medio Ambiente e o persoal contratado polo Concello para este fin. Deste xeito, unha técnica do departamento de Medio Ambiente marcoulle diariamente as directrices do traballo a brigada de plantación, composta por un capataz e dous peóns. En total, o Concello destinou arredor de 58.000 euros de fondos propios á terceira fase deste plan.

Asemade, o Concello de Ames contou dende xullo do pasado ano coa brigada Aprol Rural, subvencionada a través do programa de fomento do emprego no medio rural da Consellería de Economía, Emprego e Industria. O persoal desta brigada actualizou as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa do Concello, que  teñen un ámbito municipal e posúen a función prioritaria de protección dos núcleos poboacionais, das infraestruturas, dos equipamentos sociais, das zonas edificadas, dos parques e dos polígonos industriais
Este equipo tamén creou un mapa xeoreferenciado para as parcelas, vías e camiños municipais, e un documento SIX como ferramenta preventiva e operativa. Así, elaboraron un documento cartográfico que serve como guía para a demarcación das zonas de actuación prioritarias e urxentes, en base a indicadores de risco; como documento de xestión e consulta para persoal do concello e titulares do monte.

A través da reunión mantida este mércores, os distintos membros dos equipos que interveñen neste plan puxeron en común os medios e persoas coas que se conta en todos os estadios de prevención e extinción de incendios, así como o plan de coordinación. Neste senso, o alcalde de Ames, José Miñones, declarou que "este concello é referente en materia de prevención, e agora quixemos poñer en coñecemento o dispositivo de intervención e o procedemento a seguir en caso de actuación, de cara a seguir avanzando na coordinación, tanto interna, como externa".

Reunión de coordinación ao abeiro do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais 2019

Multimedia

  • Reunión de coordinación ao abeiro do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais 2019