Solapas principales

Ames executa o levantamento topográfico e inventariado das redes de abastecemento e saneamento do municipio

Jueves, 22 de enero de 2026

O Concello de Ames avanza na execución do proxecto “Ames dixital Water”, que conta cunha axuda de 1.131.309,77 euros a través do plan PERTE, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, para a dixitalización do ciclo urbano da auga. A través do uso da tecnoloxía, búscase facer unha xestión máis eficiente e eficaz do ciclo completo da auga, desde a captación ata a reutilización. Na actualidade estanse executando o levantamento topográfico e inventariado das redes de abastecemento e saneamento do municipio. Dito proxecto foi adxudicado á empresa Cartogalicia, SL por un importe de 168.161,68 euros (IVE incluído). Na actualidade xa se xeoreferenciaron máis de 25.800 puntos das redes de abastecemento e saneamento.

O Concello de Ames iniciou a transformación integral do seu sistema de abastecemento e saneamento mediante a adxudicación e execución de diversos contratos enmarcados no proxecto estratéxico “Ames Dixital Water”, cuxa investimento global ascende a 1.356.375,49 euros. O 83,40% do orzamento total, que ascende a 1.131.309,77 euros, será sufragado con fondos europeos, mentres que o 16,60% restante, 225.065,72 euros, son sufragados con fondos municipais.

A iniciativa está financiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do PERTE para a dixitalización do ciclo urbano da auga, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Goberno de España e con fondos Next Generation EU. O obxectivo principal do proxecto é dotar ao municipio de servizos modernos e de calidade relacionados coa xestión do ciclo da auga. Así, a través da transformación dixital, Ames mellorará a eficiencia no uso dos recursos hídricos, garantirá a sustentabilidade ambiental e proporcionará á cidadanía un entorno favorable para o desenvolvemento dos seus proxectos de vida.

O proxecto pretende converter Ames nun referente na gobernanza da auga a nivel local, aproveitando as vantaxes da transformación dixital. Prevese mellorar a calidade de vida dos cidadáns, promover a sustentabilidade ambiental e fortalecer o arraigamento da poboación no municipio. Este enfoque integral busca crear un modelo replicable noutros contornos semiurbanos que se enfrontan a retos similares.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “o Ames Dixital Water consta de tres grandes bloques: a planificación; a mellora, eficiencia e dixitalización; e a xestión da información. Este proxecto é moi importante para o Concello porque se tocan todos os puntos do ciclo integral da auga. A través do uso da tecnoloxía, búscase facer unha xestión máis eficiente e eficaz do ciclo completo da auga, desde a captación ata a reutilización”.

Inventario das redes de abastecemento e saneamento 
Na actualidade estanse executando catro importantes actuacións por valor de 418.144,78 euros. Un dos contratos que xa está en marcha é do servizo para o levantamento topográfico e inventariado das redes de abastecemento e saneamento do municipio, unha actuación clave dentro do proxecto Ames Dixital Water. O orzamento base de licitación ascendía a 214.765,86 euros (IVE incluído), mentres que o contrato foi adxudicado por 168.161,68 euros (IVE incluído), o que supón unha redución do 21,7% respecto ao importe de licitación. A empresa adxudicataria é Cartogalicia SL, con sede no parque empresarial do Milladoiro, e especializada en servizos topográficos.

O contrato ten como finalidade dixitalizar e xeoreferenciar todas as infraestruturas do ciclo integral da auga, permitindo dispoñer dun inventario actualizado de captacións, redes, estacións de bombeo, depósitos, depuradoras e demais elementos singulares. Os traballos incluirán a instalación de identificadores físicos con tecnoloxía QR e NFC, que facilitarán o acceso inmediato á información técnica desde dispositivos móbiles.

Ademais, estes traballos contribuirán a mellorar a xestión dos servizos públicos, optimizar as tarefas de mantemento e reforzar a transparencia e a eficiencia na planificación de infraestruturas hidráulicas. Con esta actuación, o Concello de Ames dá un paso decisivo cara á modernización dixital do ciclo da auga, sentando as bases para a creación dun xemelgo dixital municipal que permitirá xestionar as redes con maior precisión, eficiencia e sustentabilidade.

Na actualidade xa foron xeoreferenciados máis de 25.800 puntos das redes de abastecemento e saneamento e executáronse traballos de gabinete en paralelo, quedando pendente a verificación/validación en campo dos datos para asegurar a calidade e coherencia do inventario.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames trabaja en el inventario de sus canalizaciones de agua y ya tiene 25.800 puntos georreferenciados"

Xornal de Compostela: "Ames avanza na dixitalización do ciclo da auga coa execución do proxecto ‘Ames Dixital Water’"

Ames executa o levantamento topográfico e inventariado das redes de abastecemento e saneamento do municipio

Multimedia

  • Ames executa o levantamento topográfico e inventariado das redes de abastecemento e saneamento do municipio