- Tematica
O Concello de Ames está a rexistrar ao longo de 2026 un crecente interese por parte da industria audiovisual, con múltiples solicitudes de rodaxe en distintos puntos do municipio. Esta tendencia consolida o posicionamento de Ames como un escenario atractivo e versátil para producións cinematográficas e televisivas.
Entre os proxectos que escolleron ou continúan confiando nas localizacións do municipio atópanse producións como “Animal”, “Operación Camarón”, “Outono”, “O asasino do pelo roxo”, “Vidas Perras” ou “Serenade”, sendo estes últimos proxectos marca Ames debido a que un foi desenvolvido no Espazo Colaborativo A Proa e outro, “Serenade”, foi un dos premiados no Ames AV Lab e actualmente en fase de preprodución, o que evidencia a capacidade de Ames para adaptarse a distintos formatos e xéneros audiovisuais.
Este interese pon de manifesto a riqueza natural, paisaxística e patrimonial do concello, no que conviven espazos rurais de alto valor ambiental con núcleos urbanos dinámicos como Bertamiráns e O Milladoiro. Esta diversidade permite ofrecer unha ampla variedade de escenarios, desde contornas naturais ata localizacións urbanas ou elementos do patrimonio histórico, destacando emprazamentos singulares como A Ponte Maceira.
En coherencia coa aposta municipal pola cultura e pola dinamización económica, o Concello valora moi positivamente este crecente interese, sempre garantindo a protección dos espazos utilizados e a adecuada convivencia coa veciñanza durante as rodaxes.
Neste sentido, o Concello de Ames ofrece colaboración institucional ás produtoras, facilitando tanto a identificación de localizacións como o acceso a infraestruturas de apoio. Entre os servizos dispoñibles inclúense espazos para cátering, maquillaxe e vestiario en función da dispoñibilidade e da localización, zonas de estacionamento para vehículos técnicos e coordinación operativa a través de Protección Civil e da Policía Local.
Estas medidas teñen como obxectivo favorecer a atracción de novas producións e contribuír á consolidación de Ames como un emprazamento de referencia no ámbito audiovisual, tanto en Galicia como no conxunto do Estado. A súa proximidade a Santiago de Compostela e a outros municipios da contorna reforza, ademais, o seu valor como localización estratéxica para rodaxes.
Paralelamente, o Concello continúa a traballar na axilización dos procedementos administrativos, co fin de ofrecer respostas eficaces ás solicitudes das produtoras e garantir unha planificación axeitada das rodaxes en función das características dos espazos, das datas e dos requirimentos técnicos.
O alcalde de Ames, Blas García, salientou que “Ames é un concello que permite acoller rodaxes en múltiples rexistros grazas á súa diversidade territorial e paisaxística. Somos a mestura perfecta entre rural e urbano e mesmo contamos cun dos pobos máis bonitos do país, A Ponte Maceira. Somos un escenario inmellorable”. Pola súa banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, destacou “o compromiso do Concello co desenvolvemento destes proxectos e a satisfacción por comprobar como moitos deles avanzan cara á súa materialización, especialmente aqueles que apoiamos dende o inicio con iniciativas como o Ames AV Lab”.
Tendencia á alza e apoio institucional ao sector audiovisual
O elevado número de solicitudes recibidas nos últimos anos confirma unha tendencia claramente á alza e reflicte o apoio continuado do Concello de Ames ao sector audiovisual, consolidando o municipio como unha localización fiable e competitiva para este tipo de producións.
Durante o ano 2025 xa se rexistrara un notable volume de solicitudes, entre as que destacan a rodaxe da serie de televisión “Las hijas de la criada”, adaptación dunha coñecida novela, así como a longametraxe “Los invitados”, actualmente en desenvolvemento. Tamén se recibiron propostas para proxectos de temática universitaria, o que evidencia a diversidade de contidos e formatos interesados nas posibilidades que ofrece Ames.
Este conxunto de iniciativas pon de relevo non só o atractivo das paisaxes e localizacións do municipio, senón tamén a capacidade de adaptación do territorio ás necesidades técnicas e creativas das producións audiovisuais. Ao mesmo tempo, contribúe a fortalecer o tecido económico local e a proxectar a imaxe de Ames como un espazo dinámico, creativo e aberto a novas oportunidades.
Ames AV Lab e Espazo Colaborativo A Proa
O Ames AV Lab é un laboratorio de creación que impulsa proxectos audiovisuais emerxentes. Ofrece asesoramento, formación e acompañamento creativo, facilitando tamén a conexión coa industria. Na súa última edición destacaron varios proxectos, entre eles “Serenade” de Pedro Díaz, que se rodará en Ames e contará coa participación das actrices María Vázquez e Bruna Cusí.
Por outra banda, o Espazo Colaborativo A Proa funciona como un viveiro de empresas e profesionais, favorecendo o crecemento de proxectos e a colaboración entre eles. Neste espazo desenvolveuse “Vidas Perras”, un proxecto de Sara Hortas.
En conxunto, ambas iniciativas amosan a aposta do Concello de Ames por fortalecer o tecido audiovisual e creativo local.







