Solapas principales

“Ames en festas” estréase mañá xoves co arranque das festas da Madalena

Miércoles, 03 de agosto de 2022

Mañá xoves día 4 de agosto darán comezo once días de celebración en Ames. Será no Milladoiro co inicio das festas da Madalena, unhas festas que se prolongarán ata o martes 9 de agosto. Seguidamente poñeremos o foco en Bertamiráns, coa celebración das festas  da Peregrina ata o domingo 14 de agosto. Este cartel “Ames en Festas” é froito da colaboración do Concello de Ames, as comisións de festas do Milladoiro e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

Os dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, celebran por primeira vez as súas festas de xeito conxunto. O resultado desta unión é o cartel “Ames en festas” unha programación de once días de música, concertos e actividades para todos os públicos. O arranque será mañá no Milladoiro co inicio das festas da Madalena. Unha das novidades desta edición das festas no Milladoiro son as sesións vermú. Dende a comisión de festas do Milladoiro quixeron darlle pulo aos mediodías programando pasarrúas e actuacións que amenicen o vermú polos distintos establecementos e aldeas do Milladoiro.

As festas comezan o xoves 4, xornada na que a Concellaría de Deportes instalará uns inchables acuáticos na zona da piscina descuberta do Milladoiro, de 16:30 a 20:30 horas. O primeiro día de festas concluirá coa actuación de Ángel América, un concerto promovido pola comisión de festas do Milladoiro que terá lugar ás 21:30 horas, na Parrillada La Llama, na rúa Costa Grande.

O venres 5 o protagonismo será para o festival Millarock, que chega á súa décimo primeira edición como unha das citas máis consolidadas do verán no Milladoiro. Organizado pola Concellaría de Cultura, o Millarock comezará ás 21:00 horas na travesía do Porto, coas actuacións de The Rapants, Battosai, Biribirlocke e Chicharrón.

Xa na primeira fin de semana de agosto, o sábado 6 arrincará cun pasarrúas a cargo de Argalleiros, con vermú nos establecementos Cisne Café, ás 12:45 horas; La Trastienda del 7, ás 13:00, e na cafetería da Casa da Cultura, ás 14:15 horas. Pola tarde, ás 18:30 horas, a praza Manuel Murguía acollerá a semifinal do concurso Canta con Ames, organizado pola Concellaría de Promoción Económica. Para pechar o sábado con verbena, a comisión de festas do Milladoiro ofrece as actuacións da orquestra Xacobeo e da disco móbil Fabrik, na travesía do Porto a partir das 22:00 horas.

O domingo 7 a xornada comezará de novo cun pasarrúas a cargo de RqR, e con vermú nos locais de hostalaría La Trastienda del 7, ás 12:45 horas; Café Bar Jisma, ás 13:00 horas, e na Parrillada As Brasas, ás 14:15. Ademais, haberá sesión vermú ás 14:00 horas, na travesía do Porto, coa orquestra La Hora Bruja. A música continuará no serán co concerto de MJ Pérez na praza Manuel Murguía, ás 21:00 horas, como parte do programa “AmesON de verán” da Concellaría de Promoción Económica. A semana rematará con verbena na travesía do Porto, ás 22:00 horas, coa orquestra La Hora Bruja e o grupo Claxxon, programados pola comisión de festas do Milladoiro.

Xa na segunda semana do mes, o luns 8, abrirase cun pasarrúas coa charanga Tíralle do Aire, e con vermú na cafetería da Casa da Cultura, ás 12:45; no Café Bar Dublín, ás 13:00 horas, e no Café Bar Jisma, ás 14:15 horas. Pola tarde será a quenda para as crianzas, coa actuación de Cé Orquestra Pantasma na praza Manuel Murguía, ás 19:30 horas, como parte da programación da Concellaría de Promoción Económica “AmesON de verán”. Pechará a xornada unha nova proposta de verbena da comisión de festas do Milladoiro, coa orquestra Los Coleguitas e o grupo Puzzle, a partir das 21:30 horas na travesía do Porto.

Os seis días de festa no Milladoiro rematarán o martes 9 de agosto, coa actuación da orquestra Furia Joven na travesía do Porto, ás 22:00 horas, que organiza o Concello de Ames.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames inicia hoy once días de fiesta en O Milladoiro y Bertamiráns"

El Correo Gallego: "Hinchables en Milladoiro y gala de Ángel América hoy"

“Ames en festas” estréase mañá xoves co arranque das festas da Madalena

Multimedia

  • “Ames en festas” estréase mañá xoves co arranque das festas da Madalena
  • “Ames en festas” estréase mañá xoves co arranque das festas da Madalena