Solapas principales

Ames consegue unha axuda de 5 millóns de euros ao ser seleccionado na segunda convocatoria europea de fondos DUSI

Lunes, 22 de mayo de 2017

Ames é un dos catro Concellos de toda Galicia que foron seleccionados na segunda convocatoria europea de fondos DUSI. A contía da axuda ascende a 5 millóns de euros, pero será incrementada ata os 6.250.000 euros coa achega que terá que poñer o propio Concello a través de fondos propios. Na primeira convocatoria Ames quedara ás portas cunha puntuación de 58,75 puntos e a tan só 1,5 puntos de ser elixido para recibir dita subvención. Despois de realizar unha modificacións para mellorar a estratexia de Impulsa Ames, conseguiu ser un dos concellos seleccionados.

O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “o feito de non ter acadado o financiamento na anterior ocasión, co paso do tempo podemos dicir que foi algo positivo, porque agora Ames logra o financiamento de 5 millóns de euros, mentres que o último seleccionado da primeira fase tan só puido obter 3,1 millóns de euros. Para o goberno municipal esta é unha das máis importantes novas dos últimos anos e premia o gran esforzo que dende a Administración se estivo a facer”.

Asemade, Miñones agradeceulle aos técnicos municipais a labor feita e todo o traballo realizado, xunto á empresa consultora Eosa, para poder conseguir esta subvención europea. Tamén tivo palabras de agradecemento para os grupos da oposición que colaboraron na redacción do proxecto e na aprobación do programa Impulsa Ames vía pleno, e á veciñanza que participou de xeito activo nas propostas e reunión que tiveron lugar ao longo das semanas de redacción.

O plan Impulsa Ames ten unha vixencia ata o ano 2020 con 5 liñas de actuación tanto no ámbito social, climático e enerxético, ambiental, demográfico e económico. En primeiro lugar, tratarase de aproveitar o potencial das novas tecnoloxías de comunicación para reducir os desequilibrios existentes entre o ámbito urbano e o rural no acceso aos servizos municipais, mellorando co uso das TICs a cohesión social, e aproveitando o seu potencial para por en valor os recursos naturais e culturais do concello e unha xestión enerxética e de mobilidade máis eficiente. Deste xeito, dotarase ao concello de máis espazos verdes e sendas peonís para acadar unha mellor conectividade; dinamizarase a economía local; e fixarase a poboación xove cun Ames máis accesible e integrado.

A través das diferentes anualidades Ames irá implantando cada unha das accións estratéxicas en cada ámbito de actuación. A dimensión transversal deste plan de impulso para o Concello terá unha repercusión directa na mellora dos servizos e infraestruturas de Ames.

Actuacións específicas
Co financiamento acadado o goberno poñerá en marcha un programa de implantación da e-administración con aplicación de novas TICs nos servizos municipais, tales como o alumeado público ou edificios da administración. Para elo destínanse 490.000 euros de fondos europeos. Outra das accións de maior calado, cun orzamento que roza o millón de euros, será a posta en marcha dun transporte público que permita a conectividade no propio concello favorecendo a mobilidade e a redución de emisións de CO2. Ademais, estudarase o transporte baixo demanda para a cobertura das parroquias cos núcleos urbanos.

Con case medio millón de euros levarase a cabo a creación dunha rede de sendas que melloren a conectividade no municipio. Buscarase crear sendeiros seguros para os centros escolares de CEIP Ventín, Agro do Muíño, CEIP A Maía e IES de Ames. A mellora da eficiencia enerxética, xa iniciada polo goberno municipal no Milladoiro, terá a súa continuidade cunha actuación integral sobre o alumeado público tanto en renovación do mesmo como na instalación de sensores lumínicos, que será estendido aos edificios administrativos do Concello.

Programa de revitalización e valorización urbana dos núcleos
A contía de maior valor, 1.900.000 euros, será para o programa de revitalización e valorización urbana dos núcleos. Este programa contempla, por un lado, actuacións en materia de accesibilidade coa eliminación de barreiras urbanas en prazas, xardíns e beirarrúas tratando de complementar o investimento do goberno xa aprobado en edificios municipais nesta mesma materia. Outra das accións será para dar solución á demanda do núcleo de Milladoiro coa creación dun espazo verde no centro e que permita vertebrar o núcleo urbano.

As actuacións en materia urbanística terán continuidade coa peonalización de rúas no centro urbano de Bertamiráns, favorecendo o ocio e as actividades comerciais da zona. O plan Impulsa Ames tamén recolle actuacións de dinamización da vida social e cultural, de xeito que se destinarán 1.200.000 euros para a construción dun Centro multidisciplinar dirixido principalmente á mocidade amesá e para o emprendemento de novas iniciativas empresariais e autónomos. Finalmente, en materia social, destinaranse 550.000 euros para dar solución de vivenda ás persoas en risco de exclusión sen aloxamento, así como para o programa Ames emprega e integra e para a dinamización económica e o fomento do emprego.

Os fondos acadados distribuiranse principalmente ao longo das anualidades 2018, 2019 e 2020, de xeito que será no ano 2019 no que maior cantidade económica se invista. Miñones afirma que “o programa Impulsa Ames transformará o noso concello e sumarase aos importantes proxectos xa postos en marcha”.

Contido relacionado:


El Correo Gallego: "Ames consegue 5 millóns de fondos europeos para desenvolvemento urbano"
La Voz de Galicia: "El plan Edusi prevé un Milladoiro más verde y vías peatonales en Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Viviendas para los desfavorecidos y bus local con Edusi Ames"
La Voz de Galicia: "Los fondos Edusi dejan en las ciudades gallegas 35 millones"

Imaxe da praza do Concello